O Centro Galego de Artes da Imaxe comeza mañá martes día 8 de maio o ciclo “Artes pola integración” coa proxección (20.30 horas) do filme checo Renè de Helena Trestikovà. Presenta a sesión Carlota Pérez, comisaria xunto a Manuel Olveira, do proxecto “Encontro: Artes pola integración”, organizado polo concello da Courña nestes días. A entrada é de balde. ARTES POLA INTEGRACIÓN:

En colaboración co concello da Coruña.

Proxecto dirixido por Carlota Pérez e Manuel Olveira, Encontro: Artes pola integración, une varias institucións á vez que ofrece representacións artísticas arredor de grupos socialmente excluídos –por unha complexa e múltiple amálgama de razóns- e permite o seu (re)coñecemento, a súa visibilidade, (auto)representación e máis a mostra mesma dos procesos de reflexión. Trasladado a varios ámbitos de intervención, do punto de vista cinematográfico, o CGAI engloba no seu ciclo catro proxeccións afíns, catro traballos que teñen un núcleo común: o excluído (e os seus espazos) é o protagonista ou motor da acción e da (auto)reflexión. René (2008), non ficción da checa Helena Trestikovà comprende vinte anos de filmacións, catro lustros de cárcere e correccionais para o protagonista (real), René Plasil. Enfiada na estrita contemporaneidade fílmica, a relación suxeito filmado-documentalista gravita constantemente sobre a irrepetible historia. E vinte anos son os que –case– transcorren entre o histórico achegamento á familia de literatos Panero no clásico El desencanto (1976) de Jaime Chávarri e Después de tantos años (1994) do malogrado Ricardo Franco, unha revisitación de traumas, vaivéns emocionais, intelixencias torturadas e espazos de clausura a modo de testamento dos fillos do poeta Leopoldo Panero. Un lúcido debuxante, Miguel Gallardo, publica en 2008 un cómic moi persoal. María y yo (2010) de Félix Fernández de Castro é a súa plasmación cinematográfica. Filme catarse apuntalado nunha viaxe de vacacións dunha filla con autismo, María, onda seu pai, o propio Gallardo, aparece chea de sensibilidade e sentido lúdico. Por último, recuperamos un título de culto localizado na transición política española, Animación en la sala de espera (1981) de Carlos Rodríguez Sanz e Manuel Coronado, documento con doses metanarrativas sobre a vida cotiá nun hospital psiquiátrico, verdadeiro rexistro humano de psicopatoloxías.           

Martes 8 de maio (20.30 horas). Entrada de balde.   
RENÉ
Helena Trestiková, 2008. Con René Plasil. 83’.
Retrato que a cineasta checa Helena Trestiková -autora de Hitler, Stalin and me ou Marcela- realiza sobre René Plásil, un mozo conflitivo nos anos finais da década dos 80 na daquela Checoslovaquia. Ao longo dos seguintes vinte anos, Plásil muda de imaxe, entra e sae de institucións e alterna traballos entrementres a cámara da directora permanece a carón del. O intercambio epistolar e a cámara serán os vínculos que certifiquen o paralelismo de ambas as dúas figuras, as súas dificultades para levar a cabo os seus cometidos, integrarse e/ou ser eles mesmos. René indaga con sensibilidade en moitas das cuestións esenciais da contemporaneidade fílmica, a ética da imaxe, a relación suxeito filmado-documentalista, a disgregación dos aparentes límites entre ficción e non ficción.              
 
Mércores 9 de maio (18.15 e 20.30 horas)
DESPUÉS DE TANTOS AÑOS
Ricardo Franco, 1994. 97’.
Regreso a un histórico documental que convulsionou a España posterior á morte de Franco, El desencanto (1976) de Jaime Chávarri. De novo, case vinte anos despois, os fillos literatos, cultos e torturados, Leopoldo María, Michi e Juan Luis, do poeta da dictadura Leopoldo Panero, unha familia atormentada –xa sen a nai, Felicidad Blanc- que analiza as cinzas do seu legado. Unha revisitación das derrotas vitais, dos vaivéns emocionais, dos propios espazos da clausura e da exclusión nun filme dirixido polo malogrado Ricardo Franco, director de pezas tan estimables como Pascual Duarte (1975), Los restos del naufragio (1978) ou La buena estrella (1997).
 
Xoves 10 de maio (18.15 e 20.30 horas)
MARÍA Y YO
Félix Fernández de Castro, 2010. 77’.
Miguel Gallardo, histórica figura do underground en plena bonanza da historieta gráfica e subversiva dos anos da transición, obtén o Premi Nacional do Cómic catalán en 2008 pola edición de María y yo. Afeitos a personaxes emblemáticos como Makoki, a moitos lles colle por sorpresa a tenrura dunha historia biográfica, real, a da propia filla de Gallardo, María, unha nena con autismo que vive en Canarias coa nai. O filme resultante erixe a convivencia do debuxante coa filla durante unha semana de vacacións compartida. Como unha catarse nada traumática, o relato documental aparece cheo de sensibilidade e sentido lúdico.

Venres 11 de maio (18.15 horas)
ANIMACIÓN EN LA SALA DE ESPERA
Carlos Rodríguez Sanz e Manuel Coronado, 1981. 80’.
Un xardín mal coidado e personaxes ensimesmados en compulsivas actividades repetitivas. Á casa chegan por sorpresa un grupo de teatro e unha orquestra que non alterarán a rutina dun arrepiante universo paralelo ao noso. Documental sobre a vida cotiá nun hospital psiquiátrico, que deu carta de natureza ao rexistro de psicopatoloxías ata ese momento vedadas, co que se facilita un dos mellores traballos do fértil período da transición española.  

Venres 11 de maio (20.30 horas)
LAS MARIMBAS DEL INFIERNO
Julio Hernández Cordón, 2010. Con Alfonso Tunché, Blacko González. 73’.  
Don Alfonso, un marimbero extorsionado pola mara, e Blacko, roqueiro e médico, satánico e evanxélico, únense cun obxectivo común: lograr fusionar o son tradicional da marimba coa potencia do heavy metal. O resultado é un filme humanista, unha hábil mestura de ficción e non ficción con temas universais (amizade, creatividade ou supervivencia) no entorno da Guatemala contemporánea. Segunda longametraxe de Julio Hernández Cordón (1975), autor de Gasolina (2008), premiada en San Sebastián.