NOVAS DO SECTOR: O CLUSTER AUDIOVISUAL GALEGO QUERE SER SOCIALMENTE RESPONSABLE

2 / 03 / 2007

As empresas do Clúster Audiovisual Galego están concienciadas en materia de Responsabilidade Social Corporativa, incorporan unha porcentaxe de inmigrantes superior á media deste colectivo dentro da poboación española, presentan unha porcentaxe equilibrada de homes e mulleres, son respectuosas co medio ambiente e coidan escrupulosamente o contido das súas mensaxes publicitarias O 71% das empresas facilita a conciliación da vida familiar e laboral

O CLUSTER AUDIOVISUAL GALEGO QUERE SER SOCIALMENTE RESPONSABLE

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2007.- As empresas do Clúster Audiovisual Galego están concienciadas en materia de Responsabilidade Social Corporativa, incorporan unha porcentaxe de inmigrantes superior á media deste colectivo dentro da poboación española, presentan unha porcentaxe equilibrada de homes e mulleres, son respectuosas co medio ambiente e coidan escrupulosamente o contido das súas mensaxes publicitarias. Esas son algunhas das conclusións do Informe sobre Responsabilidade Social Corporativa e Igualdade de Oportunidades realizado polo Clúster Audiovisual, en colaboración coa Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e a Consellería de Innovación e Industria, que foi presentado esta mañá en Santiago, nun acto ao que asistiron o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco; e o presidente do Clúster Audiovisual, Antón Reixa.

O Informe de Responsabilidade Social Corporativa e Igualdade de Oportunidades está salpicado de datos que falan positivamente da conducta das empresas audiovisuais galegas no ámbito laboral, medioambiental e social. Por exemplo, en materia laboral destaca que o 71 % das empresas consultadas facilitan a conciliación da vida laboral e familiar; que a porcentaxe de mulleres ascende ao 55%; e que o 86% ofrecen prácticas laborais. A sensibilidade ecolóxica da industria audiovisual galega tamén sae ben parada: o 100% declaranse respectuosas co medioambiente; o 71% xestiona os seus residuos; e outro 71% ten en conta criterios ambientais e sociais nos seus produtos e procesos. A conciencia social ponse tamén de relevo no Informe, con datos esperanzadores como que o 57% das empresas proporciona postos de traballo a colectivos desfavorecidos; que a porcentanxe de traballadores inmigrantes é do 7%; ou que vai abríndose paso no sector a presencia de discapacitados nas plantillas, cunha representación actualmente do 1%. Pero é precisamente na adecuación das instalacións para o acceso de persoas con discapacidade onde está unha das principais asignaturas pendentes do sector, segundo o Informe, xa que un 67% das empresas consultadas non ten adaptadas as súas instalacións para discapacitados.

A industria audiovisual galega, un caldo de cultivo favorable para a responsabilidade social

O Clúster Audiovisual Galego interpreta os resultados do Informe con realismo, na medida en que describe a situación na que se atopan as empresas, e con optimismo, porque apunta o camiño oportuno para mellorar o grao de compromiso social corporativo da industria audiovisual galega. Tal e como declara o presidente do Clúster, Anton Reixa, no boletin Audiovisual responsable, que se inclúe como anexo no Informe, a responsabilidade social corporativa pode atopar un caldo de cultivo moi favorable na industria audiovisual, sustentando esta afirmación no feito de que o talante progresista e innovador das persoas que traballan nesta actividade favorece a comprensión e sensibilidade sobre o asunto.

Para facilitar ese futuro dunha industria audiovisual plenamente comprometida con boas prácticas de sensibilidade social e humanitaria, o Informe ofrece algunhas pautas de actuación e recomendacións, para que o Clúster Audiovisual lidere o proceso cara unha RSC plena. Entre outras recomendacións, o Informe suxire a elaboración e aplicación dun Código Ético para a industria audiovisual galega, que sirva de guía para a actuación e toma de decisións; a realización dun estudo pormenorizado sobre a accesibilidade, tanto das instalacións como dos propios equipos de traballo para persoas con discapacidade visual ou auditiva, completándoo con proxectos piloto de accesibilidade desenvolvidos en empresas; e un programa de prácticas para persoas con discapacidade. Tamén indica ciclos formativos e de sensibilización para as empresas sobre conciliación laboral e familiar e inserción laboral.

O Informe recomenda, asemade, a creación dun Observatorio do Audiovisual Responsable, coa misión de vixiar, supervisar e difundir información sobre a evolución da conducta das empersas audiovisuais nesta materia; a elaboración dunha Guía de Boas Prácticas; e a instauración dos Premios do Audiovisual Responsable.

Pacto da ONU en materia de RSC

O compromiso do Clúster Audiovisual Galego coa RSC entronca directamente nun movemento emerxente e sólido que se está producindo en España entre empresas, sindicatos, organizacións educativas e ONGs, de apoio aos dez principios que configuran o Pacto Mundial das Nacións Unidas en materia de responsabilidade social corporativa, que comprometen ás empresas a respectar a protección dos dereitos humanos fundamentais, a asegurarse de que non son cómplices na vulneración dos dereitos humáns, a apoiar a liberdade de afiliación e o recoñecemento efectivo do dereito á negociación colectiva. O compromiso abrangue tamén a eliminación de toda forma de traballo forzoso ou realizado baixo coacción, a erradicación do traballo infantil, a abolición das prácticas de discriminación no emprego, a manter un enfoque preventivo que favoreza o medio ambiente, a fomentar as iniciativas que promovan unha maior responsabilidade ambiental, a favorecer o desenvolvemento e a difusión das tecnoloxías respectuosas co medio ambiente e traballar contra a corrupción en todas as súas formas, incluidas a extorsión e o soborno.

Categoría: Novas
Etiquetas: