Tan só superado por “Hay una cosa que te quiero decir”, Concepción Arenal, a visitadora de cárceres” foi o programa máis visto na noite de onte martes en Televisión de Galicia, superando a La 1 de Televisión Española, a Antena 3 e a Cuatro que coa emisión da última parte da triloxía de “El Señor de los Anillos”acadou o 9,9% de audiencia.

Ambientada a mediados do século XIX, “Concepción Arenal, a visitadora de cárceres” recrea a época na que a avogada e escritora Concepción Arenal traballou como visitadora de prisións de mulleres na Coruña, o que daría como froito algunhas das súas obras clave que habían de servir de base para a reforma do sistema penal imperante en España. A película, que rescata esta figura fundamental na historia dos séculos XIX e XX, ten como escenario principal unha prisión de mulleres, buscando retratar con fidelidade as duras condicións de vida nos presidios da época. Axudada pola ficción, A visitadora de prisións pretende reflectir a influencia que a obra social e ensaística de Concepción Arenal exerceu no cambio desta penosa realidade.

Protagonizada por Blanca Portillo e dirixida por Laura Mañá, A visitadora de prisións é unha película para televisión producida por Zenit TV e Distinto Films, coa produción executiva de Miriam Porté e Zaza Ceballos, en coprodución con Televisión de Galicia, Televisió de Catalunya e Televisión Española. Tamén recibiu o apoio do ICAA, da Consellería de Cultura e Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, do ICIC e do Instituto de la Mujer.