Un ano máis, o Festival de Cine Internacional de Ourense e a Federación de Librarías de Galicia únense para para entregar o Premio Irmandade do Libro ao Mellor Guión Adaptado, tendo nesta décimo novena edición do OUFF a Carlos Bardem como protagonista.

O acto de entrega, que se desenvolveu no Teatro Principal da cidade, estivo presentado pola actriz Cecilia Gessa, parella de Carlos. Nel tamén Nora Sola, directora do festival; Ana Garrido, concelleira de Cultura e Educación; Agustín Fernández, alcalde de Ourense; e Pilar Rodríguez, presidenta da Federación de Libreiros, quixeron amosar a súa admiración polo traballado do madrileño.

Nesta gala homenaxe repasouse a extensa traxectoria profesional de Carlos Bardem, destacando as súas cualidades como escritor e guionista, as facetas máis descoñecidas do actor para o público.

Bardem escribiu a súa primeira novela en 1999, Muertes ejemplares, que recibiu unha mención

especial do xurado do Premio Nadal dese ano. En 2002 recibiu o Premio Destino Guión coa súa seguinte novela, Buziana o el paso del alma.

A súa traxectoria cinematográfica tamén centrou gran parte do interese, xa que participou en máis dunha vintena de películas, recibindo diferentes premios como o Premio da Unión de Actores ao mellor Actor Revelación en 2007 por La Zona, ou o mesmo premio, pero como actor secundario en 2009 pola película Celda 211. Durante a gala tamén se proxectaron dous vídeos sorpresa no que familia e amigos, entre os que se atopaban Juan Diego Botto ou Alberto Ammann, felicitaron a Carlos Bardem por este novo recoñecemento conseguindo que se emocionase.

Bardem, que se denomina escritor pero no tocante á actuación soamente un secundario porque, tal e como comentou entre risas, “se se xuntan todos os meus papeis nun filme non se conseguiría facer o dun actor protagonista”, destacou tamén a súa ledicia ao recibir este recoñecemento ao “ter este premio o obxecto de vincular dúas linguaxes que non son nin parecidas, pero conseguindo algo marabilloso: que se atopen”.

Para rematar o acto e antes da proxeción de Alacrán enamorado, filme co que Bardem recibiu este ano a Medalla do Círculo de Escritores Cinematográficos, Pilar Rodríguez entregoulle o Premio Irmandade do Libro ao Mellor Guión Adaptado, unha figura de bronce deseñada por Ismael López.