Estas son as citas dos Encontros cos directores  e a prensa desta mañá celebrados onte no marco do OUFF. Kohlhaas ou a proporcionalidade dos medios  [Selección oficial competitiva]

Köhlhaas [un clásico da literatura épica xermana, equivalente ao que podería ser aquí o Don Quixote, onde un campesiño se enfronta a un señor feudal] é unha película que narra as peripecias dun director para levar a cabo un drama histórico cun orzamento que desaparece na primeira xornada de rodaxe.
Aron Lehmann, director:
>> “Cando me contaron que querían pechar a escola pola crise estaba enfadado e pensei nunha rodaxe para unha película histórica reducida, e os dous niveis -o da ficción e o da realidade- fóronse mesturando aos poucos”.
>> “Sempre se pode reducir o orzamentado para unha rodaxe buscando unha outra forma de facelo, só hai que imaxinalo ou facer que o imaxinen: podes empregar o son cando non tes recursos de imaxe. E se non hai cartos… sempre hai amigos”.

El triste olor de la carne [Selección oficial competitiva]
A cámara persegue a Alfredo Barrera, un cidadán que está a piques de sufrir un desafiuzamento logo de perder a casa, o coche… e case o seu matrimonio. Nun plano secuencia de 90 minutos polas rúas de Vigo acompañarémolo na execución do seu plan para recuperar a súa vida e a súa dignidade.
A película vén de gañar o premio á mellor película na Sección Resistencias do Festival de Sevilla para películas de baixo orzamento. A película foi rodada en 2 días polas rúas de Vigo cun equipo de 30 persoas.
Cristóbal Arteaga, director:
>> “Trátase cun proxecto con dúas partes: a primeira, é a historia de Alfredo e as súas decisións; a segunda é un experimento cun plano secuencia de 90 minutos que viola un conxunto de normas tradicionais da montaxe. (…) Hai unha pretensión de non aceptar este tipo de cousas, pero hai xente que racha estas convencións e acepta explorar novas situacións”.
>> “Estamos movendo a película polos festivais para ver se lle podemos pagar á xente”.
Alfredo Rodríguez, actor principal:
“Fálase moito da indignación e sempre recae sobre o suxeito, pero a realidade é que eu son un complemento circunstancial. É a realidade a que é indignante”.

Queimar o monte [Seccións paralelas – Panorama Galicia]
Emilio Fonseca, director:
>> “Antes de que ardesen as Fragas do Eume atopei a rabia necesaria para tratar de saber por que arde o monte. Dei con expertos e con xente que non atopas nos medios de comunicación habitualmente: pastores, gandeiros… que saben moito sobre o tema. Penso que o documental achega certa verdade sobre o tema, o que pode ser unha axuda para atopar unha solución”.

100% CEF, unha biografía de Celso Emilio Ferreiro [Seccións paralelas – Documental]
Aser Álvarez, director:
>> “Quixemos facer unha película unn pouco máis tabernaria, facendo que a xente cantase, desde o rock até o hip-hop. Despois de Miguel Hernández, Celso Emilio Ferreiro é un dos poetas máis musicados.”
>> “Tiñamos máis de 100 horas de gravación e ao final quedouse nunha hora. Falamos sobre todos os aspectos de Celso Emilio… por iso quixemos chamarlle ao documental 100%”.

A cicatriz branca [Sesións especiais]
Margarita Ledo Andión, directora:
>> “É unha película ambientada a finais dos anos 40 pero seguen sendo elementos contemporáneos, e os emigrantes seguen a ser os elementos máis fráxiles. Aínda así, non quixen modificar os escenarios porque tamén quería demostrar que ‘isto pasa hoxe’ tamén”.
>> “Emprego elementos da linguaxeque ás veces amolan a persoa que mira. Ben a través da duración dun plano ou a través de silencios”.

Convocatorias para o martes 19:

>> 10:00 horas- Encontros cos directores – El tragaluz
María Rodríguez (Guillena 1937) + Victoria Subirana (Katmandú, un espejo en el cielo)
>> 11:00 horas- OUFF escola- Auditorio Municipal – Sala principal
Proxección de Katmandú, un espejo en el cielo. -Prevese a asistencia de 700 rapaces de Ensino Secundario e Bacharelato.
>> 18:00 horas- Masterclass de Ángel de la Cruz. Teatro Principal. Acceso libre e gratuito.
> 20:00 horas-
Gala de entrega do premio Irmandade do Libro ao Mellor Guión Adaptado a Ángel de la Cruz. Presenta Isabel Blanco
>> 20:30 horas- Concerto de La Dama de Gris. Ateneo de Ourense