En 1970 o cineasta santanderino Paulino Viota rodou a súa primeira longametraxe, Contactos, a partires dun guión de Santos Zunzunegui. O argumento abordaba a vida cotiá da resistencia clandestina antifranquista. A película, por suposto, rodouse na clandestinidade, sen ningunha autorización legal preceptiva na época. Moi influída polas teorías da Praxis del cine de Noël Burch, ata o propio Burch chegou a gabar Contactos, converténdose nun filme de culto que, por culpa da precariedade dos materiais conservados (a película rodárase en 16mm), apenas alcanzou difusión máis alá de contadas proxeccións en filmotecas e festivais. En 2009 Filmoteca Española acometeu a restauración da película, presentada en febreiro deste ano en Pamplona no Festival Punto de Vista. Para a ocasión, o propio Viota propuxo un programa con outras dúas películas coas que Contactos establecería un diálogo e que agora se poderán ver tamén no CGAI. Por unha banda, Invasión (1969), a mítica película de Hugo Santiago realizada a partires dun guión de Jorge Luis Borges e Adolfo Bioy Casares sobre un grupo de resistentes nunha cidade que foi sitiada polas forzas inimigas. Pola outra, Jeanne Dielman, 23 Quai du Commerce, 1080 Bruxelles (1975), de Chantal Akerman, película sobre a rutina diaria dunha ama de casa que exerce a prostitución.


Contactos foi incorporada á colección permanente do Reina Sofía, institución que colaborou no proceso de restauración capitaneado por Alfonso del Amo (Filmoteca Española). A presentación no CGAI correrá a cargo de Paulino Viota, acompañado de Guadalupe G. Güemes, protagonista da película.
 
7 de decembro (18.00 e 21.00 horas)
INVASIÓN
(Arxentina, 1969)
Dirección: Hugo Santiago. Guión: Hugo Santiago e Jorge Luis Borges, sobre argumento de Jorge Luis Borges e Adolfo Bioy Casares. Produción: Proartel SA. Fotografía: Ricardo Aronovich. Intérpretes: Olga Zubarry, Lautaro Murúa. Duración: 123 minutos.
“Invasión é a lenda dunha cidade, imaxinaria ou real, sitiada por fortes inimigos e defendida por uns poucos homes, que acaso non son heroes. Loitarán ata a fin, sen sospeitar que a súa batalla é infinita” (Jorge Luis Borges). Sesión inaugural da I Quincena de Realizadores de Cannes e mención especial en Locarno 1969, coa colaboración de Borges no guión, sobre argumento de Borges e Bioy Casares.  

9 de decembro (18.00 e 21.00 horas)
CONTACTOS
(España, 1970)
Dirección e produción: Paulino Viota. Guión: Javier Vega e Santos Zunzunegui. Fotografía: Ramón Saldías. Intérpretes: Guadalupe G. Güemes, Eka García. Duración: 70 minutos.  
Unha muller nova que acaba de chegar a unha cidade de provincias e dous homes dunha asociación clandestina coinciden nunha pensión. Eles preparan algo e implícana, aínda que só ata certo punto. Un día, dous suxeitos chegan á pensión preguntando por un dos homes.
Presentación (21.00 horas) a cargo de Paulino Viota e Guadalupe G. Güemes.  

10 de decembro (20.00 horas)
JEANNE DIELMAN, 23 QUAI DU COMMERCE, 1080 BRUXELLES
(Bélxica, 1975)
Dirección e guión: Chantal Akerman. Produción: Paradise Films, Unité Trois, Ministerio de Cultura Français de Bélxica. Fotografía: Babette Mangolte. Intérpretes: Delphine Seryg, Jan Decorte. Duración: 201 minutos.
Tres días na vida de Jeanne Dielman, ama de casa que traballa como prostituta para manterse a si mesma e o seu fillo. Vemos a rutina doméstica de Jeanne, a cociña, a limpeza, o coidado do seu fillo, o seu traballo. Todo transcorre sen novidades, pero ao terceiro día a rutina comeza a alterarse. 
Presentación a cargo de Paulino Viota.