CONVOCATORIA ASAMBLEA EXTRAORDINARIA NA ACADEMIA

28 / 01 / 2011

O financiamento das actividades que a Academia Galega do Audiovisual vén desenvolvendo desde a súa creación, e da que os Premios Mestre Mateo son o máis sobranceiro, vaise ver seriamente comprometido neste ano 2011. O apoio económico co que viñamos contando por parte de CRTVG desapareceu. Non se reduciu, senón que desapareceu. A Compañía, que polo demais amosa vontade de colaborar, mantén a súa achega técnica para a gravación e retransmisión da gala, pero decidiu eliminar a achega económica, que en anos anteriores se cifraba en 30.000 €.

Por outra parte, desde que a Academia botou a andar contamos co apoio económico dos departamentos de Cultura, Comunicación e Industria, por riba dos 100.000 € anuais, imprescindibles para o desenvolvemento das actividades da Academia que inclúen a execución dos Premios Mestre Mateo. Industria decidiu retiralo desde o inicio da actual lexislatura. Os departamentos de Cultura e Comunicación seica acordaron conducir o apoio desde o Consorcio Audiovisual de Galicia neste ano 2011. Pero, malia as reiteradas xestións que vimos facendo desde meses atrás, a día de hoxe, a Xunta de Galicia aínda non é quen de concretar a súa aportación ás actividades da Academia

De certo que, tristemente, a ninguén sorprenderá esta situación. É unha manifestación máis –e non a máis grave- do que o conxunto do sector audiovisual galego está a experimentar.

É obvio que a crise económica está na orixe desta situación, pero cremos que sería un erro atribuíla só á crise. Importa, e moito, o xeito en que se administra. En tempos de escaseza faise imperativo fixar prioridades e planificar o emprego dos recursos. No tocante á planificación, o que observamos é indecisión, improvisación e/ou opacidade. No tocante ás prioridades, a enorme redución ou liquidación do respaldo económico resulta pouco ou nada conciliable co carácter estratéxico que a lei lle recoñece ao sector audiovisual.

Así as cousas, cremos obrigado pensar xuntos qué facer. Como profesionais e creadores estamos na obriga de continuar adiante, de procurar alternativas, de reforzar canto nos une no obxectivo común dun sector audiovisual galego forte e capaz. De aí a convocatoria aos académicos todos a unha asemblea extraordinaria, que terá lugar o venres, 4 de febreiro, na sede da Fundación Caixa Galicia (Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela) ás 18.30 horas en primeira convocatoria e ás 19.00 horas en segunda convocatoria, coa seguinte orde do día:
1. Informar aos socios da situación financeira da Academia para o ano 2011.
2. Informar aos socios da situación na organización dos Premios Mestre Mateo e decidir o tipo de formato de gala que se pode levar adiante.
3. Rogos e preguntas.

Como dicimos, na Academia tócanos afrontar un período moi delicado e difícil polo que facemos un chamamento a todos os académicos para contar coa vosa presenza e participación nesta asemblea extraordinaria.

No caso de non poder asistir, tes a posibilidade de delegar o teu voto enviándonos por correo ordinario (Praza Pintor Sotomayor s/n 2º, 15001  A Coruña) ou escaneado por e-mail (info@academiagalegadoaudiovisual.gal), antes do 4 de febreiro, o impreso que achegamos.

Se asistes cun voto delegado, deberás presentar o impreso orixinal asinado polo delegante. É imprescindible que o impreso veña cuberto completamente con tódolos datos requiridos e coa sinatura orixinal do delgante. Cada socio poderá ter un máximo de 1 voto delegado, é dicir, o seu voto persoal máis outro en representación daquel membro que lle outorgue a delegación do voto ao seu favor.

Igualmente informamos que só poderán participar aqueles socios/as que teñan ao día o pagamento das cotas correspondentes.

Etiquetas: