CICLO DE CINE DOCUMENTAL ESPAÑOL ACTUAL “DERIVAS DO REAL”

4 / 06 / 2013

No Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa de A Coruña, mañá día 5 de xuño ás 20.00h proxéctase o filme Garbo, o espía de Edmon Roch, dentro do ciclo de cine documental “Derivas do Real”. Entrada libre, aforamento limitado.

O concepto “cine” está a cambiar ao mesmo tempo que o noso presente, onde o fluxo e as fontes das imaxes se multiplicaron. En concreto, o cine documental é hoxe por hoxe unha das súas parcelas máis fascinantes, en continua mutación e propón ao espectador novos desafíos fronte ao que está a ver. Actualmente, o xénero vive no noso país unha auténtica idade de ouro, onde as películas de, entre moitos outros, José Luis Guerín ou Isaki Lacuesta, se pasean por festivais de medio mundo acaparando premios e recoñecementos. Con este ciclo queremos radiografar o presente do documental español con catro títulos que se caracterizan por formular máis preguntas que respostas sobre como contar unha historia e sobre a propia natureza das imaxes. Todas elas son propostas diverxentes en forma e fondo pero converxentes na súa excepcional calidade.

 

5 de xuño de 2013, ás 20.00 horas. Garbo, o espía (2009) Edmon Roch

Fascinante recreación a través de material de arquivo e de películas de Hollywood ambientadas na época dos feitos narrados, da vida dun espía español, tan incrible que parece ficción. Utilizando as maneiras dun falso documental, o resultado é un traballo cegador sobre a impostura. Guión de Isaki Lacuesta. Premio Goya 2009 ao mellor documental.

Categoría: Novas
Etiquetas: