COMEZA A RODAXE DE “A VISITADORA DE CÁRCERES” PROTAGONIZADA POR BLANCA PORTILLO

27 / 01 / 2012

O vindeiro 1 de febreiro comezará a rodaxe de A visitadora de cárceres, unha película para televisión ambientada a mediados do século XIX que recrea a época na que a avogada e escritora Concepción Arenal traballou como visitadora de cárceres na prisión de mulleres da Coruña, o que daría como froito algunhas das súas obras clave que habían servir de base para a reforma do sistema penal en España.

A visitadora de cárceres é unha produción de Zenit Televisión e Distinto Films coa produción executiva de Miriam Porté e Zaza Ceballos. A película conta coa coprodución de Televisión de Galicia, Televisió de Catalunya e Televisión Española. Tamén foi apoiada polo ICAA, a Consellería de Cultura e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, o ICIC e o Instituto de la Mujer. A dirección corre a cargo de Laura Mañá (Sexo por compasión, La vida empieza hoy e Clara Campoamor, la mujer olvidada). O guión está escrito por Rafa Russo e
Laura Mañá. a rodaxe, que se levará a cabo en localizacións catalanas e galegas coma o castelo de Montjuïc en Barcelona, o de San Felipe en Ferrol ou o mosteiro de Santa Catalina en Ares, terá unha duración de cinco semanas.

Blanca Portillo, actriz polifacética e de longa traxectoria, coñecida polos seus excelentes traballos en cine e televisión, interpreta á protagonista da historia, Concepción Arenal. Acompáñana a actriz Mabel Rivera (La Bella Otero, Mar Adentro) no papel de Juana de Vega e o actor Pere Arquillué (La Riera, Mar de Fons), encarnando a Garrido, o alcaide da prisión de mulleres. Xunto a eles participan Xosé Barato, Luísa Merelas, Isabel Naveira, Anna Casas, Diana Gómez, Oscar Rabadán, Candela Fernández, Fermí Reixach e Juanma Lara entre un
nutrido grupo de actores.

“Odia o delito e compadece o delincuente”
Esta cita de Concepción Arenal permaneceu gravada durante anos de xeito obrigatorio nos cárceres españois. A obra social e ensaística desta avogada, activista e precursora do feminismo marcou un antes e un despois no sistema penal do noso país e obtivo un enorme eco na Europa do XIX. A súa loita en prol dos dereitos humanos logrou cambiar a perspectiva da sociedade sobre os máis desfavorecidos e mellorar as súas duras condicións de vida.
A visitadora de cárceres recolle a etapa de Concepción Arenal como visitadora de
cárceres de mulleres e rescata esta figura fundamental na historia do século XIX.

Sinopse
No século XIX, cando as execucións aínda son motivo de escarnio público e os presos carecen de todo dereito, Concepción Arenal é nomeada visitadora de cárceres de mulleres. É na prisión da Coruña onde Arenal comeza a súa loita para mellorar as condicións de vida dos presos e poñer en marcha a reforma das institucións penais.

Categoría: Novas
Etiquetas: