INICIO DO CICLO FOULES SENTIMENTALES (TOURNÉE) NO CGAI

16 / 09 / 2011

O Centro Galego de Artes da Imaxe, Filmoteca de Galicia, en colaboración coa Alianza Francesa da Coruña, comeza hoxe venres día 16 de setembro (18.00 horas) o ciclo “Foules Sentimentales” coa proxección da película de Mathieu Amalric Tournée (2010).

Ciclo composto por nove títulos recentes de produción francesa que presentan distintas historias que contribúen a envolver (arrebatar) ao espectador nunha voráxine de sentimentos, seguindo toda unha tradición e mesmo conglomerado de tendencias históricas do cine francés. Expresado de moi distintos xeitos, xunto a títulos de mestres vellos coñecidos (Klotz, Techiné, Claire Denis, Desplechin), integramos algúns atractivos filmes contemporáneos sen moita circulación comercial entre nós.

Venres 16 de setembro (18.00 e 20.45 horas)
TOURNÉE   
(Francia, 2010)
Dirección: Mathieu Amalric. Guión: Mathieu Amalric, Philippe Di Folco, Marcelo Novais e Raphaëlle Vellerme. Produción: Les Films du Poisson, arte France Cinéma, Neue Mediopolis Filmproduktion, WDR /Arte, Le Pacte e Film(s). Fotografía: Christophe Beaucarne. Intérpretes: Mathieu Amalric, Miranda Colclasure, Suzanne Ramsey. Duración: 111 minutos.  
Cando cumple os 40 anos, Joachim Zand, un produtor televisivo francés, deixa todo e marcha a Estados Unidos na procura dunha nova vida. Regresa a Francia xunto ás “New Burlesque”, unha compañía dedicadas ao estriptís que gusta a homes e mulleres. Joachim promete unha xira que rematará nun teatro de París. Porén, debe acadar axuda da xente que abandonou, de modo que as feridas do pasado rebrotan. Premios FIPRESCI e mellor director (o gran actor Mathieu Amalric) en Cannes 2010.

Martes 20 de setembro (18.00 e 20.45 horas)
LES TOITS DE PARIS / SOUS LES TOITS DE PARIS   
(Francia, 2007)
Dirección e guión: Hiner Saleem. Produción: Agat Films & Cie. Fotografía: Andreas Sinanos. Intérpretes: Michel Piccoli, Mylène Demongeot. Duración: 98 minutos.  
Amar regresa ao seu país abandonando a Marcel, veciño de miseria, quen xa sufre co silencio do seu fillo Vincent. Xusto antes Bruno partira traxicamente, deixando soa á súa moza Julie. Baixo os teitos de París hoxe fai moito calor e os seus habitantes apaganse pouco a pouco. Hiner Saleem pasea a súa mirada lírica e aguda pola Europa aparentemente confortable. Con produción de Robert Guédiguian, foi premiada en Locarno (incluido Michel Piccolo como mellor actor).  
 
Mércores 21 de setembro (18.00 e 21.00 horas)
UN CONTE DE NOËL /  UN CUENTO DE NAVIDAD   
(Francia, 2008)
Dirección: Arnaud Desplechin. Guión: Arnaud Desplechin e Emmanuelle Bourdieu. Produción: Why Not Productions, Wild Bunch, France 2 Cinéma e Bac Films. Fotografía: Eric Gautier. Intérpretes: Mathieu Amalric, Catherine Deneuve, Jean-Paul Roussillon. Duración: 150 minutos.
Unha muller madura, Junon Vuillard, descubre que padece unha enfermidade xenética que anos atrás acabou coa vida dun dos seus catro fillos. Achégase o Nadal e ten que atopar un donante entre os membros da súa familia. Paul, o seu neto, un adolescente problemático, parece o candidato apropiado. Toda a familia vai pasar tres días na casa de Roubaix. Por moitas razóns agochadas é o momento de axustar contas. O gran autor de Rois et reine (2002) volve a amosar o seu talento e capacidade de crear emocións nun filme tenro, agridoce e xenial.

Xoves 22 de setembro (18.00 e 20.45 horas)
LA FILLE DU RER / LA CHICA DEL TREN  
(Francia, 2008)
Dirección: André Téchiné. Guión: André Téchiné, Odile Barsky e Jean-Marie Besset, sobre a novela R.E.R., escrita por éste último. Produción: UGC, SBS Films e France 2 Cinéma. Fotografía: Julien Hirsch. Intérpretes: Émilie Dequenne, Catherine Deneuve, Michel Blanc. Duración: 105 minutos.  
Jeanne vive nunha casa nas aforas xunto á súa nai Louise. Lévanse ben. Louise gaña a vida coidando cativos, mentres Jeanne procura traballo sen moita convicción. Un día, Louise le un anuncio por Internet que lle fai crer que o destino intervén. Ten a esperanza de que a firma de Samuel Bleistein, un coñecido avogado figura da súa xuventude, contrate á súa filla. O mundo de Jeanne e o de Bleistein están lonxe, pero unha increíble mentira de Jeanne fará que se atopen.

Venres 23 de setembro (18.00 e 20.45 horas)
WHITE MATERIAL / UNA MUJER EN ÁFRICA  
(Francia, 2010)
Dirección: Claire Denis. Guión: Claire Denis e Marie Ndiaye. Produción: Why Not Productions, France 3 Cinéma, Wild Bunch e Les Films Terre Africaine. Fotografía: Yves Cape. Intérpretes: Isabelle Huppert, Isaach de Bankolé, Christophe Lambert. Duración: 100 minutos.
O exército prepárase para restablecer a orde no pais. Tamén para eliminar ao oficial rebelde coñecido como «O Boxeador» e liberar o país dos nenos soldados que deambulan sen saber onde ir. Os estranxeiros marchan, mais María Vial non está disposta a deixar a súa plantación de café. Ela, o seu sogro e o seu ex marido están convencidos de que Chérif, o alcalde dun pobo veciño, protexerá as súas vidas. Ten garda persoal, unha milicia privada con homes armados e ben entrenados. Música de Tindersticks e protagonismo da excelente Isabelle Huppert para outro filme de Claire Denis, motivo dunha retrospectiva do CGAI.  

Martes 27 de setembro (18.00 e 20.45 horas)
LE ROI DE L’EVASION   
(Francia, 2009)
Dirección: Alain Guiraudie. Guión: Alain Guiraudie, Laurent Lunetta e a colaboración de Frédérique Moreau. Produción: Les Films du Worso. Fotografía: Sabine Lancelin. Intérpretes: Ludovic Berthillot, Hafsia Herzi. Duración: 97 minutos.  
A cotidianidade de Armand é soporífera. Farto do seu traballo como comercial de maquinaria agrícola, entre xantares e sestas ve pasar a súa vida de solteirón homosexual. Unha noite mentres pasea pola rúa media nunha pelexa entre un grupo de adolescentes e unha moza, Curly. Entre ambos comeza a desenvolverse unha relación á que, pese á oposición do entorno, ningún pensa renunciar. Traxicomedia fresca, desenfadada, surreal, orixinal e desprexuiciada que obtivo o premio Especial do Xurado en Gijón 2009.

Mércores 28 de setembro (18.00 horas)
LA QUESTION HUMAINE / LA CUESTIÓN HUMANA   
(Francia, 2007)
Dirección: Nicolas Klotz. Guión: Elisabeth Perceval, sobre o libro de François Emmanuel. Produción: Sophie Dulac Productions, CNC, CinéCinéma, Conseil Général de la Sarthe, Conseil Général du Val de Marne, Conseil Regional des Pays de la Loire e Région Ille-de-France. Fotografía: Josée Deshaies. Intérpretes: Mathieu Amalric, Michel Lonsdale, Edith Scob, Lou Castel. Duración: 141 minutos.
Un psicólogo de 40 anos, Simon, leva o departamento de recursos humanos de SC Farb, un complexo petroquímico filial en Francia dunha multinacional alemá. Un día Simon recibe un encargo especial do codirector da empresa, Karl Rose, que lle pide que faga unha avaliación psiquiátrica do seu socio, Mathias Just. Simon non só queda atrapado entre os seus xefes, inmerso nunha crise persoal, senón que irá descubrindo un mundo de horror onde se acabarán establecendo inquietantes ramificacións entre nazismo e capitalismo. Un título cheo de suxestións, co que o gran Mathieu Amalric gañou o premio de interpretación en Gijón.
 
Mércores 28 de setembro (20.45 horas) e xoves 29 de setembro (18.00 horas)
L’AUTRE   
(Francia, 2009)
Dirección: Patrick-Mario Bernard e Pierre Trividic. Guión: Patric-Mario Bernard e Pierre Trividic, sobre a novela L’Occupation de Annie Ernaux. Produción: Ex-Nihilo. Fotografía: Pierric Gantelmi d’ille. Intérpretes: Dominiqie Blanc, Peter Blonke. Duración: 97 minutos.  
Copa Volpi en Venecia 2008 á mellor actriz para Dominique Blanc. Anne-Marie e Alex deciden separarse porque ela quere ter máis liberdade e el, polo contrario, desexa formalizar o casamento. Cando Anne-Marie descubre que Alex sae con outra muller, ten un ataque de ciumes e ansiedade. Filme excelentemente interpretado, cheo de ritmo narrativo e creatividade formal.  
 
Martes 4 de outubro (18.00 e 20.45 horas)
VILLA AMALIA   
(Francia-Suiza, 2009)
Dirección: Benoît Jacquot. Guión: Benoît Jacquot e Julien Boivent, sobre a novela de Pascal Quignard. Produción: Rectangle Productions, Europa Corp., Point Prod., France 2 Cinéma e TSR. Fotografía: Caroline Champetier. Intérpretes: Isabelle Huppert, Jean-Hugues Anglade. Duración: 94 minutos.  
A vida de Ann, concertista, muda no intre que ve a Thomas besando a outra muller. Racha co seu pasado e decide comezar unha nova vida. Coa súa música e a relación con Georges, un home que reaparece do pasado, emprende unha viaxe que a levará a unha illa, onde se atopa Villa Amalia. Conmovedora adaptación da novela do celebrado escritor Pascal Quignard (Todas as mañás do mundo).  

Categoría: Novas
Etiquetas: