Rematamos o 2022 co reto “de seguir sendo a casa de todas e de todos”

26 / 12 / 2022

A poucos días para que finalice o 2022 tócanos facer balance dun ano intenso, no que case recuperamos a vella normalidade se non fora por palabras como guerra, volcán ou crise con variados adxectivos: climática, enerxética, institucional. 

Pese a todas as incertezas que presiden as nosas vidas desde que a Covid chegou a elas, e a outras novas que fomos adoptando, na Academia iniciamos o 2022 con espírito de celebración, estabamos aniversario.

´Álvaro Pérez Becerra na gala dos XX Mestre Mateo.

Preguntamos ao noso presidente, Álvaro Pérez Becerra, que valoración fai sobre o ano que está a piques de rematar. “No 2022 intensificamos o que é un dos principais obxectivos da Academia: o acompañamento e a promoción do talento no audiovisual galego. Aproveitando o noso vinte aniversario quixemos estar máis presentes que nunca en diferentes acontecementos sociais e culturais en Galicia, representando a un sector cada día máis relevante, que avanza imparable desde hai xa moitos anos.”

Unha desas iniciativas de promoción do audiovisual galego presentábase en xaneiro, o Ciclo Mestre Mateo, grazas ao cal, as finalistas dos Mestre Mateo chegaron a máis de 7.000 espectadoras e espectadores de 20 concellos galegos e 8 comunidades galegas do exterior. 

Outra foi, por terceiro ano consecutivo, a Semana do Cinema Galego, unha mostra non competitiva única en Galicia, ao estar consagrada ao 100% ao talento galego, na que o noso audiovisual exhibe as súas producións máis recentes e recoñecidas da man das e dos profesionais do noso cinema. Máis de 3.000 persoas encheron o Teatro Colón da Coruña, que tivo que colgar en dúas ocasións o cartel de “non hai billetes”, para visionar os dez filmes que conformaron o programa. 

Público da Semana do Cinema Galego no Teatro Colón.

O presidente da Academia non esquece, no seu balance anual, os premios Mestre Mateo, que tamén estaban de celebración do seu vinte aniversario: “coa edición especial dos Premios Mestre Mateo propuxémonos estar á altura do éxito das producións e profesionais que triunfan aquí e fóra de aquí.” Un evento cun formato renovado, o de cea de gala,  celebrado no recinto de Expocoruña, que foi posible grazas ao traballo dun equipo de máis de 250 persoas. 

Coa edición especial dos Premios Mestre Mateo propuxémonos estar á altura do éxito das producións e profesionais que triunfan aquí e fóra de aquí.”

Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual.

A gala constituíu unha homenaxe espontánea ao cómico Pedro Brandariz, falecido uns días antes, quen reicibiu o premio ao Mellor actor a título póstumo. No transcurso da mesma, a serie Hierro, con 6 galardóns, e o filme Jacinto, con 4, resultaron as producións máis premiadas e a cineasta, investigadora e escritora Margarita Ledo recolleu o premio de honra en recoñecemento á súa traxectoria. O evento deixou un retorno económico directo na Coruña de mais de 250.000 € e supuxo  un importante polo de atracción de inversión privada, posto que o 33% do orzamento foi aportado por empresas patrocinadoras e colaboradoras. 

Homenaxe a Pedro Brandariz na gala dos XX Mestre Mateo.

Os Mestre Mateo son os máis coñecidos, pero non os únicos premios que entregamos na Academia ao longo do ano. En xullo anunciamos en Lugo os traballos gañadores dos María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual, que chegaban á súa sexta edición. O xurado premiou os ensaios de Severiano Casalderrey e Manuel Barreiro e os videoensaios de Lara Bacelo e Eire García Cid, e outorgou un accésit ao de Antón Varela. En decembro regresamos ao Teatro Colón para entregar o XI Premio Especial José Sellier, co que recoñecemos o labor de iniciativas salientables para o noso sector, ao Chanfaina Lab, un proxecto de creación audiovisual colectiva que se celebra no concello de San Sadurniño.  

En xuño recibimos no Centro Ágora a unha referencia internacional no eido da creación audiovisual. Nin máis nin menos que Eliseo Altunaga, Eliseo decano de guión da mítica Escuela de Cine y TV de San Antonio de los Baños de Cuba, quen impartiu a masterclass O argumento como instrumento para a produción.

Xornada profesional O argumento como insturmento para a produción.

Mirando cara atrás podemos dicir que cumprimos o obxectivo de promoción do talento no audiovisual galego do que falaba o noso presidente. E que tamén celebramos o noso vixésimo aniversario homenaxeando o talento das e os profesionais que, ao longo de vinte anos, teñen contribuído a enriquecer a vida da Academia coa exposición Un retrato ben merecido, que se puido visitar no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense entre o 16 de novembro e o 11 de decembro. 

María Yáñez, comisaria da exposición Un retrato ben merecido.

Comisariada pola académica María Yáñez, a mostra consta de vinte retratos en gran formato do fotógrafo compostelán Aigi Boga a académicas e académicos, visibilizando o traballo das distintas familias profesionais que conforman o sector. “Esta exposición fixo que a Academia tomase conciencia de si mesma” opina Marisela Lens, xerente da asociación desde 2007 e unha das persoas retratadas pola cámara de Aigi Boga. “Moitas veces, o día a día fai que non nos deamos conta da pegada que vai deixando, pero, se miramos con atención o que pasou nestes 20 anos, vemos que a Academia xa forma parte da historia do audiovisual galego e que no presente constitúe unha peza a ter en conta no sector, e disto témonos que sentir moi orgullosos, tanto as socias e socios, como as persoas que traballamos nela”. A mostra tamén incluiu a proxección dun vídeo de Manuel Silva con testemuñas das persoas retratadas e a exhibición dos distintos trofeos cos que a Academia premia iniciativas relacionadas co sector audiovisual.

“Esta exposición [Un retrato ben merecido] fixo que a Academia tomase conciencia de si mesma”

Marisela Lens. Xerente da Academia Galega do Audiovisual.

Na recta final do ano recibimos dous galardóns que nos encheron de ledicia: o premio Paraugas ao mellor evento, nos Premios Paraugas 2022 que organiza o Clúster da Comunicación de Galicia e o premio especial Victorio & Lucchino á mellor creación nos Luxury Advertising Awards pola campaña ‘Vaia Fauna!. Ámbolos dous son recoñecementos conxuntos, xunto a Quattro IDCP, pola gala do XX aniversario dos Premios Mestre Mateo.

Finalizando o noso ano de celebración, preguntamos a Álvaro Pérez Becerra a súa opinón sobre o que nos depara o futuro máis próximo: “temos por diante o reto de seguir sendo a casa de todas e de todos, na que o talento se contaxia, e as celebracións se suceden ao ritmo do traballo excelente que se fai cada día no noso audiovisual.”

Agardamos con ansia as sorpresas que nos deparará o 2023, que, de seguro, serán boas porque as temos ben merecidas. Un ano novo no que queremos seguir sendo a casa de todas e de todos. 

Fotografías: Aigi Boga, Vanessa Rábade e Garabato Photo.

Categoría: Novas
Etiquetas: