Na asemblea ordinaria e electoral celebrada onte, 21 de maio de 2019, foi elixida por unanimidade unha nova xunta directiva, que rexerá a vida da Academia nos vindeiros dous anos. A directora de produción Ana Míguez ostentará a presidencia e estará acompañada no equipo directivo por Álvaro Pérez Becerra, Carmen Méndez, Isabel Naveira, Óscar Cruz, Pepe Coira, Saamira Ganay, Sonia Méndez, Susana Veira e Xavi Font.

Ana Míguez, formada na Escola de Imaxe e Son da Coruña, é na actualidade a directora de produción de Portocabo, empresa coa que traballa en proxectos como “Hierro”, “Los hijos del sol” ou “O país máis grande do mundo”. Na súa traxectoria profesional, que abrangue máis de 20 anos de experiencia, destacan produccións de cine e televisión en Galicia e no resto do Estado.

Álvaro Pérez Becerra, produtor. Fundador das empresas Ainé Producións e Atinta e arte, encárgase da produción de Osdous Ardebullo, Tex45 Producións e Undodez.

Carmen Méndez, actriz de cine, teatro e televisión, dúas veces finalista dos Premios Mestre Mateo. Traballou en series moi populares como “Serramoura” e “Pazo de Familia”.

Isabel Naveira, actriz. Desenvolve a súa traxectoria principalmente en televisión, participando en proxectos exitosos como “Mareas Vivas”, “Fariña” ou “Las chicas del cable”.

Óscar Cruz, guionista e fundador do colectivo audiovisual Porco Bravú, cos que gañou o Mestre Mateo á Mellor Serie Web en 2015, 2016, 2018 e 2019.

Pepe Coira, guionista e produtor executivo. Director de desenvolvemento en Voz Audiovisual, Filmax Galicia e, desde o ano 2010, Portocabo. Foi director do CGAI de 1990 a 1997.

Saamira Ganay, actriz. Coñecida pola súa participación en series de televisión como “Acacias 38”, “Matalobos”, “Pazo de Familia” ou “Serramoura”.

Sonia Méndez, directora e actriz. Gañadora de tres Premios Mestre Mateo: un á Mellor Serie Web e dous á Mellor Curtametraxe. Dirixe dende 2014 o Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay.

Susana Veira, maquilladora e asesora de imaxe con máis de 20 anos de experiencia en proxectos audiovisuais, traballando en proxectos como “Fariña”, “La piel que habito” ou “María y los demás”.

Xavi Font, especialista en composición de música para cine, televisión e publicidade. Gañador de dous Premios Mestre Mateo. Produtor executivo da longametraxe “O que arde”, estreada no festival de Cannes.