“Cores”, produción de Mr Misto Films, foi Primeiro Premio no Certame “Siles Cinema” e Segundo no Festival de Montalbanejo.
A curtametraxe Cores, do director Jairo Iglesias e produción de Mr Misto Films, segue gañando premios ao longo da xeografía española. Esta fin de semana, ademais, por partida dobre ao acadar o primeiro premio no IV Certamen de cortometrajes “Siles cinema” e o segundo na VI Edición do Festival de Cine de Montalbanejo.

En Siles, unha pequena localidade da provincia de Jaén, a entrega de premios foi na madrugada do sábado, despois da última sesión de curtametraxes. O traballo do santiagués, que foi unha das pezas seleccionadas entre máis de duascentas recibidas, proxectouse na medianoite do pasado venres cunha gran acollida. Protagonizada por Vicente de Souza e Alberto Rolán a cinta rodouse en Boiro o pasado mes de novembro.

En Montalbanejo a entrega e clausura do evento realizouse no serán do domingo, onde a curtametraxe de Mr Misto Films se alzou co segundo premio do certame. Cores, unha historia que narra dun xeito particular o sinsentido da guerra, foi seleccionado xunto a outras 15 pezas.

Estes son o quinto e sexto certames aos que se presenta esta historia ambientada na Guerra Civil, que representa a cuarta produción que realizan Jairo Iglesias e Mr Misto Films en conxunto. Grazas a estes galardóns e os que foi adquirindo nos Festivais de Sada, Redondela e Igualada xa se convertíu na curta galega máis premiada do ano.