FALECEU ANA KIRO, ARTISTA E COMUNICADORA GALEGA

24 / 09 / 2010

María Dolores Casanova González, coñecida para o público como Ana Kiro, faleceu preto das 12:30 desta mañá aos 68 anos de idade vítima dun cancro que a tivo estes últimos anos retirada dos escenarios.

O Concello de Oleiros no que residía a cantante e comunicadora, segundo confirmou a Europa Press a alcaldesa en funcións María José Varela, puxo a disposición da familia o auditorio municipal García Márquez, onde será instalada a capela ardente a partir da tarde deste venres.

Aínda que natural da Castañeda, en Arzúa, de onde era filla predilecta, Ana Kiro levaba ao redor dunha trintena de anos residindo na zona de Mera, no municipio de Oleiros. Ana Kiro recibirá este sábado, como era a súa vontade, sepultura no cemiterio parroquial de Serantes, en Mera, despois da despedida que se lle tributará no auditorio municipal García Márquez, que conta con capacidade para 400 persoas sentadas.

Precisamente, Mera foi o derradeiro escenario no que cantou a artista galega. Alí interpretou no 2007, durante unha multitudinaria homenaxe a toda a súa carreira, a canción “Alecrín” en compaña de Xosé Ramón Gayoso, o coñecido presentador de Luar.

Traxectoria

A carreira de Ana Kiro como intérprete arrincou en programas de TVE da súa época e en 1973, gravou o tema ‘Galicia, terra meiga’ para o selo Olimpo, dedicado á música tradicional. Vendeu máis de 100.000 copias e permaneceu durante tres meses nas listas de éxito españolas.

Ademais da súa faceta no mundo da canción, que a levou a editar máis de 30 discos e participar en múltiples concertos e verbenas, Ana Kiro tamén será lembrada polos galegos como presentadora da Televisión de Galicia e actriz de diversas series nesta mesma canle.

A súa carreira tamén tivo ampla repercusión máis aló de Galicia. Actuou en Europa e América e triunfou sempre naqueles lugares onde a emigración galega ten presencia.

Categoría: Novas
Etiquetas: