O CGAI COMEZA UN CICLO ADICADO A BERLANGA

12 / 11 / 2012

O Centro Galego de Artes da Imaxe inicia mañá martes día 13 de novembro un ciclo dedicado ao cineasta español Luis García Berlanga (1921-2010). En colaboración con Filmoteca Española e IVAC-La Filmoteca de Valencia, responsables da conservación, restauración e tiraxe de copias novas da maxistral filmografía do director valenciano, unha completa retrospectiva do seu cine, con copias nas mellores condicións, dous anos despois do seu falecemento. O ciclo, en orde cronolóxica, prosegue nos primeiros meses de 2013 e inclúe sorpresas como a súa curta para o IIEC e traballos para a televisión.   Figura esencial na historia da nosa cinematografía, Berlanga aparece, dono dun particular talante enmarcado nun medio complexo, como diplomado en realización no Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas (IIEC). Logo de asinar as fábulas de tinturas neorrealistas -derivadas da breve e fértil colaboración con Juan Antonio Bardem- Esa pareja feliz (1951) ou ¡Bienvenido, Mister Marshall! (1952), a súa produción pasa inmediatamente a un progresivo endurecemento e carácter autenticamente liberador. Pezas maxistrais como Plácido (1961) e El verdugo (1963) semellan ocultar non só outras moitas obras valiosas, senón tamén a sociedade na que se desenvolve, as dificultades permanentes coa censura e coas administracións que o levan a renunciar a infinidade de proxectos –uns 40- e a realizar en Francia Tamaño natural (1973), o máis desesperanzado dos seus títulos, narración dos amoríos entre un burgués de boa posición (o gran Michel Piccoli) e unha boneca. A supresión da censura posterior ao fin da ditadura axudou a Berlanga a construír novas e audaces metáforas da rapina humana, coa triloxía da familia aristocrática Leguineche comezada con La escopeta nacional (1978) como emblema. Sainete con doses de esperpento, enxeñoso retrato de grupo de ponderada pericia estilística, exemplificaba a desinhibición e o espírito satírico do seu autor, conformando saga histórica, éxito crítico e fenómeno sociolóxico.

Nin beato, nin moralista, nin testamenteiro do progresismo, o cine de Berlanga diseca con sumo coidado na dimensión formal –lendarios os elaborados planos secuencia que acadan o xenial en Patrimonio nacional (1980) invalidando toda acusación de desamaño formal- a mesquindade, a traizón e o desamor, ao tempo que amosa comprensión cara ao individuo, vergoñoso e entrañable. Enmascarando a súa personalidade e con extrema lucidez, el mesmo –“fanfurriñeiro negativo” en expresión de Bardem- era consciente dos seus gustos e logros. Alto, amable, contraditorio e con mellor memoria da que dicía ter, a posteridade permitirá recuperar obras magnas como a moi negra e turbadora ¡Vivan los novios! (1969) e Patrimonio nacional. A comicidade máis grosa impregna a súa produción a partir de Nacional III (1982) e os parabéns oficiais (premios Goya) chegan por medio de ¡Todos a la cárcel! (1993), despois de cumprir co seu vello proxecto sobre a guerra civil, La vaquilla (1985). A testamentaria París-Tombuctú (1999), antoloxía do seu cine e recuperación de Michel Piccoli, aínda amosaba o vigor dun gran cineasta, esbozando un itinerario irrepetible polo absurdo da existencia.
Son moitos os feitos polos que o seu cine atinxe o maxistral: o aproveitamento das tradicións culturais en sabia convivencia con elementos modernos; a asimilación de rostros e tipoloxías xenéricas populares integrados en valentes composicións corais; a singular reunión de motivos temáticos e filias; a sólida formación dun imaxinario de fantasías e mitos converxentes cos acentuados perfís do español do momento; a interrogación escéptica sobre o suxeito.    
A aparición sorprendente dunha veta de traballos dirixidos por outros emanados da súa escritura compartida con Rafael Azcona –Alla mia cara mamma nel giorno del suo cumpleanno ou Una noche embarazosa-, as colaboracións como actor, a supervisión dun proxecto atractivo (logo truncado) para TVE como Se vende un tranvía (1959), a condición de experto erotómano con consecuencias editoriais e o labor de lanzador de proxectos como El inquilino (1957) e Tenemos 18 años (1958), sitúan a Berlanga como figura esencial da nosa Historia cultural. Labores como a de profesor da Escola Oficial de Cine ou director da daquela Filmoteca Nacional, sumado a peripecias persoais propias da época que lle tocou vivir (combatente na División Azul) revelan a complexa e inesquecible dimensión de quen foi sutil oficiante do caos, un observador irónico que entendeu que o sentido tráxico da existencia (española) só podía ter, á maneira do esperpento, unha deformación subversiva das formas.   

Martes 13 de novembro (18.00 e 20.30 horas)
EL CIRCO    
(España, 1950)
Dirección e guión: Luis García Berlanga. Produción: Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas (IIEC). Fotografía: Juan Julio Baena. Duración: 15 minutos.  
A chegada do Circo Americano a Madrid é a escusa perfecta para que un mozo Berlanga, estudante na Escola de Cine do momento, o IIEC (Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas), realice a súa práctica de fin de curso, terceiro ano, xa con experiencia como guionista para Serrano de Osma (a inacabada Cerco de ira). O cineasta valenciano gradúase -só o conseguirían desta promoción inicial á primeira tentativa el e García Maesso- con este traballo, mudo, dono dun curioso inserto metanarrativo e filmado en 16 milímetros.     

ESA PAREJA FELIZ    
(España, 1951)
Dirección e guión: Luis García Berlanga e Juan Antonio Bardem. Produción: Industrias Cinematográficas Altamira SL. Fotografía: Guillermo Goldberger. Intérpretes: Fernndo Fernán-Gómez, Elvira Quintillá, José Luis Ozores. Duración: 83 minutos.  
Un humilde matrimonio madrileño, Juan e Carmen, gaña un concurso patrocinado por unha marca de xabón en que se elixe a parella feliz. Ela é ama de casa e el electricista nuns estudios de cine. Non saben que acaba de comezar o seu particular calvario. Amigos desde a súa etapa no IIEC, Bardem e Berlanga debutan na longametraxe repartindo as funcións –Bardem dirección de actores, Berlanga movementos de cámara- e aplicando con sabedoría os espellos deformadores, o distanciamento mais un acentuado sentido do humor e capacidade crítica sobre a realidade do seu tempo.     

Mércores 14 de novembro (18.00 e 20.30 horas)
BIENVENIDO MISTER MARSHALL    
(España, 1952)
Dirección: Luis García Berlanga. Guión: Juan Antonio Bardem, Luis García Berlanga e Miguel Mihura. Produción: UNINCI. Fotografía: Manuel Berenguer. Intérpretes: José Isbert, Manolo Morán, Lolita Sevilla. Duración: 78 minutos.  
O alcalde de Villar del Río recibe unha notificación dos seus superiores. Unha delegación estadounidense visitará o pobo, disposta a satisfacer todas as súas necesidades. As forzas vivas conveñen en organizarlles unha calorosa acollida. Primeira longametraxe de Berlanga en solitario, un sutil e enxeñoso xogo de tradición e proveito de elementos culturais autóctonos propios (dos xéneros populares ao esperpento pasando pola participación de excelentes actores), modernidade (a especial voz omnisciente de Fernando Rey) e pegadas dos mellores modelos alleos foráneos (Capra, o neorrealismo). Presente en Cannes, premios do Círculo de Escritores Cinematográficos (CEC).        

Xoves 15 de novembro (18.00 e 20.30 horas)
NOVIO A LA VISTA    
(España, 1954)
Dirección: Luis García Berlanga. Guión: Edgar Neville, Luis García Berlanga, Juan Antonio Bardem e José Luis Colina, sobre a narración de Edgar Neville Quince años. Produción: Benito Perojo PC e C.E.A. Fotografía: Cecilio Paniagua, Sebastián Parera, Antonio Ballesteros, Miguel Milá e Ángel Ampuero. Intérpretes: Josette Arno, Jorge Vico, José María Rodero. Duración: 83 minutos.  
Anos 10. Loli é unha adolescente a quen a súa nai leva á praia de San Sebastián co secreto propósito de que a moza atope un mozo conveniente, concretamente Federico, un prometedor enxeñeiro a quen coñecen de veranear sempre nese lugar. Pero Loli está namorada de Enrique, un  mozo que vai pasar o verán preparando os exames de setembro. Filme cheo de achados formais, Berlanga amosa o seu amplo coñecemento do cine e filtra o carácter máis lúdico e fresco da súa obra, neste caso unha ben curiosa farsa antimilitarista que parte dun conflito xeracional.      

Venres 16 de novembro (18.00 e 20.30 horas)
CALABUCH    
(España-Italia, 1956)
Dirección: Luis García Berlanga. Guión: Leonardo Martín, Luis García Berlanga, Florentino Soria e Ennnio Flaiano, sobre un argumento de Leonardo Martín. Produción: Águila Films (España) e Films Costellazione (Italia). Fotografía: Francisco Sempere. Intérpretes: Edmund Gween, Franco Fabrizzi, Valentina Cortese. Duración: 96 minutos.  
Un físico nuclear norteamericano foxe do seu país para non seguir colaborando na fabricación de bombas atómicas. Facéndose pasar por un vagabundo indocumentado e ignorante, recala en Calabuch, un pequeno lugar da costa mediterránea. Unha das poucas veces nas que Berlanga recibe un relato alleo, de Leonaro Martín, o que aproveita para mesturar o mundo pirotécnico valenciano coa comedia sentimental de Hollywood. Premio en Venecia.         

Martes 20 de novembro (18.00 e 20.30 horas)
LOS JUEVES MILAGRO / ARRIVEDERCI DIMAS    
(España-Italia, 1957)
Dirección: Luis García Berlanga. Guión: José Luis Colina e Luis García Berlanga, sobre argumento de Luis García Berlanga. Produción: Ariel S.A. (España) e Continentale Produzione Domiziana Internazionale Cinematografica (Italia). Fotografía: Francisco Sempere. Intérpretes: Richard Basehart, José Isbert, Paolo Stoppa. Duración: 90 minutos.  
O balneario do lugar de Fuentecilla é unha ruína, non o visita ninguén. Os donos, para erguer o negocio, inventan que San Dimas apareceu no seu estabelecemento. O milagre relixioso fai que o lugar volva a encherse de clientes. Un dos filmes, dado o contexto, co argumento máis apetitoso da obra de Berlanga, enfrontado a censores e produtores, unha sátira penetrante con coprodución italiana que ten que renunciar a algunhas ideas (algunhas do seu guión El gran festival). A pericia estilística do autor seguía en crecemento.  

SE VENDE UN TRANVÍA    
(España, 1959)
Dirección: Luis García Berlanga e Juan Estelrich. Guión: Rafael Azcona e Luis García Berlanga. Produción: Juan Julio Baena para Estudios Moro S.A. Fotografía: Francisco Sempere. Intérpretes: José Luis López Vázquez, Antonio García Quijada. Duración: 28 minutos.  
No patio do cárcere, un dos presos conta como tentou colocar un tranvía a un rico e inculto agricultor. Episodio piloto dunha serie de 36 prevista para Televisión Española, Los pícaros, que non pasaría o corte a pesar do talento despregado e do engarce temático e formal con toda a obra do cineasta valenciano. Berlanga supervisa e axuda a un novel na dirección, Estelrich (El anacoreta), e incorpora a un colaborador fundamental, o guionista Rafael Azcona.   

Xoves 13 de decembro (18.00 e 20.30 horas)
PLÁCIDO   
(España, 1961)
Dirección: Luis García Berlanga. Guión: Rafael Azcona e Luis García Berlanga. Produción: Jet Films S.A. Fotografía: Francisco Sempere. Intérpretes: Cassen, José Luis López Vázquez. Duración: 85 minutos.  
Unhas beatas organizan unha campaña de acollida de pobres para o día de Noitevella. O lema é “Sente un pobre á súa mesa”. No medio dos preparativos encóntrase Plácido, contratado para participar co seu motocarro na cabalgata. Pero ese mesmo día vence a primeira letra do motocarro, o seu único medio de vida. Memorable fresco social, excepcional manexo da coralidade dun magno grupo de intérpretes, hiperbólico uso da expresión grotesco-esperpéntica cultural, unha mostra da profundidade e das varias capas de lectura formal e narrativa do cine de Berlanga. Finalista ao Oscar á mellor película estranxeira.        

Venres 14 de decembro (18.00 e 20.30 horas)
LAS CUATRO VERDADES   
(España-Francia-Italia, 1962)
Dirección: Luis García Berlanga, Alessandro Blasetti, Hervé Bromberger e René Clair. Guión: Rafael Azcona, Luis García Berlanga, Alessandro Blasetti, Hervé Bromberger, René Clair e Frédéric Grendel, sobre fabulas de Jean de La Fontaine. Produción: Madeleine Films, Franco London Film (Francia), Hispamer Film (España) e Ajace Produzione Cinematografica (Italia). Fotografía: Francisco Sempere, Carlo Di Palma, Jacques Merchanton e Armand Thirard. Intérpretes: Hardy Krüger, Ana Casares, Monica Vitti, Sylva Koscina, Michel Serrault, Anna Karina, Leslie Caron, Charles Aznavour. Duración: 114 minutos.  
Filme colectivo de episodios que adapta fábulas de Jean de La Fontaine: La muerte y el leñador (Berlanga), La liebre y la tortuga (Blasetti), El cuervo y el zorro (Bromberger) e Los dos pichones (Clair). Berlanga e o seu guionista, Azcona, levan ao seu terreo a fábula e elaboran un severo retrato dunha sociedade en mutación como a española dos primeiros anos 60, ao integraren o segmento á perfección no resto da súa obra e ao se destacaren sobre os compañeiros de película.   

Martes 18 de decembro (18.00 e 20.30 horas)
EL VERDUGO / LA BALLATA DEL BOIA     
(España-Italia, 1963)
Dirección: Luis García Berlanga. Guión: Luis García Berlanga, Rafael Azcona e Ennio Flaiano, sobre un argumento de Luis García Berlanga. Produción: Naga Films S.A. (España) e Zebra Films S.P.A. (Italia). Fotografía: Tonino Delli Colli. Intérpretes: Nino Manfredi, José Isbert, Emma Penella. Duración: 87 minutos.  
O empregado dunha funeraria casa coa filla dun verdugo. Por mor da carencia de medios e de vivenda, vese obrigado a seguir os pasos laborais do seu sogro. Axiña recibe a orde de executar  un reo. Premio da crítica en Venecia para outro feroz microcosmos de grotesco humor, creba co realismo social ao uso, libera o espazo da coralidade anterior –na procura de novos empeños- e posúe unha meticulosa e ben medida estrutura. Outra peza maxistral.          

Mércores 19 de decembro (18.00 e 20.30 horas)
LA BOUTIQUE / LAS PIRAÑAS    
(España-Arxentina, 1967)
Dirección: Luis García Berlanga. Guión: Rafael Azcona e Luis García Berlanga. Produción: Cesáreo González PC (España) e Argentina Sono Films S.A.C.I. (Arxentina). Fotografía: Américo Hoss. Intérpretes: Sonia Bruno, Rodolfo Bebán. Duración: 88 minutos.  
Ricardo é un home de negocios casado. Mentres a súa Muller, Carmen, se aburre, Ricardo divírtese coas carreiras de coches e algún ca outro flirteo. Carmen pide axuda á súa nai. Un dos filmes menos coñecido de Berlanga, preto do espírito de certa comedia italiana, unha coprodución do galego Cesáreo González con Arxentina, onde a indagación vai cara a unha das vertentes cruciais na obra seguinte de Berlanga, do varón reprimido ás conflitivas relacións home-muller e a representación de ambos a dous.    

Xoves 20 de decembro (18.00 e 20.30 horas)
¡VIVAN LOS NOVIOS!    
(España, 1969)
Dirección: Luis García Berlanga. Guión: Luis García Berlanga e Rafael Azcona. Produción: Cesáreo González PC. Fotografía: Aurelio G. Larraya. Intérpretes: José Luis López Vázquez, Laly Soldevila, José María Prada. Duración: 83 minutos.  
Leo Pozas, natural de Burgos e alto empregado de banca, chega a un lugar da Costa Brava acompañado de súa nai para se casar con Loli. A nai de Leo morre de xeito inesperado. Isto pode representar a suspensión da voda e un ano de loito, así que a parella decide ocultar o sucedido e agochar o cadáver ata despois da cerimonia. Título a recuperar, formou parte das películas que competiron na Sección Oficial de Cannes 1970. É tamén o primeiro filme en cor da súa traxectoria, unha subversión de tanta comedia desarrollista (e do landismo que comezaría a triunfar), un relato negro, coral e magnífico.    

Venres 21 de decembro (18.00 e 20.30 horas)
GRANDEUR NATURE / TAMAÑO NATURAL / LIFE SIZE    
(Francia-Italia-España, 1973)
Dirección: Luis García Berlanga. Guión: Rafael Azcona e Luis García Berlanga. Produción: Les Productions Fox Europa, Films 66, Uranus Productions France (Francia), Verona Produzione (Italia) e Jet Films S.A. (España). Fotografía: Alain Derobe. Intérpretes: Michel Piccoli, Rada Rassimov. Duración: 101 minutos.  
Rodada en Francia e non estreada en España ata 1977, Berlanga ofrece o insólito relato dun dentista burgués (inesquecible Michel Piccoli), casado, farto do amor con mulleres -pola súa consideración de que sempre se lle pide algo en troques do amor-, decide buscar unha amante submisa. A elixida é unha boneca de plástico de tamaño natural. A soidade e a incomunicación nun filme (inesperadamente) polémico e mal entendido no seu momento, unha traxedia sen concesións nin blindaxe que ofrece algunhas das constantes que Berlanga viña desenvolvendo nos  anos previos.

Categoría: Novas
Etiquetas: