Despois de varios meses cociñando novos programas os Larpeiros volven con máis gañas que nunca á TVG. A partires do martes 8 de febreiro, ás 21.55 horas todos os lambonciños de Galicia e do mundo enteiro poderán seguir a este grupo de amigos que sabe gozar coma poucos  dos pequenos praceres da vida.

Nesta nova tempada, haberá sitio para todo tipo de pratos, e os larpeiros plantexaranse novos  e importantes retos:  É posible atopar marisco galego de calidade a bo prezo?… Cales son as claves para que unha empanada pase a historia?…  Ou como cociñar peixe fresco do día e converter a comida nunha festa….  

Para atopar todo o preciso e investigar a fondo cada cuestión, o inimitable Tomás Alonso percorrerá o país, por terra e mar, vivindo mil e unha aventuras, para atopar os mellores produtos da nosa terra. E na casa dos Larpeiros, don Benigno Campos, acompañado de dona Lola Vilela,  exercerá de mestre de cerimonias, cociñando e reinterpretando  clásicos da gastronomía galega.

Grandes aventuras, pratos moi larpeiros, música e moito humor serán a carta de presentación desta tempada de Larpeiros que arranca novamente grazas a fidelidade do seu público.

O programa Larpeiros, que comezou a súa emisión alá polo mes de xullo de 2008, foi conquistando ao público galego pouco a pouco, ata acadar audiencias superiores ao 27% e obtendo de media por programa un 20% , sendo en varias ocasións o programa máis visto en Galicia de tódalas televisións xeneralistas.

O éxito do programa tamén se traslada aos premios e nominacións. Foi premiado na “XV premio nacional de Xornalismo Gastronómico Alvaro Cunqueiro” e foi nominado como mellor programa ós premios “Mestre Mateo” do audiovisual galego no 2009. No 2010 recibiu o “XI Premio de xornalismo gastronómico Galo de Curral” de Vila de Cruces.

Asemade, o popular cociñeiro do programa Benigno Campos, publicou dous libros “A cociña dos Larpeiros” e “Novas receitas da cociña dos Larpeiros” , nos que propón un percorrido saboroso pola cociña galega de sempre, tradicional e sinxela. A fantástica acollida destes dous recetarios, que homenaxean á cociña galega e os sabores máis tradicionais dos produtos da terra, viuse reflectida nos máis de 60.000 exemplares que leva vendidos dende xuño de 2009.