O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) organiza un ciclo completo dedicado ao colectivo artístico LOS HIJOS -fundado en 2008 por Javier Fernández, Luis López e Natalia Marín- coa proxección das dúas curtametraxes e as dúas longametraxes realizadas por eles os días 10 e 11 de xuño (ambos días ás 20.30 horas).

Hoxe día 10 de xuño ofrécese a curta “El sol del membrillo” (2008) e a longametraxe premiada en Punto de Vista (Pamplona) “Los materiales” (2009). Os membros do colectivo Natalia María e Javier Fernández presentarán ambas sesións. A entrada é gratuíta.  

O traballo de LOS HIJOS alterna o rexistro documental coa experimentación formal, un afondamento no estudo do discurso da non-narración polo que lindan con prácticas heteroxéneas como o cine de vangarda, a investigación etnográfica, o relato metacinematográfico e a videoarte. Autores de dúas curtas e dúas longametraxes, o premio Jean Vigo á mellor dirección no Festival Punto de Vista de Navarra 2010 por Los Materiales permite a revelación e difusión da súa obra.   

Xoves 10 de xuño (20.30 horas):
EL SOL EN EL SOL DEL MEMBRILLO     
(España, 2008)
Dirección, guión, produción e fotografía: Los Hijos (Javier Fernández, Luis López e Natalia Marín). Duración: 12 minutos.
Unha indagación na relación do autor coa obra que participou na Documenta Madrid 2009.

LOS MATERIALES    
(España, 2009)
Dirección, guión, fotografía e produción: Los Hijos (Javier Fernández, Luis López e Natalia Marín). Duración: 75 minutos.
A historia recente de Riaño está marcada pola traumática construción do encoro que anegou a vila orixinal en 1987. Xunto con ela, sete vilas mais alá do Val foron tamén cubertas polas augas. Javier, Luis e Natalia pasarán un ano explorando a zona.
 
Venres 11 de xuño (20.30 horas):
YA VIENE, AGUANTA, RIÉGUEME, MÁTAME     
(España, 2009)
Dirección, guión, fotografía e produción: Los Hijos (Javier Fernández, Luis López e Natalia Marín). Duración: 10 minutos.
Catro fragmentos clave da historia do cine español revisitados. Os títulos son: El espíritu de la colmena (1973) de Víctor Erice, Historias del Kronen (1994) de Montxo Armendáriz, La ley del deseo (1986) de Pedro Almodóvar e Amantes (1991) de Vicente Aranda.

CIRCO     
(España, 2010)
Dirección, guión, produción e fotografia: Los Hijos (Javier Fernández, Luis López e Natalia Marín). Duración: 80 minutos.
“Circo (do latín circus). 1.m. Edificio ou recinto cuberto por unha carpa, con bancadas para os espectadores, que ten en medio unha ou varias pistas onde actúan malabaristas, pallasos, equilibristas, animais adestrados, etc. 2.m. Este mesmo espectáculo. 3.m. Conxunto de artistas, animais e obxectos que forman parte deste espectáculo. 4.m. Sitio destinado entre os antigos romanos para algúns espectáculos, especialmente para a carreira de carros ou cabalos. 5.m. coloq. Confusión, desorde, caos“ (Los Hijos).