O CENTRO GALEGO DE ARTES DA IMAXE (CGAI) comeza mañá martes día 18 de xaneiro (20.00 horas) un ciclo –que abarcará toda a semana- dedicado ao produtor Eduardo Ducay, figura clave en títulos importantes da historia do cine español como LOS CHICOS (1959) de Marco Ferreri, PADRE NUESTRO (1985) de Francisco Regueiro, EL BOSQUE ANIMADO (1987) de José Luis Cuerda ou TRISTANA (1970) de Luis Buñuel, coa que comeza o ciclo. 

A homenaxe, en colaboración coa Asociación Española de Historiadores del Cine (AEHC), terá unha mesa redonda (mañá ás 20 horas) coa presenza do propio Eduardo Ducay, o presidente da AEHC, o historiador Julio Pérez Perucha, e os consocios da AEHC Manolo González e Héctor Paz, que falarán sobre distintos aspectos da obra de Ducay (el mesmo director de estimables curtas). Logo se proxectará TRISTANA (1970)  de Luis Buñuel.
A entrada a todas as sesións é gratuíta.

MARTES 18 de xaneiro (20.00 horas) 
TRISTANA (España-Francia-Italia, 1970) Dirección: Luis Buñuel. Guión: Luis Buñuel e Julio Alejandro, sobre a novela de Benito Pérez Galdós. Produción: Época Films, Tália Films, Selenia Cinematográfica e Les Films Corona. Fotografía: José F. Aguayo. Intérpretes: Fernando Rey,  Catherine Deneuve, Franco Nero. Duración: 96 minutos. Case dez anos despois da rodaxe de  Viridiana, o xenial, sempre perigoso e subversivo Luis Buñuel volvía realizar un filme español,  con coprodución de Eduardo Ducay. Adaptación dunha novela epistolar de Galdós, Buñuel  achégase ao Toledo dos anos 20 que coñeceu moi ben persoalmente- para dispoñer un relato con parella marcada pola diferenza de idade (o hidalgo Don Lope e a orfa a quen acolle,  Tristana, en plena ditadura de Primo de Rivera) cheo de actores impagables -xunto a uns  axustados Fernando Rey e Catherine Deneuve sobresaen Lola Gaos, Antonio Casas, José Calvo  ou Sergio Mendizábal- e elementos perturbadores da súa colleita. Nomeamento ao Óscar á  mellor película estranxeira e preto de 2 millóns de espectadores nos cines españois. 

MÉRCORES 19  de xaneiro (18.00 e 20.45 horas) 
EL MITÍN (España, 1978) Dirección e guión: Eduardo Ducay, coa colaboración de Manuel  Vicent, Gloria Carrión e Bernardo Fernández. Produción: Cinetécnica. Duración: 11 minutos. A celebración dun mitin unitario de partidos de esquerda en Valverde del Fresno (Cáceres) o 26  de febreiro de 1978, o primeiro desde o estalido da guerra civil, dá lugar a un filme  documental que non obtén licenza de exhibición ata 1983.

¡DAME UN POCO DE AMOOOOR…! (España, 1968) Dirección: José María Forqué. Guión:  Eduardo Ducay, Juan Cobos, José Maria Forqué e Carlos Muñiz. Produción: Estudios Moro.  Fotografía: Francisco Sempere. Intérpretes: Los Bravos, Rosenda Monteros. Duración: 87  minutos. Un alquimista chinés está atrapado por un malvado que o quere obrigar a descubrir  un elixir máxico que lle permita dominar a humanidade. A filla deste e os mozos dun grupo  musical acudirán no seu rescate. A máis ambiciosa das incursións cinematográficas do mítico  grupo musical ³Los Bravos² ten dirección de Forqué e guión, entre outros, de Ducay,  presentándose directamente como un insólito e divertido cómic que parodia as aventuras de Fu-Manchú e o cine de espías ao uso mentres recolle con suma agudeza as correntes  socioculturais da época desde a psicodelia ao pop- chegando a inserir un segmento de  animación elaborado por Francisco Macián. Aparicións de secundarios estimulantes como Laly  Soldevila, José Luis Coll, Tomás Zori ou Álvaro de Luna, así como numerosos achados visuais  nunha película moi persoal e orixinal.  

XOVES 20 de xaneiro (18.00 e 20.45 horas) 
CARTA DE SANABRIA (España, 1955) Dirección e guión: Eduardo Ducay. Produción: UNINCI.  Fotografía: Juan Julio Baena. Duración: 18 minutos. Localizado en Zamora, como sinala a   historiadora Alicia Salvador, baixo ³a aparencia dun filme industrial de encargo, foi un intento  de documental de audacia social sobre unha área profundamente deprimida². Escrito por  Ducay, outro mozo aragonés, Carlos Saura, tomaba ao tempo fotografías do lugar.  

LOS CHICOS (España, 1959) Dirección: Marco Ferreri. Guión: Marco Ferreri e Leonardo  Martín, segundo argumento do segundo. Produción: Época Films, Tecisa e Procusa. Fotografía: Francisco Sempere. Intérpretes: Joaquin Zarzo, Alberto Jiménez, Ana María Vidal. Duración: 90  minutos. Tres rapaces o Negro, Carlos e Andrés- reúnense no quiosco do Chispa unha tarde de  chuvia. Carlos ten que estudar e os outros van ao cine. As ilusións e soños de cada un deles  pronto se exteriorizan: Andrés quere ser toureiro; Carlos aspira a ter amoríos cunha veciña  vedette; o Negro ten graves problemas familiares; o Chispa vive agobiado polo seu amargo  xefe. Logo d´El pisito, e antes d´El cochecito (1961), o italiano Marco Ferreri, na súa segunda  longametraxe, volvía enfrascarse na España máis cotiá, represiva e gris, co rexeitamento da  crítica e as autoridades da época, que a consideraron ³pouco edificante². De ton diferente aos  outros dous títulos do Ferreri español, asoman ecos neorrealistas e un elenco singular, onde
destacan secundarios inesquecibles como Félix Dafauce e María Luisa Ponte. 

VENRES 21 de xaneiro (18.00 horas) 
LANCELOT 28-7 GRADOS (España, 1981) Dirección e guión: Eduardo Ducay. Produción:  Cinetécnica. Fotografía: Magi Toruella. Duración: 9 minutos. Curtametraxe documental  dedicada á figura do poeta canario surrealista Agustín Espinosa (1897-1939). O título provén  da situación da illa de Lanzarote.  

PADRE NUESTRO (España, 1985) Dirección: Francisco Regueiro. Guión: Ángel Fernández-Santos Francisco Regueiro. Produción: Eduardo Ducay para Classic Films Production. Fotografía: Juan  Amorós. Intérpretes: Fernando Rey, Paco Rabal, Victoria Abril. Duración: 102 minutos. Cineasta  excepcional na historia do cine español, Regueiro levaba dez anos sen facer cine ‹desde Las  bodas de Blanca (1975)‹ cando retorna con esta excelente traxedia. Un vello cardeal español  mantén un diálogo íntimo co Santo Padre, case unha confesión. Vai morrer en menos dun ano  e quere arranxar varios asuntos de orde persoal. Volve á casa e inicia unha serie de reencontros, desde unha antiga moza, coa que tivo unha filla, agora prostituta, ata o seu  bondadoso irmán, a nai e o home que casou coa moza. Un proxecto longamente madurado,  preludio de Diario de invierno (1988), reforzado por un consistente reparto, completado por  Emma Penella, Amelia de la Torre, Rafaela Aparicio, Lina Canalejas ou José Vivó.  

VENRES 21 de xaneiro (20.45 horas) 
TRAMPA PARA CATALINA (España, 1961) Dirección: Pedro Lazaga. Guión: José Luis Colina, José  María Palacio e Pedro Lazaga. Produción: Época Films. Fotografía: Juan Julio Baena. Intérpretes: Concha Velasco, Antonio Ozores, Manolo Gómez Bur. Duración: 97 minutos. Silvia,  a filla dun millonario, decide escapar cun toureiro do que está namorada, pero precisa que  alguén a substitúa na casa para que seu pai non sospeiteŠ Por tal motivo busca a Catalina,  unha moza que garda semellanza física con ela. Unha das escasas películas do prolífico director  Pedro Lazaga valorada pola crítica, que, non obstante, non obtivo o éxito comercial merecido.  Sobre os temas do dobre, o equívoco, a aprendizaxe e a desaparición, artéllase unha robusta,  sutil e crítica comedia que, de paso, parodia as ditaduras (latinoamericanas).