A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer as obras e artistas nomeados para a décimoquinta edición dos premios Mestre Mateo que cada ano revisan a produción audiovisual galega. A Academia deu a coñecer os finalistas nesta edición dos premios nun acto celebrado na sede da Fundación SGAE en Santiago que estivo presentado pola actriz María Vázquez e o actor Federico Pérez, e no que tamén participou o presidente da AGA, Carlos Ares.

Trala primeira rolda de votacións a longametraxe María y los Demás obtivo o maior número de nominacións (13), entre elas as de Mellor Longametraxe, Interpretación feminina protagonista, Interpretación feminina de reparto, Dirección e Guión.

A segunda produción máis nomeada foi a serie de televisión Dalía, a Modista, con 12, entre elas as de Mellor serie de televisión, Interpretación feminina protagonista, Interpretación masculina de reparto, Interpretación feminina de reparto, Dirección e Dirección de fotografía.

Por número de candidaturas tamén destacan a serie de televisión Serramoura e a longametraxe Cen Anos de Perdón, con oito nominacións cada unha.

Os membros da AGA iniciarán agora unha segunda rolda de votacións para elixir aos gañadores en cada unhas das 25 categorías. Os resultados daranse a coñecer na Gala dos premios Mestre Mateo que se celebrará o 4 de marzo no Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco) da Coruña.

NdP-Listado Nomeados MM17

Listado por nominacions