A actriz Iolanda Muíños exercerá de mestra de cerimonia da gala de entrega dos premios Mestre Mateo que terá lugar o sábado 4 de marzo no Palexco da Coruña para repasar o mellor da produción audiovisual galega do pasado ano. A gala, que estará dirixida por Manolo Cortés, terá tamén unha destacada compoñente musical que correrá por conta da compañía Voadora.

Iolanda Muíños (Narón, 1975) é actriz de teatro, cine e televisión. Foi galardoada con premio María Casares de teatro á mellor actriz protagonista por Life is a Paripé (2011) e á mellor actriz secundaria por Presidente (2016).

No ámbito do cine ten participado como actriz en longametraxes como 8 Apellidos Catalanes, El Desconocido, Os Crebinsky, Mar Adentro ou 13 Badaladas.

Para televisións estatais ten traballado en series como Cuéntame, Los Serrano ou La que se Avecina. Na TVG formou parte dos elencos de Pazo de Familia, A Casa da Conexa, Escoba, Padre Casares, Libro de Familia, Rías Baixas ou Pratos Combinados, entre outras.

Iolanda Muíños leva traballando en teatro dende que a principios dos 90 se iniciara na Escola de Teatro de Narón. Algunhas das súas últimas montaxes foron Presidente (Teatro do Morcego), Bye Bye Honey (Obras Públicas), Malos Hábitos, Galicia Caníbal, Life Is A Paripé (Obras Públicas) ou Los Musicos de Bremen (Teatro do Morcego).

Iolanda_bn