AS MULLERES SON AS GRANDES PROTAGONISTAS DA ÚLTIMA XORNADA DO FESTIVAL AMAL

28 / 10 / 2010

A VIII Edición do Festival Internacional de Cine Euroarabe Amal reserva un lugar moi especial a producións dirixidas por mulleres, o que achegará sen dúbida unha mirada diferente sobre a realidade social e cultural árabe. Case a metade da programación do Festival, está dedicada a películas de mulleres cineastas, quen serán ademais as protagonistas indiscutibles da xornada do venres.

Esta última xornada propón unha interesante reflexión sobre a presenza feminina no cine dos países árabes, a través de obras procedentes de todos os recunchos do mundo. Todas elas nos farán vibrar con fascinantes historias contadas con voz propia, que desafían todo tipo de tabús e foxen de estereotipos. As proxeccións comezarán ás 17.00, na nova sede da Fundación Araguaney, con “Alas sobre Khartoum”.

Este documental penetraranos na realidade social, política e cultural do Sudán contemporáneo a través das historias de catro irmás. O filme está dirixido por Lida Peralta, nova cineasta e xornalista granadina que atopa inspiración para as súas películas nas viaxes que realiza por Oriente Medio, Asia e África. Tras este documental proxectarase a curtametraxe franco-alxerina “El dios el mar y la noche”, un retrato do pintor Mohamed Akshouh dirixido pola alxerina Hafida Hachem.

A continuación, abrirase un coloquio que contará coa participación de Lidia Peralta. Ás 19.00 poderemos asistir no Teatro Principal a unha nova sesión de curtametraxes. Abrirá esta sesión “El año en Argelia”, primeira curtametraxe da guionista e directora May Bouhada, que recibiu a Mención Especial do Xurado Novo no Festival International de Curtametraxes de Huesca.

A continuación poderemos ver “El Zapatero”, unha curtametraxe premiada no Dubai Filme Festival, da actriz e directora de Arabia Saudita Ahd Kamel. Para rematar proxectarase “El Paseo”, unha coprodución dirixida por Sabine El Chamma. Esta cineasta libanesa participou na primeira edición do Sundance Screenwriter’s lab en Xordania e no Mediterranean Films Crossing Borders de Cannes 2006. Ás 20.30 chegará a quenda de “Dejando la rosa a un lado”, terceiro documental da nova cineasta siria Soudade Kaadan, que xira ao redor das vidas de cinco mozas que rompen coa imaxe estereotipada das mulleres sirias.

A xornada finalizará ás 22.00 no Teatro Principal coa proxección de “Secretos enterrados”,  segunda longametraxe de Raja Amari, directora tunisiana que foi premiada en festivais de recoñecido prestixio como o Montreal Filme Festival, Stockholm Filme Festival ou Torino International Festival of Young Cinema. Tras a proxección, os asistentes terán a oportunidade de conversar coa actriz tunisiana Wassila Dari, unha das protagonistas desta película.

Categoría: Novas
Etiquetas: