O Centro Galego de Artes da Imaxe comeza mañá martes día 22 de outubro, coa proxección de LA CASA DE EMAK BAKIA de Oskar Alegría, unha nova entrega da sección da programación Desencadres. Fóra de toda delimitación, arredados do recadro evidente, estes Desencadres xiran en torno ás Casas, sumando tres filmes recentes. “Déixame en paz”, esa é a traducción da expresión vasca Emak Bakia que serviu de título a unha película experimental de Man Ray filmada nunha casa de Biarritz en 1926. A procura desa casa, 85 anos despois, é o obxectivo que se marca Oskar Alegría en La casa de Emak Bakia a partir das mínimas pistas que achega a película de Man Ray. Presentada en distintos festivais ao longo de 2012 (Bafici, Distrital, Edimburgo, San Sebastián), a película de Alegría proponnos unha investigación sobre esas misteriosas orixes e todas as historias que de aí derivan. Representa tamén unha oportunidade para programarmos outras películas que nos falan doutras casas ou, máis directamente, de arquitectos. Por exemplo, Reconversão, de Thom Andersen, documental arredor do arquitecto portugués Eduardo Souto Moura. Producida polo Festival de Vila do Conde dentro do proxecto 4 Filmes x 4 Realizadores co que se conmemoraron en 2012 os 20 anos do festival, Reconversão prolonga o interese de Andersen pola arquitectura e mais o urbanismo (Los Angeles Plays Itself) ao presentar 17 edificios ou proxectos do autor do Estadio de Braga, filmados cun estilo “proto-cinematográfico” a razón de 1 ou 2 frames por segundo. A protagonista de Stemple Pass non é exactamente unha casa, senón unha simple cabana enclavada nas montañas de Sierra Nevada (California). Alí James Benning constrúe cadansúa réplica das cabanas de Thoreau en Walden Pond e de Theodore J. Kaczynski (“Unabomber”) en Stemple Pass (Montana). Catro únicos planos desta última réplica rodados en distintas estacións do ano acompáñanse da lectura por parte do propio Benning de fragmentos do diario de Kaczynski. Escribía Javier Porta Fouz no catálogo do último Bafici: “Á súa maneira, Stemple Pass é un cativador thriller político”.


Martes 22 de outubro (18.00 e 20.30 horas)
LA CASA DE EMAK BAKIA
(España, 2012)
Dirección, guión, produción e fotografía: Oskar Alegría. Duración: 83 minutos.
Unha película vangardista de Man Ray chamada Emak Bakia, en éuscaro Déixame en paz, desata o relato dunha procura. A casa onde se rodou en 1926 preto de Biarritz tivo ese nome. Oskar Alegría decide emprender un camiño a pé cara á súa localización. Daquela mansión, Man Ray só deu a coñecer tres planos: a imaxe da súa porta principal, dúas columnas dunha xanela e un anaco de costa próxima. A busca por medio destas imaxes antigas non ha ser sinxela. O nome non figura nos arquivos e ninguén lembra hoxe a casa. Por iso, pídese axuda a outros informantes como o azar e mais o vento.

Mércores 23 de outubro (18.00 e 20.30 horas)
RECONVERSÃO
(Portugal, 2012)
Dirección, guión e fotografía: Thom Andersen. Produción: Curtas Metragens CRL. Duración: 67 minutos.
Un retrato de dezasete edificios e proxectos do arquitecto portugués Eduardo Souto de Moura a cargo do estadounidense Thom Andersen, director e profesor do que xa puidemos ver Red Hollywood (1995), Los Angeles Plays Itself (2003) e Get Out of the Car (2010) no CGAI. Tecnicamente o filme combina a crueza do protocine co hiperrealismo do dixital ao tempo que nos devolve os ideais de Vertov.

Mércores 30 de outubro (18.00 e 20.30 horas)
STEMPLE PASS
(Estados Unidos, 2012)
Dirección, fotografía e produción: James Benning. Duración: 121 minutos.
James Benning funde dúas obsesións: a reprodución das cabanas de Ted Kaczynski, o afamado Unabomber, e Thoreau cos propios escritos de Unabomber. Catro planos de media hora de duración con textos políticos de Kaczynski lidos por Benning nun regreso do cineasta á palabra, sen descoidar as claves da súa obra: contemplación, radicalidade, serialidade, elaboración da relación son-imaxe-texto.