“O Descoñecido” colleita doce premios Mestre Mateo

25 / 04 / 2016

A decimocuarta edición dos premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual saldouse con doce galardóns para a longametraxe “O Descoñecido”. A película de Vaca Films, dirixida por Dani de la Torre levaba recollidos unha ducia de premios, incluídos o de mellor película, mellor director e os catro Mestre Mateo nas catro categorías de interpretación. A longametraxe case monopolizou a noite. Tras “O Descoñecido”, “Lobos sucios” foi a seguinte obra no palmarés obtendo dous premios.

A gala celebrada no Pazo da Ópera da Coruña foi presentada por Marga Pazos e Xosé A. Touriñán e ademais do humor, a gala foi alternando a historia do audiovisual galego desde a primeira película galega,”Miss Ledya”, coa utilización de novos xeitos de comunicación audiovisual, as redes ou o uso de drones. Polo escenario coruñés tamén pasaron as verbas de Manuel María e unha reivindicación do sector audiovisual en todos os seus eidos.

Durante algo máis de dúas horas a gala ofreceulle escenario aos oficios que habitualmente non se pode aprezar o seu traballo. Electricistas, técnicos de son, rexedores, responsables de vestiario entre outros, pasaron polo escenario dos Mestre Mateo como entregadores de premios e para contar como son os seus labores nas películas e nas series galegas. A cerimonia, tamén como demostración das habilidades e do porvir do sector contou coa Banda Xabarín, formada por alumnas de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago. A banda aproveitou para repasar os grandes éxitos do Xabarín Club.

Na noite dos Mestre Mateo entregouse tamén o Premio de Honra “Fernando Rey” ao director de cine Xavier Villaverde. O realizador salientou a importancia dos equipos e fixo fincapé na limitada presencia de mulleres na dirección do cine a pesar de que “no audiovisual estamos máis concienciados que noutros sectores”. Villaverde explicou que se “unha sociedade non coida o talento, non pode progresar”.

Etiquetas: