Coñecida musicalmente primeiro como Jane Joyd e despois como Mordem, foi a través deste alter ego co que, en 2014 entrou en contacto con Portocabo para encargarse do tema principal dunha serie daquela en desenvolvemento, que resultou ser a premiada Hierro. Nese momento coñeceu a Xavi Font, con quen, desde entón, asinou as bandas sonoras dalgúns dos thrillers máis destacados do audiviosual galego recente, como Rapa, Auga Seca, Proxecto Emperador e Hierro

Falamos con Elba Fernández sobre o traballo de composición de bandas sonoras e outros proxectos musicais nos que está implicada esta artista, para quen a música “sempre estivo aí”. 

De onde xorde o teu interese pola música?

Na miña familia non temos músicos profesionais pero somos moi musicais, sempre estivo moi presente a música, cantar, bailar… Non lembro un momento no cal nacera un interese pola música, é como que sempre estivo aí, algo así como debuxar, pásame o mesmo.

Como coñeciches a Xavi Font e en que momento decidistes traballar xuntos?

Coñecémonos dende ano 2014. Xavi, xunto con Portocabo, estaba preparando o desenvolvemento de Hierro e precisaban unha canción que reflectise o espíritu da serie, a que acabou sendo a da cabeceira. Nese momento chamoume para colaborar e, dende ese día, conectamos moi ben no musical e no persoal, así que cando chegou o momento de traballar na música da serie decidimos probar de facela xuntos.

Elba Fernández e Xavi Font recollendo o premio á Mellor música orixinal nos XX Mestre Mateo. Fotografía: Aigi Boga

Podes explicar como organizades o proceso de composición?

O modus operandi no noso caso é moi variable, depende moito da produción que temos por diante. Sempre hai un momento inicial no cal buscamos o estilo, o ton, empapámonos da historia e buscamos matices. Á hora de implementar a música, a composición ás veces é unha cuestión de que cada un faga a súa versión e despois eleximos ou fusionamos o traballo dos dous. Outras veces cada un adícase a unha parte concreta, e outras, como pasa en Rapa a totalidade da composición é dun dos dous e o outro simplemente fai de apoio ou complemento cando é preciso. Pensamos que é importante traballar a favor da obra e adaptarnos ás necesidades da mesma.

Traballaches nas últimas series de Portocabo: Rapa, Auga Seca, Hierro… as tres son thrillers. Gustaríache compoñer para outros xéneros, por exemplo unha comedia?

Sei que hai compositores moi versátiles que gustan de navegar por distintos xéneros. No meu caso eu teño un estilo ou personalidade moi marcada polo tipo de música que veño traballando, un mundo algo distinto que é a música máis de escenario ou pop, por así dicilo. Síntome máis cómoda con certos estilos ou tonos, digamos máis escuros, ambientales, electrónicos, e penso que é onde podo aportar maís e disfrutalo. Gústanme os retos, pero tamén son consciente das miñas limitacións.

“Síntome máis cómoda con certos estilos ou tonos, digamos máis escuros, ambientales, electrónicos, e penso que é onde podo aportar maís e desfrutalo.”

Elba Fernández, artista e compositora

A banda sonora de Hierro foi moi ben recibida e resultou gañadora de dous premios Mestre Mateo á mellor música orixinal por cadansúa temporada. Que significou para ti gañar ese premio?

A verdade é que nunca pensei que fora a traballar musicalmente para a pantalla. Cando compoño para os meus proxectos son moi visual, tanto musicalmente como nas letras, e sempre imaxino escenas. Dalgún xeito foi algo natural e á vez moi alleo. Todo isto xa é un premio para mín. Os galardóns son un recoñecemento a todo ese traballo, así que non podo estar máis agradecida por facer o que me gusta e que o público o desfrute.

Tamén compuxestes a banda sonora de Proxecto Emperador de Vaca Films, gravada coa sinfónica de Bratislava na sala de concertos do edificio da radio pública eslovaca. Podes contarnos como foi esa experiencia?

A mín todo isto cólleme de novas. Sinto que en cada produción estou aprendendo moito en xeral, cacharreando con Xavi no Auditorio de Galicia, explorando sons na illa de El Hierro ou saíndo a Bratislava, son momentos que levo para sempre. En concreto da experiencia en Bratislava lembro a conexión entre o director e os músicos, notábase a profesionalidade, as horas xuntos. Foi moi gratificante experimentar todo iso en directo, ver e colaborar con outros músicos, facernos entender nos matices, a linguaxe sensitiva que normalmente ten máis dificultade nas partes máis espidas donde nacen as texturas. Desfrutámolo moito.

“Os galardóns son un recoñecemento a todo ese traballo, así que non podo estar máis agradecida por facer o que me gusta e que o público o desfrute.”

Elba Fernández, artista e compositora

Con Xavi Font tamén puxeches en marcha o proxecto EXVBA, de onde xurdiu a idea?

Xurdiu de pasar tantas horas xuntos facendo música para outros proxectos. Sentimos que musicalmente estamos moi preto e EXVBA foi algo case natural. A mín gústame moito experimentar coas voces, gústanos xogar coas harmonías, os ambientes… decatámonos diso en Hierro. Decidimos adicarlle un tempo para nós entre tantas horas de estudio. Saían temas de ambient escuros mesturados con polifonías vocais, cousas como case espirituais, así que o estilo e o concepto marcáronse sós, de xeito moi libre.

Na actualidade non son habituais os proxectos efémeros, cando temos música dispoñible en multitude de plataformas. Como foi a recepción cando o presentastes na Igrexa de San Domingos de Bonaval?

A idea era compartir coa xente que quixera o que nós sentimos cando tocamos os temas, como un momento que reservamos para nós. Sabiamos que era algo arriscado, pouco popular, unha hora de cancións de oito minutos que transcorren lentamente, a luz baixa, nunha igrexa… non é para todos os públicos. Pero foi moi fermoso, o público entrou no concepto, deixouse levar, houbo quen lembrou cousas de pequeno, outros botaron algunha bágoa, algo moi introspectivo á vez que colectivo… Deixando o tema musical aparte, pensamos que EXVBA é algo que cada un se agasalla a si mesmo, poucas veces nos paramos unha hora nos nosos pensamentos. Por iso ten que ser efímero, unha experiencia nun contexto, unha música que non transmite o mesmo no sofá da casa, con outras distraccións, outro ambiente.

Elba Fern´andez nunha actuación en directo

En que momento se atopa o teu proxecto persoal Mordem?

Gustaríame retomar o proxecto e sacar material novo, pero ata agora non tiven tempo material para adicarlle. Mordem é un proxecto ao cal lle teño moito cariño, é donde me sinto totalmente libre musicalmente, pero a realidade é que non é un proxecto que nos dea de comer e esixe moitas horas. Afortunadamente non parei de facer música, só que noutro ámbito. Agardo retomar pronto Mordem xunto co meu compañeiro e amigo David.

Que che gusta facer cando non estás compoñendo música ou actuando?

Gústame pasar tempo coa familia e os amigos, debuxar, patinar, escribir… e gustaríame facer 500 cousas máis, pero fáltanlle horas ao día.

Fotografías: Aigi Boga e Yeray Iglesias.