O arquivo audiovisual da TVG conta con máis de 400.000 horas de imaxes

17 / 12 / 2004

María Jesús López Elvira, Mª José Riestra e Luz Román Portas, documentalistas da TVG, presentaron hoxe no decurso do II Congreso Galego Audiovisual unha Comunicación sobre “O arquivo audiovisual da TVG: un arquivo público e aberto á sociedade”. Nela, percorren a Recomendación que sobre a salvagarda e conservación de imaxes en movemento redactara a Conferencia Xeral da UNESCO en outubro de 1980, dando así un gran paso no recoñecemento cultural e xurídico dos arquivos audiovisuais.
O arquivo audiovisual da TVG conta con máis de 400.000 horas de imaxes

Documentalistas da TVG presentaron a súa comunicación no II Congreso Galego Audiovisual

Santiago, venres 17 decembro 2004.- María Jesús López Elvira, Mª José Riestra e Luz Román Portas, documentalistas da TVG, presentaron hoxe no decurso do II Congreso Galego Audiovisual unha Comunicación sobre “O arquivo audiovisual da TVG: un arquivo público e aberto á sociedade”. Nela, percorren a Recomendación que sobre a salvagarda e conservación de imaxes en movemento redactara a Conferencia Xeral da UNESCO en outubro de 1980, dando así un gran paso no recoñecemento cultural e xurídico dos arquivos audiovisuais.

Sen embargo, e en xeral, a sociedade ainda non lles concede a importancia que a outras institucións culturais emparentadas con eles. Neste século, enfrentámonos ó reto de construir unha sociedade da información multicultural e aberta, que lle dea valor ó coñecemento e na que a información e a educación sexan accesibles a todos. Vivimos nun mundo en que as imaxes son primordiais para o noso enriquecemento cognoscitivo e así, os arquivos audiovisuais pódense converter nunha nova fonte de coñecemento.

En Galicia, o Arquivo Audiovisual da TVG nace coa posta en marcha da Televisión de Galicia en xullo de 1985. Neste momento o seu fondo documental, con máis de catrocentas mil horas de imaxes, constitúe o principal e case único banco de imaxes sobre a realidade de Galicia nos campos cultural, político, social, económico e outros. Non obstante, carecemos dun esforzo colexiado tendente a outorgarlle o impulso social que require, co obxectivo de proporcionar á sociedade galega o servicio cultural e educacional que cremos pode dar. A finalidade deste traballo é expo-la realidade do arquivo audiovisual da TVG e facer fincapé na rendibilidade cultural e o carácter de servizo público. Así as cousas, as autoras desta Comunicación aportaron algunhas ideas ou reflexións para facelo posible, ideas e reflexións que foron comentadas cos asistentes á lectura da Comuniación.

Categoría: Novas
Etiquetas: