O CGAI PROGRAMA UN CICLO DE PROXECCIÓNS CON TRES OBRAS DE LUCRECIA MARTEL

11 / 06 / 2009

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI, rúa Durán Loriga, 10 baixo, A Coruña) comeza mañá venres día 12 de xuño (20.30 horas), coa proxección de LA CIÉNAGA (2000) de Lucrecia Martel, o ciclo dedicado a esta cineasta arxentina.


Lucrecia Martel (Salta, 1966) é autora de tres películas onde amosa a súa capacidade como sutil e intelixente escrutadora do horror cotián. Coa excelente recepción que observa La ciénaga (2000) no festival de Berlín de 2001, Martel xa amosa as liñas e trazos fundamentais polos que fluirá con rigor o seu traballo: a (perversa) relación co son facilita sempre un desasosego extremo e persistente; o desencadre medido funciona como figura estilística; o clima de cárcere visual con planos pechados e asfixiantes moldea auténticas xeografías de corpos; os personaxes constitúen un putrefacto catálogo de relacións suxeridas que deixan paso á inquietante prevalencia da palabra. De maneira asombrosa, como cineasta superdotada Martel xoga as súas bazas en todos os terreos expresivos sobre os que o cine crea (imaxe, texto, son). As súas seguintes películas, La niña santa (2004) e La mujer rubia / La mujer sin cabeza (2008) son producidas parcialmente por un sagaz Pedro Almodóvar moi capaz de captar o seu punto de vista moral desconcertante e o trasfondo de (proveitoso) misterio que preside a nosa existencia máis banal e mesmo doméstica. A autora prepara na actualidade unha adaptación do clásico do cómic arxentino, “El Eternauta”.
 
Venres 12 (20.30 horas) e martes 16 de xuño (20.30 horas):
LA CIÉNAGA
   
(Arxentina-España, 2001)
Dirección e guión: Lucrecia Martel. Produción: Lita Stantic para Cuatro Cabezas Films. Fotografía: Hugo Colace. Intérpretes: Mercedes Morán, Graciela Borges, Martín Adjemián. Duración: 103 minutos.
A descomposición parece o destino da familia Borges, membros dunha burguesía arxentina de provincias en decaemento, cando nos atopamos nos últimos días dun verán. A súa casa orixinaria e a piscina podre presaxian o peor: Mecha, a nai alcoholizada, intentou suicidarse e a curmá Tali vén desde Bolivia a visitala. En medio dun clima húmido e asfixiante, a modo de saga familiar, artéllase a mellor representación do declive da sociedade (arxentina). A conmoción causada desde os primeiros e inesquecibles planos –elocuente narración de zombis ciscados- desvela un título onde os mellores achados e trazos do cine de Martel xa aparecen.      

Venres 19 (20.30 horas) e sábado 20 de xuño (18.00 horas):
LA NIÑA SANTA     
(Arxentina-Italia-Holanda-España, 2004)
Dirección: Lucrecia Martel. Guión: Lucrecia Martel e Juan Pablo Domenech. Produción: Lita Stantic para La Pasionaria S.rl, R&C Produzioni, Teodora Film, El Deseo SA, Fondazione Montecinemaverita, Hubert Bals Fund. Fotografía: Félix Monti. Intérpretes: Mercedes Morán, María Alche, Carlos Belloso. Duración: 106 minutos.
O espertar á adolescencia dunha rapaza autoriza unha coherente fábula naturalista. Amalia, sumida en disquisicións que van do sexo a Deus, detense na rúa para escoitar a un músico. Un home maduro arrímase a ela de forma osbcena. Amalia descobre que se aloxa no hotel que rexenta a súa familia para participar nun congreso médico. A rapaza obsesiónase pola salvación deste home, alcanzando o seu labor o carácter de misión mística.        

Sábado 27 (20.30 horas) e martes 30 de xuño (20.30 horas):
LA MUJER SIN CABEZA / LA MUJER RUBIA     
(Arxentina-España-Francia-Italia, 2008)
Dirección e guión: Lucrecia Martel. Produción: El Deseo (España), Aquafilms (Arxentina), Slot Machine (Francia), Teodora R&C (Italia). Fotografía: Bárbara Álvarez. Intérpretes: María Onetto, Claudia Cantero, Inés Efron. Duración: 89 minutos.
Verónica, unha muller loura e desorientada, procura a axuda dos seus despois dunha brusca freada que sofre como condutora por unha estrada secundaria. Alcanza a golpear a alguén, un corpo inerte que deixa abandonado. A súa fuxida permite espertar as contradicións e feridas de todo un microcosmos social, o estrato elevado impregnado de totalitarismo que apaga calquera desexo individual. Recibida de xeito polémico en Cannes 2008, un dos títulos máis impresionantes dos últimos tempos.

Categoría: Novas
Etiquetas: