DESDE OS EMIRATOS ÁRABES ATA SANTIAGO GRAZAS A AMAL

16 / 10 / 2012

O Festival Internacional de cine Euroárabe Amal reunirá o mércores a directores procedentes de Bélxica, Francia e Emiratos Árabes Unidos para conversar co público tras a proxección das súas películas no Teatro Principal. 

Tras a exhibición, ás 18,30 h da tarde da mediametraxe de ficción “Waiting”, o público poderá debater e dialogar co seu director Nael Khleifi, un belga que estudou Imaxe no Instituto Nacional Superior das Artes e o espectáculo de Bruxelas, onde reside habitualmente. Foi cámara e operador en varias producións. Esta é a súa primeira película como director. “Waiting” narra a vida diaria da comunidade de inmigrantes indocumentados de orixe afgá que viven en Calais.

Ás 20,00 h proxectarase “Hamama”, un filme deses que non podes deixar de ver, polo entrañable do seu protagonista, unha curandeira de 90 anos que posúe a incrible habilidade de sanar todo tipo de enfermidades. A súa directora, Nujoom Alghanem estará no Teatro Principal para charlar cos espectadores.

Tamén estará en Santiago, Myriam Tekaïa, actriz protagonista da longametraxe de ficción “Le cochon de Gaza”, que se exhibirá ás 22,00 h da noite no Teatro Principal.

Na sesión das 00,00 h exhibirase “Fuego sobre el Mármara”, un filme do valenciano David Segarra que describe de primeira man as vivencias dos protagonistas da Flotilla da Liberdade.

CONCURSO DE CURTOS AMAL EXPRESS

Mañá péchase o prazo para participar no concurso de curtametraxes “Amal Express”. Amal Express consiste na realización dunha curta nun tempo “Express” de 96 horas e baseado na palabra crave proporcionada pola organización do Festival Amal “corrupción”. Os participantes deberán subir a súa curta á web www.adnstream.tv e esperar as votacións dos internautas e do xurado de Amal Express. O gañador recibirá un premio de 500 euros que se lle outorgará na GALA DE CLAUSURA DE AMAL o vindeiro sábado 20 de outubro.

Categoría: Novas
Etiquetas: