NATALIA DE MOLINA, GOYA Á ACTRIZ REVELACIÓN 2014, TRAE Á CORUÑA “VIVIR ES FÁCIL CON LOS OJOS CERRADOS”

4 / 12 / 2014

A Academia Galega do Audiovisual organiza co patrocinio de Abanca e o Concello da Coruña e en colaboración un ano máis coa Academia Española de Cine, a xornada de encontro con Natalia de Molina, Premio Goya 2014 á Actriz Revelación.

O acto, que terá lugar no Auditorio do Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa (Avenida de Arteixo, 171) o vindeiro venres día 12 de decembro, empezará ás 18.15 horas coa proxección do filme “Vivir es fácil con los ojos cerrados”, escrita e dirixida por David Trueba, e cun coloquio posterior coa actriz desta brillante película, seleccionada para representar a España nos Óscar á mellor longa de fala non inglesa.

A entrada é gratuíta ata completar aforo, se ben e necesario pasar pola oficina da Academia ou solicitar no enderezo electrónico info@academiagalegadoaudiovisual.gal a invitación para o acceso á sala.

Natalia de Molina (Linares, 1990) ven de converterse nunha das actrices máis destacadas e de maior proxección. Cunha ampla experiencia en teatro (“La casa de Bernarda Alba”, “La dama boba” ou Liberté, Egalité, Yeyé”) e televisión (“El gran día de los feos” e “Bajo sospecha”), da man de David Trueba alcanza a súa madurez profesional.

“Vivir es fácil con los ojos cerrados”, escrita e dirixida por David Trueba, obtivo seis Premios Goya na edición deste ano, ademais dun amplo recoñecemento por parte da crítica e do público. Na cinta, Natalia de Molina interpreta o papel de Belén, unha moza que decide abandonar a súa casa para emprender unha vida en solitario.

Categoría: Novas
Etiquetas: