O programa de cine “Baixo as estrelas” adicará a súa sesión deste venres 12 de agosto, á Mostra (S8) Cinema Periférico. A partir das 23.00 horas na praza de San Martiño proxectaranse “El cielo del Super 8”, “Imaxes recuperadas” e “Bendita Calle”.

EL CIELO DEL SUPER 8
32 min | Dirección: Ángel Rueda | Guión: Fernando Pujalte, Ángel Rueda, Ana Domínguez | Produción: eSe8 Cinema | Fotografía: José de Carricarte
Unha viaxe polos domicilios proxectando as películas domésticas dos particulares, descubrindo entre bobina e bobina, “El Cielo del Super 8″, un lugar onde o cine recupera a espontaneidade do afeccionado.

IMAXES RECUPERADAS
FICHA TÉCNICA:
8 min | Idea e montaxe:  eSe8 cinema
SINOPSE:
A sesión continua cunha mostra de imaxes recuperadas pola asociación eSe8, que trata de recuperar o cine doméstico realizado en Galicia nos últimos 60 anos.

BENDITA CALLE
FICHA TÉCNICA: 22 min | Dirección, guión, montaxe e fotografía: Ángel Rueda
365 días cun tomavistas de Super 8, filmando o excepcional do cotián para descubrir unha realidade que se transforma en ficción. A rúa convertida en escenario, nós en actores e a vida en argumento. Sinfonía urbana rodada cámara en man integramente en Super 8. Premio Nova Factory 2005.

 

Sobre a Mostra de Cinema Periférico S8

A Mostra de Cinema Periférico S8 d’A Coruña é un evento cinematográfico internacional que busca definir e facer visibles as periferias do cine, é dicir, as manifestacións do audiovisual que se atopan nas marxes. Os da industria, os da linguaxe, os das ferramentas, e ata os do propio fotograma. Esta exploración a través das periferias do cinema, achéganos a un “Cinema Novo” sen esquecer as tradicionais, onde se celebra o amateur, pop e familiar e o cinema con maiúsculas.

O nome da Mostra é unha alusión directa ao Super 8 e a todo o que este formato cinematográfico significa. O Super 8 é un punto de partida e unha referencia, pois foi (e é) unha ferramenta esencial de creación, que serviu a cineastas e artistas para sacar adiante as súas primeiras obras e ademais permitiu a xente rexistra cos “tomavistas” a súa vida converténdose así na nosa memoria.