A Xunta Directiva da Academia Galega do Audiovisual vese na obriga de informar que un erro notarial no reconto dos votos para a elección dos finalistas na décimocuarta edición dos premios Mestre Mateo alterou o resultados anunciados o pasado luns. A xunta directiva lamenta profundamente a situación que este erro orixina e os prexuízos que os cambios supoñen para os artistas e as obras que foron sinaladas como finalistas como consecuencia deste erro.

A Academia Galega do Audiovisual solicitou do notario unha revisión do reconto dos votos emitidos e unha comprobación co reconto inicial e cos resultados rexistrados na primeira acta notarial. O resultado das comprobación sinalou que hai trece candidaturas afectadas polo erro no primeiro reconto notarial (Comunicador/a TV, Dirección, Guión, Interpretación feminina protagonista, Interpretación masculina de reparto, Montaxe, Música orixinal, Programa de TV, Realización, Serie TV, Vestiario, Videoclip e Anuncio publicitario).En cada unha das categorías mal recontadas, o erro afecta a un dos finalistas anunciados, excepto no caso de Anuncio publicitario.

O erro no reconto foi detectado no momento de preparar a plataforma dixital de votación para a fase final dos premios Mestre Mateo. A plataforma, que se utilizou por primeira vez como sistema único do voto nesta edición, ordena automaticamente as catro obras ou artistas máis votados en cada categoría antes de colocalas nas páxinas nas que votan os socios da Academia. No momento de preparar a segunda rolda de votación, os datos incluídos na acta notarial e os que ofrecía a plataforma dixital non coincidiron polo que se realizou un novo reconto cun resultado diferente do que rexistraba a acta notarial inicial.

Da maneira máis urxente, a Xunta Directiva decide dar a coñecer os novos resultados das votacións e pedir desculpas a todos os afectados de maneira persoal, aos socios e ao sector e aos espectadores de maneira pública. Ademais de convocar da xeito máis urxente unha rolda de prensa para dar a coñecer o erro e os novos datos, a Xunta Directiva convoca unha asamblea extraordinaria urxente para o vindeiro sábado (11.30 horas, Auditorio de Galicia), na que se dará conta do erro e da súa resolución e na que, ademais da directiva, dos responsables da plataforma de votación, participará o notario responsable do reconto.

A Xunta Directiva dóese da situación que este erro orixina para os premios Mestre Mateo e para a Academia Galega do Audiovisual e pide disculpas aos afectados directamente a quen se poida sentir agraviado por esta circunstancia.