CURTOCIRCUÍTO NA RÚA PRESENTA CURTAS GALEGAS NA PRAZA DE CERVANTES

10 / 07 / 2008

O 10 de xullo en Cervantes, Curtocircuíto presenta o programa de curtas galegas. A proxección trasladarase á Praza de Abastos en caso de choiva. O Concurso de Curtas pechou a súa inscrición con 2558 curtas procedentes de 93 países.
O xoves 10 de xullo ás 22.30 a praza do Toural acolle unha nova entrega de Curtocircuíto na Rúa, o ciclo de curtas está organizado polo Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto, unha iniciativa da Concellaría de promoción Económica, Comercio, Emprego e Turismo e da Concellaría de Cultura.

O programa By Galicia, recolle catro pezas de ficción: Cores, Da man da raíña vermella, As cores do frío e Auga, 2 animacións: A revolta dos mouses e 1977 e un documental: Jedn.

En caso de choiva a programación de Curtocircuíto trasladarase á Praza de Abastos. Os cambios, anunciaranse a mañá do xoves na web do Festival www.curtocircuito.org.

Os espectadores que acudan ás proxeccións serán os encargados de decidir o gañador do premio do Público votando polas súas curtas favoritas. O gañador descubrirase na Gala de Entrega de premios que clausurará a V edición de Curtocircuíto o 24 de outubro.

Outra das actividades do Festival, O Concurso Internacional de Curtas pechou o prazo de inscrición o pasado 4 de xullo con 2558 curtas inscritas dende 93 países.

Un comité de selección elixirá máis de 120 curtas que se proxectarán durante a Semana Oficial, entre o 17 e o 24 de outubro. Catro xurados, compostos por recoñecidos profesionais do sector das curtametraxes, decidirán os gañadores de cada categoría.

As curtas que non se inscribiron a tempo na competición, teñen ata o 24 de xullo para rexistrarse a través de www.shortfilmdepot.com e formar parte do catálogo da V edición de Curtocircuíto que estará á disposición de todos os profesionais que acudan ao III Mercado internacional de Curtametraxes que se celebra, coincidindo ca Semana Oficial, entre o 20 e o 24 de outubro.

Categoría: Novas
Etiquetas: