O  Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI, rúa Durán Loriga, 10 baixo, A Coruña) comeza mañá xoves día 3 de febreiro o ciclo dedicado ao mestre alemán Friedrich Wilhelm Murnau coa proxección do seu último filme, Tabú (1931) (2 sesións, ás 18.00 e 20.45 horas).

O ciclo seguirá durante todo o mes de febreiro, destacando as proxeccións con acompañamento musical en directo a cargo do pianista Javier Pérez Castro, que se inician o venres 4 (20.00 horas) con El último (1924).  

Xoves 3 de febreiro (18.00 e 20.45 horas)

TABU / TABÚ
(Estados Unidos, 1931)
Dirección: Friedrich Wilhelm Murnau. Guión: Friedrich Wilhelm Murnau e Robert Flaherty. Produción: Friedrich Wilhelm Murnau e Robert J. Flaherty Production. Fotografía: Floys Crosby, Robert Flaherty. Intérpretes: Reri, Matahi. Duración: 86 minutos.
A independencia de Murnau respecto a Hollywood logo do maltrato de City girl, lévao a un acordo con Robert Flaherty, o mítico documentalista. Falan mesmo de facer doce películas faladas mundo adiante. O proxecto –último filme de Murnau, que consideraba a súa mellor película- comeza nos Mares do Sur. Unha rapaza, Reri, e Matahi, o mellor pescador da illa, son parella. O vello feiticeiro Hitu decide consagrar a Reri aos deuses, rompendo o idilio. Pero os mozos rebélanse e foxen dos ritos. Murnau concibe o filme á maneira romántica, o que leva a diferenzas creativas con Flaherty, propoñendo unha visión nada edulcorada da realidade plasmada (ademais dun indicio de disolución dos límites documental-ficción) amosando un mundo maléfico de forzas escuras onde o tabú e a relixión son ameazas.    

Venres 4 de febreiro (20.00 horas)
DER LETZTE MANN / EL ÚLTIMO
(Alemaña, 1924)
Dirección: Friedrich Wilhelm Murnau. Guión: Carl Mayer. Produción: UFA. Fotografía: Karl Freund. Intérpretes: Emil Jannings, Maly Delschaft. Duración: 81 minutos.
Un veterano e orgulloso porteiro de hotel ve o declinar do seu oficio. Logo dun contratempo, cámbianlle o seu posto por un máis descansado, garda dos sotos do hotel. Avergonzado, rouba un uniforme de porteiro todos os días e volve a casa con el. Pero un día, unha amiga descobre o engano e faise público no barrio. Fazaña de Murnau, que chegou a eliminar os intertítulos cun despregamento de suntuosos e complexos desprazamentos de cámara, emprego da montaxe de contrastes, imaxes simbólicas e metáforas visuais, convertendo este filme nunha gozosa experiencia e un dos grandes títulos da Historia do cine.  

Xoves 10 de febreiro (18.00 e 20.45 horas)
SUNRISE / AMANECER
(Estados Unidos, 1927)
Dirección: Friedrich Wilhelm Murnau. Guión: Carl Mayer, a partir do relato Die Reise nach Tilsit de Hermann Sudermnan. Produción: Fox Film Corporation. Fotografía: Charles Rosher e Karl Struss. Intérpretes: George O’Brien, Janet Gaynor. Duración: 94 minutos.
O pescador Ansass vive feliz xunto á súa muller nunca vila próxima a un lago. A chegada dunha moza da cidade, fatigada e na procura de tranquilidade, causa un súbito namoramento no pescador. Inducido por ela, Ansass abriga a idea de asesinar a súa muller, Indre. Cando están nunha barca en medio do lago, Ansassa aproxímase a Indre e prodúcese un feito decisivo… Primeiro filme realizado nos Estados Unidos, contratado pola Fox onde, por fin, Murnau traballa en total liberdade, con temas escollidos por el. Sets espectaculares, movementos de cámara heroicos, decorados en función do encadre, campos de luz únicos, un filme de beleza sublime que influirá nos propios cineastas estadounidenses.      

Venres 11 de febreiro (20.00 horas)
NOSFERATU
(Alemaña, 1921)
Dirección: Friedrich Wilhelm Murnau. Guión: Henrik Galeen, sobre a novela Drácula de Bram Stoker. Produción: Prana-Film. Fotografía: Fritz Arno Wagner. Intérpretes: Max Schreck, Gustav Von Wangenheim. Duración: 93 minutos.
Lendaria e libre versión do Drácula de Bram Stoker e un dos títulos máis célebres e icónicos de Murnau. 1838, Hutter, empregado dunha inmobiliaria en Viborg viaxa a un castelo dos Cárpatos. O dono, o conde Nosferatu, desexa mercar unha finca en Viborg. A estrañeza dos feitos acontecidos na primeira noite, fan que Hutter descubra o vampirismo do conde e fuxa. Pero Nosferatu vai embarcado nun ataúde cara ao porto de Viborg… Durante tempo paralizada pola viúva de Stoker –non se adquiriron os dereitos- un clásico do cine mudo, un filme de raíces pictóricas con imaxes realistas froito dunha estudada composición chea de referencias coa colaboración do deseñador artístico Albin Grau e un alucinante e misterioso protagonista, Max Schrek.   

Xoves 17 de febreiro (20.00 horas)
CITY GIRL
(Estados Unidos, 1929)
Dirección: Friedrich Wilhelm Murnau. Guión: Berthold Viertel e Marion Orth, sobre a peza teatral The Mud Turtle de Elliot Lester. Produción: Fox Film Corporation. Fotografía: Ernest Palmer. Intérpretes: Mary Duncan, Charles Farrell. Duración: 90 minutos.
Tustine, un labrador, envía o seu fillo Lem á cidade para vender a colleita de trigo. Lem namora da camareira Kate e casa con ela. Volven xuntos á granxa, pero o pai enfurécese porque Lem non acadou o prezo desexable para a colleita, colléndolle aversión a Kate. Estraño proxecto e filme excelente (quizais o máis influente nos directores norteamericanos) que Murnau dirixe pouco menos que de encargo –Frank Borzage comezaba a ser o preferido da Fox- e vese obrigado a engadir secuencias faladas pola chegada do sonoro (o título orixinal era Our daily bread). Outro suceso no seu traballo: os planos son máis estáticos, hai escasos movementos de cámara e o ambiente amósase pechado. A película é un fracaso comercial e Murnau rompe o seu contrato coa Fox en febreiro de 1929.     

Venres 18 de febreiro (20.00 horas)
PHANTOM
(Alemaña, 1922)
Dirección: Friedrich Wilhelm Murnau. Guión: Thea Von Harbou, sobre a novela homónima de Gerhart Hauptmann. Produción: Uco-Film der Decla-Bioscop. Fotografía: Axel Graatkjaer e Theophan Ouchakoff. Intérpretes: Alfred Abel, Frida Richard. Duración: 132 minutos.
Nunha vila de montaña e a petición da súa irmá, un ex presidiario, Lorenz Lubota, escribe a historia da súa vida. Modesto empregado municipal afeccionado á poesía, namora tolamente de Veronika, unha muller rica. Unha sucesión de equívocos e tramas, de asomos de gloria e traxedias de clase, levan a Lubota á desesperación. Un dos filmes máis fermosos de Murnau, cheo de recursos exuberantes, de contrastes de luces e sombras e unha fonda visualización da emoción dos personaxes.   

Martes 22 de febreiro (18.00 e 20.45 horas)
DER GANG IN DIE NACHT / LA LUZ QUE MATA
(Alemaña, 1920)
Dirección: Friedrich Wilhelm Murnau. Guión: Carl Mayer, sobre o guión danés Der Sieger de Harriet Bloch. Produción: Goron Film. Fotografía: Max Lutze. Intérpretes: Olaf Fönns, Erna Morena. Duración: 69 minutos.
No aniversario da súa prometida, Helen, o médico Eigil Boerne, asiste con ela a un espectáculo de cabaret. Unha das bailarinas interésase por el e finxe un accidente, de modo que el acode ao camerino. Boerne namora de Lily, rompe o compromiso con Helen e casa. Van vivir ao campo e un día chega un mozo pintor cego que vai prender a traxedia. A película máis antiga conservada do autor, un tormentoso conflito amoroso influído polo entón preponderante cine nórdico –guión danés de partida- e cheo de planos excelsos. Outra sorpresa para o espectador moderno.        

Mércores 23 de febreiro (18.00 e 20.45 horas)
SCHLOSS VOGELÖD
(Alemaña, 1921)
Dirección: Friedrich Wilhelm Murnau. Guión: Carl Mayer e Berthold Viertel, sobre a novela de Rudolph Stratz. Produción: Uco-Film der Decla-Bioscop. Fotografía: Laszlo Schaffer e Fritz Arno Wagner. Intérpretes: Arnold Korff, Lulu Kyser-Korff. Duración: 81 minutos.
O castelo de Vogelod recibe un visitante inesperado, o conde Johann Oetsch, sospeitoso do asasinato do seu irmán tres anos atrás. A incomodidade trócase en desagrado cando chega a viúva acompañada do seu novo marido. Curioso e pouco coñecido drama de intriga que Murnau rodou en 16 días. Ben acollido por crítica e público, o suspense, o clima opresivo e a sutil posta en escena permiten seguir descubrindo a xenialidade do mestre alemán.  
 
Xoves 24 de febreiro (18.00 e 20.45 horas)
FAUST, EINE DEUTSCHE VOLKSSAGE / FAUSTO
(Alemaña, 1926)
Dirección: Friedrich Wilhelm Murnau. Guión: Hans Kyser, con arranxos de Thea von Harbou, sobre as obras de Goethe, Marlowe e lendas populares. Produción: UFA. Fotografía: Carl Hoffmann. Intérpretes: Gösta Ekman, Emil Jannings. Duración: 98 minutos.
Último fime de Murnau en Alemaña. Mefistófeles pide permiso no ceo para tentar o doutor Fausto, eminente home de ciencia, seguro de que lle fará perder a súa alma. Unha vez na terra, ofrece devolverlle a xuventude e concederlle toda a sabedoría a cambio da súa alma. Un fugaz pacto e a tentativa de revocación deste levan a unha viaxe conducida por Mefistófeles. Dous anos de preparativos, nove meses de rodaxe, un orzamento de dous millóns de marcos, unha produción estilizada, creativa, con asociacións icónicas de primeira orde e montaxe por liñas e zonas, concibida a narración maxistralmente por Murnau como unha sucesión de cadros vivos.    

Venres 25 de febreiro (20.00 horas)
TARTÜFF / TARTUFO
(Alemaña, 1925)
Dirección: Friedrich Wilhelm Murnau. Guión: Carl Mayer, sobre a obra teatral de Molière. Produción: UFA. Fotografía: Karl Freund. Intérpretes: Emil Jannings, Werner Krauss. Duración: 70 minutos.
Un vello cabaleiro adiñeirado está cada vez máis dominado pola ambiciosa e despótica ama de chaves, que busca que desherde o neto e lle deixe a ela a súa fortuna. O intelixente neto ten un cine ambulante, que leva á casa do avó. Un día proxéctalle unha versión de Tartufo, comedia de Molière. Produción UFA co gran Emil Jannings de protagonista, tratamentos formais distintos segundo os segmentos narrativos, moi centrado Murnau nos magníficos xogos plásticos e lumínicos.