O CGAI COMEZA A SÚA PROGRAMACIÓN DO 2011

7 / 01 / 2011

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) (Rúa Durán Loriga, 10 baixo, A Coruña) inicia a súa programación de 2011 éste venres día 7 de xaneiro con dúas proxeccións do novo ciclo Escola de Berlín, dedicado a parte do cine alemán recente máis estimulante. O ciclo comeza ás 18 horas co pase de NACHMITTAG (2007) de Angela Schanelec e ás 20.45 horas (novo horario, que sustitúe ás 21 horas dos meses previos) coa proxección de SCHLÄFER (2005) de Benjamin Heisenberg.  

Un ciclo en colaboración con: 48 FICXixón, Goethe Institut, IVAC-La Filmoteca (Valencia), Filmoteca de Cantabria.

ESCOLA DE BERLÍN
Despois dunha etapa de certo estancamento e clara transición, principalmente a década dos 80 coa decadencia ou desaparición de parte do Novo Cine dos 60-70 (morte de Fassbinder, agonía creativa de Wenders, case marxinalidade dos Kluge, Schroeter ou Syberberg, internacionalización apátrida de Herzog), a cinematografía alemá atopa resurrección grazas á aparición de novas figuras. Asistimos a unha nova onda con dous movementos. O primeiro correspóndese á chegada da Academia Alemá de Cine e Televisión (DFFB), creada en 1966, moi politizada e con alumnos como Thomas Arslan, Christian Petzold e Angela Schanelec (e profesores como Harun Farocki e Hartmut Bitomsky), que adquire relevancia desde mediados dos 90. Analistas de conflitos individuais, baseados na depuración, o naturalismo visual, o uso da elipse, o distanciamento emocional e a esencialidade narrativas, o seu bautismo prodúcese a partir de 2001 cando a crítica inaugura o termo “Berliner Schule” (Escola de Berlín). En simultáneo á consagración destes cineastas e co novo século, xorde un novo grupo de autores, un segundo movemento, entre os que destacan directores como Valeska Grisebach, Maria Speth, Ulrich Köhler ou Henner Winkler, moi capaces de realizar meritorias operas primas e de afirmar a súa traxectoria a continuación. Sobrios e insubornables, cohesionados á súa maneira, pasan de películas sobre os desaxustes da adolescencia a unha disección en xeral das desestruturacións da sociedade marcada polo carácter de radiografía do cotián, de percepción das súas mutacións e desprazamentos. Todo isto, con inclusións como a de Maren Ade, sucede mentres nos últimos anos o grupo máis veterano se achega ao relato de xénero para subvertelo de forma sutil. Presentamos un percorrido por un dos fenómenos fílmicos máis suxestivos da cinematografia europea recente, do que o CGAI, en colaboración unha vez máis co Festival Internacional de Cine de Gijón, o Goethe Institut, a Filmoteca de Cantabria e IVAC-La Filmoteca de Valencia, fai unha escolma de títulos.       

VENRES 7 DE XANEIRO (18.00 horas)
NACHMITTAG / [TARDE]    
(Alemaña, 2007)
Dirección e guión: Angela Schanelec, sobre La gaviota de Anton Chejov. Produción: Nachmittagfilm e ZDF. Fotografía: Reinhold Vorschneider. Intérpretes: Jirka Zett, Miriam Horwitz, Angela Schanelec. Duración: 97 minutos.
Moi persoal adaptación de La Gaviota de Chejov por parte da actriz teatral Angela Schanelec. Tres tardes de verán de minuciosa observación, nas que todo semella apto para unhas agradables vacacións: a casa a carón dun lago, a familia reunida, un clima propicio. O cansazo e a melancolía fíltranse no ambiente reflectindo as relacións esgotadas, o desencanto, a decadencia. Vemos languidecer un mozo con ambicións literarias xunto a súa nai, actriz, mentres intuímos unha desapaixonada relación coa súa moza. Varias criaturas máis transitan ao redor nunha narración que mestura serenidade e amargura.
 
VENRES 7 DE XANEIRO (20.45 horas)
SCHLÄFER    
(Austria-Alemaña, 2005)
Dirección e guión: Benjamin Heisenberg. Produción: Juicy Film, Coop 99, Arte, HFF e ZDF. Fotografía: Reinhold Vorschneider. Intérpretes: Bastian Trost, Mehdi Nebbou. Duración: 100 minutos.
Johannes, estudante de postgrao, comeza a traballar nun departamento da Universidade Técnica de Múnic. Alí atopa un colega alxeriano, Farid, que se move en liñas de investigación similares. Cando a relación se estreita, o servizo secreto contacta a Johannes para que vixíe a Farid, pois cren que pode ser un “durminte”, un terrorista temporalmente inactivo. Johannes é reticente, mais o paralelismo das súas vidas fai que se estableza entre ambos unha relación de rivalidade, laboral e ao tempo sentimental. Johannes vai dubidar dos pasos a dar ante as autoridades. A primeira longametraxe do director da excelente Der Räuber.     
 
MARTES 11 DE XANEIRO (18.00 horas)
JERICHOW    
(Alemaña, 2008)
Dirección e guión: Christian Petzold. Produción: Schramm Film Corner&Weber. Fotografía: Hans Fromm. Intérpretes: Benno Fuermann, Nina Hoss. Duración: 93 minutos.
Thomas volve a casa logo da morte de súa nai. Ademais de reencontrarse co pasado, atópase cunha importante débeda. Logo dunha baixa deshonrosa como soldado en Iraq, non lle quedan moitas opcións para saír adiante. Un día, por casualidade, axuda a un home que queda varado co coche no río. O home procúralle emprego na súa cadea de restaurantes e convérteo no seu home de confianza. Pero Thomas vai coñecer e sentir unha forte atracción pola muller de Ali, Laura. Sección Oficial en Venecia 2008.
 
MARTES 11 DE XANEIRO (20.45 horas)
KLASSENFAHRT   
(Alemaña-Polonia, 2002)
Dirección: Henner Winkler. Guión: Henner Winckler e Stefan Kriekhaus. Produción: Tempus, Schramm Film Corner & Weber e ZDF. Fotografía: Janne Busse. Intérpretes: Steven Sperling, Sophie Kempe. Duración: 86 minutos.
A opera prima de Winkler retrata un grupo de adolescentes chegados á costa báltica de Polonia en viaxe de estudos. Ao dispoñer de tempo libre, os mozos recoñecen o lugar e celebran o afastamento paterno. Entre os estudantes está Ronny, un rapaz calado e pusilánime que non se relaciona demasiado co resto. Steven, o seu compañeiro de cuarto, aproveita a viaxe para deitarse coa súa moza, Martina, de modo que Ronny se verá compartindo estancia con Isa, coa que comeza a flirtear. Un día, achéganse a unha discoteca local, onde Isa inicia unha amizade con Marek, un mozo que traballa como empregado de hotel. Minuto a minuto irá aumentando a tensión entre Ronny e o seu rival polaco polas atencións de Isa, un posible preludio de traxedia.

MÉRCORES 12 DE XANEIRO (18.00 horas)
FERIEN / [VACACIÓNS]    
(Alemaña, 2007)
Dirección e guión: Thomas Arslan. Produción: Pickpocket Filmproduktion e ZDF. Fotografía: Michael Wiesweg. Intérpretes: Angela Winkler, Karoline Eichhorn. Duración: 91 minutos.
Nunha casa de campo en plenas vacacións conflúen unha parella e o seu fillo adolescente cos visitantes, a filla máis vella, acompañada de home e fillos, a filla mediana, cantante, e a avoa. O aparente ambiente festivo devén nunha tensión que forza a saída á superficie dos pequenos dramas que levan gardando o resto do ano. Unha infidelidade, un desencanto, unha enfermidade, unha elección de vida que resulta non ser acertada. Cambios pequenos na superficie que deixan pisadas profundas no espírito.
 
MÉRCORES 12 DE XANEIRO (20.45 horas)
YELLA    
(Alemaña, 2007)
Dirección e guión: Christian Petzold. Produción: Schramm Film Koerner & Weber, ZDF e Arte. Fotografía: Hans Fromm. Intérpretes: Nina Hoss, Devid Striesow. Duración: 88 minutos.
Yella vive nunha sorte de fuxida constante. A súa inquietude ten unha raíz real: a persoa coa que, ata hai moi pouco, compartía relación e negocio. O ex compañeiro de Yella non asimila a ruptura. Condicionada por isto e pola súa propia mala sorte, Yella procura traballo nunha cidade veciña. A fantasmagoría e a estrañeza, as copas das árbores, os investimentos de alto risco e os berros dos corvos acompáñana, creando unha realidade difusa e flotante. Premio en Berlín á actriz Nina Hoss. 
 
XOVES 13 DE XANEIRO (18.00 horas)
SEHNSUCHT / LONGING / NOSTALGIA 
(Alemaña, 2006)
Dirección e guión: Valeska Grisebach. Produción: Peter Rommel Productions. Fotografía: Bernhard Keller. Intérpretes: Andreas Müller, Ilka Welz, Anett Dombusch. Duración: 85 minutos.
Un pequeno paraíso próximo a Berlín con douscentos habitantes e unha vida cómoda e apracible. Markus e a súa muller residen alí, xuntos desde sempre, cun fillo e unha relación perfecta. El traballa nunha empresa metalúrxica e como bombeiro voluntario. Nunha cea do corpo de bombeiros cea, canta, bebe e, pola mañá, esperta desmemoriado e en compañía doutra muller. Gañadora do principal premio no certame de Xixón 2006.           
 
XOVES 13 DE XANEIRO (20.45 horas)
GESPENSTER    
(Alemaña-Francia, 2005)
Dirección: Christian Petzold. Guión: Christian Petzold e Harun Farocki. Produción: Schramm Film Koerner & Weber, Arte, BR e Les Films des Tournelles. Fotografía: Hans Fromm. Intérpretes: Julia Hummer, Sabine Timoteo. Duración: 85 minutos.
Un home viaxa de París a Berlín na procura da súa muller. Atópaa nun sanatorio e lévaa de volta a París. A súa esposa, Francoise, vai a Berlín todos os anos na procura dunha filla secuestrada cando tiña tres anos. Un día Francoise descobre unha moza vagabunda, Nina. Francoise  pensa que é a súa filla desaparecida. Outro relato fantasmal de Christian Petzold, presente con tres películas neste ciclo.

VENRES 14 DE XANEIRO (18.00 e 20.45 horas)
ALLE ANDEREN / ENTRE NOSOTROS
(Alemaña, 2009)
Dirección e guión: Maren Ade. Produción: Komplizen Film Production. Fotografía: Bernhard Keller. Intérpretes: Birgit Minichmayr, Lars Eidinger. Duración: 119 minutos.
Chris e Gitty son unha parella nova que pasan as súas vacacións en Sardeña, na casa dos pais del. Chris é un arquitecto innovador pero inseguro, e Gitty, divertida e orixinal, traballa de relacións públicas nunha discográfica. Aínda que namorados, están en período de mutuo coñecemento. Xuntos e illados na casa e a piscina, todo parece ir ben. Cando Chris atopa un vello amigo e a súa embarazada esposa, parella modélica, empezan a facerse patentes as pequenas (pero non insignificantes) diferenzas entre Chris e Gitty.

Categoría: Novas
Etiquetas: