CONVOCADO O IX FESTIVAL INTERNACIONAL DE CURTAMETRAXES CURTOCIRCUITO

30 / 01 / 2012

Ata o próximo 10 de febreiro está aberta a convocatoria para participar na novena edición do Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuito de Santiago de Compostela, que se celebrará do 3 ó 11 de maio.

O IX Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago conta con catro apartados a concurso: Internacional (para curtas de calquera xénero e nacionalidade), Compostelae (para curtas de calquera xénero de produción española), Explora (para curtas experimentais de calquera país) e Escolas Galegas (para curtas de calquera xénero producidas en centros escolares de Galicia). As curtas que participarán en Explora serán elixidos pola organización do festival. As outras modalidades non son excluíntes, de forma que, por exemplo, unha curta de produción española poderá competir tamén na sección internacional, se así o decide a organización. En tódolos casos, as producións que se remitan deben ter sido concluídas con posterioridade ó 1 de xuño de 2010, non exceder de 30 minutos, créditos incluídos, e deben ter copia de exhibición en 35 mm. ou Betacam Pal (Digital o SP), aínda que o seu soporte de gravación pode ser calquera. Ademais, a curtas non poden ter concorrido a anteriores edicións do certame. Cada autor poderá remitir cantos traballos desexe, independentemente da nacionalidade, idioma ou xénero, sempre que cumpran estas premisas e non sexan de índole comercial ou publicitaria. A inscrición no festival deberá facerse on-line, a través da web www.shortfilmdepot.com, completando os pasos que nela se indican.

Un comité de selección encargarase de escoller as películas que irán a concurso nas distintas seccións do festival e que se proxectarán durante o mesmo. Ademais, tódalas películas remitidas, sexan ou non seleccionadas, pasarán a formar parte do catálogo do VII Mercado Internacional de Curtas de Curtocircuito, que se celebrará en paralelo ao evento.
Máis información, no e-mail info@curtocircuito.org. As bases están na web citada ou en www.compostelacultura.org.

Categoría: Novas
Etiquetas: