A Academia Galega do Audiovisual proxectará mañá venres en Compostela ás 19.30 horas na sede da Fundación Caixa Galicia as curtas presentadas aos Premis Gaudí deste ano, que se celebrarán o vindeiro día 17 de xaneiro en Barcelona. Con esta proxección na capital galega ponse fin a un percorrido polas cidades galegas destas curtometraxes. Esta actividade vén celebrándose dende o ano pasado, onde as curtas presentadas aos Premis Gaudí son proxectadas en Galicia, antes de recibiren os galardóns. Posteriormente tamén serán exhibidas as longametraxes premiadas. Do mesmo xeito, as obras presentadas aos Premios Mestre Mateo, no capítulo de curtas e longas premiadas, tamén serán exhibidas en Cataluña.

Para rematar esta actividade, en Santiago os traballos presentados aos Premis Gaudí que serán proxectados son: Allah Bakhs, de Joan Soler; Ángeles sin cielo, de Vicente Cuadrado Fraile; Lo siento, te quiero, de Leticia Dolera; La fugida, de Victor Carrey; Miércoles: Scorsese, de Jordi López; Get Stuffed, de Àlex Villagrasa; e Morir cada día, de Aitor Echevarría.  Esta actividade organizada pola Academia Galega do Audiovisual conta coa colaboración da Acadèmia del Cinema Catalá e a Fundación Caixa Galicia. Tedes máis información na web www.academiagalegadoaudiovisual.gal