O CONSELLO DA CULTURA GALEGA CONTARÁ CUN ORZAMENTO DE 2,5 MILLÓNS DE EUROS PARA 2013

7 / 01 / 2013

O Plenario do Consello da Cultura Galega aprobou o 27 de decembro, o seu orzamento para 2013, que ascenderá a 2,5 millóns de euros, o que supón unha diminución do 5,5% en relación a 2012. As cifras, integradas nos orzamentos da Comunidade Autónoma, serán sometidas agora á consideración do Parlamento Galego.

Á sesión asistiu por vez primeira Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, en calidade de presidente de honor da institución. O pleno aprobou tamén onte o programa de actividades do Consello para 2013, que, separadamente das preceptivas funcións de asesoría en materia cultural, virá en boa medida marcado polo congreso que se dedicará á figura e á obra de Rosalía de Castro (1837-1885) baixo o título “Rosalía no século XXI. Unha nova ollada”. Serán cinco xornadas que se desenvolverán entre febreiro e xuño, que contarán coa participación dos máis destacados expertos nacionais e internacionais na obra rosaliana. Tamén se celebrarán un simposio en homenaxe a Serafín Moralejo, e unhas xornadas sobre a situación dos museos e as artes escénicas en Galicia, e sobre a repercusión da Lei da Memoria Histórica na emigración.

Categoría: Novas
Etiquetas: