O director Xosé Abad atópase embarcado nun novo documental sobre a memoria histórica, A pegada dos avós, que produce EAF Producciones, con diversas colaboracións. Trátase dun proxecto que terá difusión libre con licencia Creative Commons, e que recorreu ao crowdfunding, a través de Kifund, para completar o seu financiamento. Con A pegada dos avós, o director Xosé Abad aborda de novo o tema da memoria histórica, pero esta vez dende un punto de vista moi particular: o de sete estudantes de bacharelato que se achegan por primeira vez ao drama da Guerra Civil e as súas consecuencias, escoitando as voces dalgúns anciáns, no seu día represaliados, que eles mesmos elixiron para que lles expliquen as súas vivencias. O percorrido por este camiño conducirá aos rapaces e rapazas a entrevistarse con representantes de tódolos ámbitos da sociedade, intentando encontrar neles as respostas que necesitan. Será a súa propia intuición a que os leve a coñecer a cada un dos seus interlocutores. Ademais de estar protagonizado por adolescentes (algo moi pouco usual neste xénero), o documental conta tamén con varias innovacións. Unha delas é que cada un dos protagonistas desenvolverá un “blog” no que irá rexistrando os seus avances e reflexións, e que permitirá recoller as sensacións dos protagonistas dun modo inmediato. Ademais, é un proxecto que aposta pola cultura libre e, polo tanto, polo pro común. De feito, unha vez editado, o documental porase a disposición de quen o desexe, a través de internet. A distribución farase baixo licencia Creative Commons.

A produción de A pegada dos avós corre a cargo de EAF Producciones, unha pequena produtora independente especializada en contidos de interese social e de defensa dos dereitos humanos. Entre os seus traballos encóntranse Asháninkas en defensa de su territorio, rodado na selva peruana, e O segredo da Frouxeira e Isaac, tamén sobre a memoria histórica. Ata agora, co apoio da CRMH (Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica), e coa colaboración de Zen AudioPro e CG Pro, puidéronse realizar traballos de investigación, desenvolvemento, guión, pre-produción, parte da rodaxe e un “teaser” para A pegada dos avós. Dada a situación actual do audiovisual, apostaron por abrir novas vías de financiamento para o proxecto, a través dunha campaña de “crowdfunding” (micro-mecenazgo) coa que pretenden conseguir o suficiente para poder terminar o documental. A plataforma elixida é Kifund (www.kifund.com), especializada no sector audiovisual, e o obxectivo é alcanzar os 5.000 euros nos próximos 45 días. A suma de diñeiro conseguida farase pública, e as contas de utilización do mesmo estarán a disposición de quen o solicite.