BAJO ULLOA FALOU SÚA VISIÓN DA INDUSTRIA DO CINE EN ESPAÑA NO V FESTIVAL DE CANS

26 / 05 / 2008

O día grande do V Festival de Cans arrincou con forza malia os avatares meteorolóxicos, que obrigaron a trasladar o Coloquio na Leira de Alicia ao piso baixo do local parroquial. Juanma Bajo Ulloa fixo unha peculiar selección de curtametraxes, videoclips e anuncios publicitarios.
A charla, liderada por Juanma Bajo Ulloa, acompañado de Manquiña, Julián Hernández e Alfonso Pato, fixo honor ao seu título: “Cine español e público: Vamos a llevarnos bien, o van a haber hondonadas de ostias aquí”. Ulloa falou sen rodeos da súa visión da industria cinematográfica española: “vivimos nun fraude, onde os criterios de produción dun filme non teñen nada que ver coa calidade e coa vontade artística”. E como consecuencia, salientou, o estado fantasmal de moitas estreas, “que pasan totalmente desapercibidas”. Segundo Ulloa, os produtores “axustan os orzamentos para gañar diñeiro mesmo antes de comezar a rodar, polo que logo aforran saíndo cun número de copias mínimas e unha promoción escasa e insuficiente”.

Juanma Bajo Ulloa quixo destacar a existencia de medios técnicos e talentos persoais para a realización de cinema no Estado: “o que falla son as pezas de arriba, os que deciden quen e como se fan as cousas”. Quixo dar acios de esperanza no coloquio Tatiana Rodríguez, guionista do último traballo de Icíar Bollaín, nominada ao Goya, poñendo a esta directora como exemplo de que se pode traballar dun xeito máis independiente. Juanma aludiu ao desinterese das produtoras por mercar un produto acabado feito de xeito independente porque, como puntualizou o prolífico curtametraxista Alber Ponte “xa non teñen máis onde arañar”.

Javier Veiga quixo introducir acidez no debate: “o cine tampouco é un negocio que dea tanto diñeiro e igual ti, Juanma, práceche adoptar esa actitude de neno malo, de traballo na marxinalidade”. Ante isto Ulloa reivindicou a necesidade dun camiño para traballar dende a independencia, “que non te ninguneen por traballar fóra do sistema”. Falou da incerteza que sentiu cando comezou a facer cinema, “non sabía a que grupo unirme ou se ir por libre”. Así mesmo, destacou que “o cinema poida que non orixine moitos cartos, pero outorga un estatus social, que te posiciona para outros negocios”.

Previamente ao coloquio, no Jalpón Friki de Alicia proxectouse unha selección de pezas curtas do director vasco. A maioría delas combinan bo humor, crítica e destreza técnica. O público que ateigou a sala ata os bordos, gozou con traballos como un videoclip rodado en Pamplona para Pablo Carbonell, que mesmo chegou a susurrar o retrouso da canción: “no hai calimotxo como el de mi mamá”. Outra peza salientábel é La armería en casa, unha teletenda moi particular na que se promoven armas de defensa persoal moi especiais; unha visión crítica e aceda, tratada con humor e ironía, do afán polas armas dos estadounidenses.

Mentres, moi preto, no canastro de Bugarín, Víctor Coyote repetiu a súa performance musical Ruído Baixiño. Este espectáculo, xa realizado na tarde de onte, está pensado como un concerto acústico para un aforo moi limitado, de 12 persoas, nun espazo emblemático da Galicia rural. Os comentarios do público selecto que puido asistir eran moi eloxiosos. Coyote tivo a xenerosidade de repetilo varias veces para que ninguén quedase sen escoitar a súa novidosa proposta.

Ao longo de toda a mañá no torreiro da festa desenvolveuse o programa Extrarradio de Radio Galega, conducido por Belén Regueira, no que presentaron a nova edición do concurso A Polo Ghit, que procura a canción do verán. Amenizou a mañá a Banda Municipal do Porriño, cun repertorio específico para a ocasión de temas de cinema. Polo entorno pulularon xa as actrices e actores e demais personaxes que caracterizan o ambiente festeiro do Festival de Cans. Entre eles, asiduos galegos como Manquiña, Luis Tosar e Miguel de Lira. Viñeron por primeira vez a Cans Javier Veiga, María Castro, Pedro Alonso e Moitos outros. E ben cedo pola mañá, houbo un grupo de corenta persoas, camiñantes valentes, que realizaron o roteiro por Cans inaugurado este ano, unha actividade que combina exercicio, natureza e historias locais.

Máis información en:
http://festivaldecans.blogspot.com
http://www.youtube.com/festivaldecans
http://www.myspace.com/festivaldecans
http://www.festivaldecans.com

Categoría: Novas
Etiquetas: