FERNANDO SALGADO DESTACA QUE “OS MORTOS VAN Á PRESA” VAI CONSTITUÍR UN NOVO FITO NA HISTORIA DO AUDIOVISUAL GALEGO

28 / 11 / 2008

O secretario xeral de Comunicación participou esta mañá na presentación do filme de Ángel de la Cruz, participado pola sociedade público-privada de apoio á produción de cine na que participa XesGalicia, CaixaGalicia e o Consorcio Audiovisual de Galicia.
“A estrea do filme Os mortos van á presa vai constituír un novo fito na historia do audiovisual galego no que SempreCinema quixo e quere seguir estando”. Así o destacou esta mañá o secretario xeral de Comunicación e presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Fernando Salgado, na presentación pública da película, na que estivo acompañado polo director do filme, Ángel de la Cruz, e por un dos membros do consello de administración da sociedade SempreCinema e representante de CaixaGalicia, Javier Carral. Tamén participaron na presentación os actores do filme Belén Constenla, José Manuel Olveira e Ernesto Chao.

Tal e como anunciou o director da produción, a película será estreada o
próximo 17 de xaneiro no municipio lugués de Ribadeo, onde foi rodada. Ángel de la Cruz planea unha distribución de 130 copias que serán repartidas en todo o estado.

Na súa intervención, Fernando Salgado explicou que despois da estrea mundial de Los girasoles ciegos, filme dirixido por José Luis Cuerda e elixida como candidata aos Oscar pola Academia de Cine, o filme de Ángel de la Cruz é a seguinte longametraxe participada por SempreCinema no ano 2008.

Semprecinema Producións, o mellor instrumento para o financiamento do cinema
A participación de SempreCinema na película de Cuerda quedou máis que xustificada, tal e como destacou o secretario xeral, posto que é xa a cuarta película de maior recadación e espectadores de toda a historia do cine en Galicia, con máis de 4 millóns de euros recadados e case 700.00 espectadores a día de hoxe. Tal é como indicou é, ademais, de todas as que a preceden -producións como Mar Adentro, Los lunes al sol ou A lingua das bolboretas- a que contou cunha maior implicación galega na súa produción.

Fernando Salgado salientou que Os mortos van á presa constitúe “a segunda aposta significativa de SempreCinema Producións”. Logo de superar unha paralización e diferentes vaivéns a sociedade participada por CaixaGalicia, XesGalicia e o Consorcio Audiovisual de Galicia decidiu que o filme supuña un desafío, polo que traballaron para rescatar e relanzar o proxecto.

Un dos méritos do filme basease, explicou Fernando Salgado, en que é unha produción galega “de pés a cabeza”. Así, referiuse aos seus actores, todos eles galegos -agás a coñecida Neus Asensi- á rodaxe, levada a acabo integramente no concello de Ribadeo (Lugo), ao equipo técnico e á propia historia do filme, “todo elo con selo galego”.

A historia do filme

Así mesmo, incidiu o secretario xeral de Comunicación, a historia, presentada en clave de humor, “está cargada de identidade propia e de toda a gama de emocións que nos definen aos galegos”. “Ángel conseguiu plasmar e facer propia unha historia universal ao traducila á linguaxe galega”, remarcou.

Nesta liña, Fernando Salgado salientou a aposta do filme pola distribución, por ser unha das poucas películas galegas dos últimos tempos que conta cunha importante distribución en todo o estado e con expectativas internacionais. En canto ao orzamento, Salgado explicou que o filme contou cun presuposto axustado e moi calibrado tanto na súa inversión como na capacidade de recuperación.

Tal e como subliñou, “é un filme que recolle esa forma de entender o cine que promove SempreCinema, unha sociedade de inversión en cine, desde Galicia e para Galicia”. “Un proxecto que pretende complementar os apoios xa existentes, pola vía da participación e posible recuperación de recursos, para que estes poidan ser investidos en novos proxectos”.

Categoría: Novas
Etiquetas: