EVA & LILITH

4 / 11 / 2015

Eva é un nome bíblico hebreo, procede de Jawwäh, transcrito en latín como Eva ou Heva. Deriva a raíz hebrea “j-y-h”: vida. É o nome da primeira muller do primeiro home: Adán.

A historia preséntanos a Adán e Eva como os pais de toda a humanidade, segundo a crenza xudía, cristián e musulmán. Pero xa sabemos que a historia escríbena os homes, e deles: os vencedores. Perpetúan o engano séculos e séculos. Así, nós, estudantes eternas, debemos tragar sapos e cuspir serpentinas de cores para namorar eternamente e ofrecer a Eros o seu mercado semanal.

A orixe de Lilith parece atoparse en Lility e Ardat Lili, dous demos femininos mesopotámicos relacionados a súa vez co espírito maligno Lilu provinte do “vento”, “ar” e “espírito”. Por aí veñen os cantos de sereas, a voz aveludado e enganosa da muller, as onomatopeas felinas previas ao “final feliz”… en definitiva, a manipulación emocional dos homes a través das artes amatorias.

Os xudeus exiliados en Babilonia readaptaron a fonética deste ser maligno ao hebreo para levar o mito ás súas terras e subliminalmente sementar no inconsciente feminino colectivo, o que facían as malas mulleres. Así Lilith en hebreo unida coa palabra parónima Lil ofrécenos o significado de “noche”. Trátase pois dun demo feminino da noite, que voa polos aires, mata aos recentemente nados e seduce aos homes para poder dar a luz a máis demos.

Dende a Deusa Ishtar,serpes, paxaros, ás e árbores sempre conviviron entroncados coa iconografía feminina.

Aquí en Galicia recoñecemos estas descricións por atribuírllas ás meigas. Aquelas pobres mulleres soas e abandonadas nos montes polas múltiples guerras, privadas de maridos, pais e fillos por batallas, que tiveron que facer fronte ao rexeitamento máis absoluto tras ser superviventes de terribles violacións por parte dos turcos tralas cruentas loitas ocorridas na ría de Vigo. Aquelas pobres mulleres.

Pero xa sabemos que as lendas respecto á muller, transforman seres profanos en seres con atributos paranormais e espirituais por incomprensibles á mente viril. Mulleres que durante anos se defenden soas, coidan do gando e da agricultura, dos seus fillos, loitan contra os inimigos decapitándoos se é preciso e son capaces de abortar fetos xerados polos turcos cometendo infanticidio… Son o peor. O obsceno, incluso a fealdade apodérase delas e as transforma en seres desprezables.

Mulleres (meigas) con grandes coñecementos de fitoterapia que fan e desfán, que deciden, sendo elas as protagonistas das súas historias nunha sociedade como a nosa, de raíces celtas, onde a igualdade reflectíase incluso no enlace telúrico das cordas e o coidado do clan.

Estamos en Galicia. Unha sociedade profundamente matriarcal, máis próxima a Lilith que a Eva, ¿por que entón se segue reflectindo no cine o cisma ao que foi sometida a muller dende hai miles de anos?

Entrañas ou cerebro, paixón ou espírito, perversidade ou honestidade. Risa como frivolidade e drama como sentimento verdadeiro. Sempre somos a parte, nunca o todo. Aínda que ás veces se nos amose como a partícula de po que nubra por un momento a azarosa vida do gran protagonista masculino. E todo por cubrir a fiestra de entradas ofertando ao público as súas escenas de cama e a dose de emocionabilidade xusta, por aquilo de contentar ao público feminino.

Hai mulleres que deciden ser nais e outras que non. E a gran maioría, déixanse levar polas leis que marca a sociedade, o cine e os mass media, que abotargan a nosa consciencia e enchen a nosa memoria RAM de absurdos metade cristiáns, metade pagáns, nos que se es unha cousa non podes ser a outra.

Parece que o home precisa compartimentos estancos para clasificar a unha muller que é tódalas mulleres e el aínda non o entende por unha razón sinxela: non evolucionou.

Lilith foi a primeira compañeira de Adán. Deus (ese ser masculino que implantou o seu monoteísmo usurpando o poder ás deidades primixenias, ás deusas) modelounos como seres independentes da mesmalama. Aburrida da súa covardía, ela quixo ir máis aló e o abandonou. Adán non llo perdoou e fixo que se lle castigase relegándoa ás periferias, á noite, ao sexo e ao prohibido. Maldiciuna sendo nai para parir fillos deformes, demos e desgrazas. Creou á femme fatal. Esa muller vestida de negro, silenciosa, misteriosa e voraz. Coiro. Corsés. Ligueiros. Rock. Drogas. Alcohol. Sexo. Cunha mirada fetichista totalmente masculina, con visións antropolóxicas ao Erich Fromm, o home constrúe a imaxe dunha muller prohibida que arrastra ao pobre ser á perdición.

Por outro lado temos ao acovardado e egoísta Adán xustificándose:

– Hai que manter o “status quo”… Se eu estou así de fábula… Vamos, porque non teño embigo nin nai… Mmmm… un cocidito, a miña cervexiña, o meu cigarro, a miña tele e o meu sofá… ¿Que me conta a louca esa da igualdade no fogar, nos fillos e as súas parvadas?… Logo ponse histérica, claro. “Preciso algo máis”… Vamos a ver, ¿que máis quere se estamos aquí a todo luxo e de gratis?… Que se pire coas súas paranoias e se quere probar algo novo, o seu puto problema…

Pasan os días e Adán non constrúe trama porque non hai un macho alfa co que loitar e competir. Agora está dobremente aburrido.

– Deus, sácame unha costela (sen dor) e faime unha que estea boa… pero modosita. Que lle vaia a marcha.

Misión cumprida. Eva á carta. Madre e prostituta. A porno chacha. Se se aburre do seu papel entón temos á Eva con dúbidas, atormentada e incluso infiel con culpabilidade. Utiliza o sexo como amalgama do amor. Preséntase así a muller como obxecto sexual, expresando a relación de desigualdade e a superioridade dun sexo sobre o outro. Preséntase ás nenas como pequenas evas, persoas que aprenden a ceder, pactar, cooperar, entregar, obedecer, coidar… Aspectos que non conducen ao éxito nin ao poder e que implican que se as considere como socialmente inferiores ás personaxes masculinas, quedando as mulleres reducidas ao espazo doméstico da familia. Amor. Un amor familiar, submiso e dócil. Eva non é parva. Ten diferentes idades e roles. Totalmente emocional. Muller tapete. Pero o seu núcleo é o mesmo, independentemente do seu traballo fóra da casa. Ten o seu carácter e o seu humor, bromea coa súa parella e os seus fillos, pero sempre subxacerá: unha ama de casa namorada. Conforme ou non. Pero as súascuítas dirímense nun entorno emocional e doméstico. Nunca racional. Eva non ofrece desafío mental, por iso Lilith sempre será unha cabrona.

Eva ten un carácter eminentemente cariñoso e emprega o sexo como reclamo amoroso ou como tráfico de poderes para un dominio sobre o home. Defínese e organiza en torno a un desexo infantil, o de ser beneficiada da incondicionalidade materna. O cine amosa ás mulleres cunha mirada masculina, sexista e infantil.

Temos pois os papeis para un perfil de Eva: coprotagonistas ou secundarias de tódalas comedias románticas como a noiva ideal, a amiga fea intelixente, a nai en tódalas súas acepcións, a compañeira fiel de traballo, a acompañante do protagonista en tódolos saraos. Incluso prostitutas boas redimidas por amor. Ese ser protector, aínda que xoguen á disputa para despistarnos nestes días, que coidará e axudará ao suxeito principal das tramas: o home. Ou nos dramas como esa muller abnegada e sufridora, loitadora pola súa familia e polos seus fillos. Culpable dos seus desexos.

O home sempre será o compañeiro, o amigo, o pai, o irmán, o fillo… sempre terá un rol preponderante na maioría dos guións que percorren a súa existencia como parte fundamental daqueles argumentos nos diferentes filmes.

O perfil de Lilith nos cásting, crubriríanos papeis en thrillers, de asasinas, drogadictas, prostitutas pérfidas, as amantes tolas tipo atracción fatal, as amantes apaixonadas e sexuais, as mulleres independentes e ambiciosas, as cabronas, as malvadas, as mulleres sen fillos, as mulleres de vidas disolutas e desestructuradas, as mafiosas…

Quere dicirse que neste reparto vai implícito unha concepción moral xeneralizada do ben o do mal, cos límites máis difusos hoxe en día, que para iso somos unha sociedade moderna e avanzada.

O cine e a televisión reforzan e lexitiman todo tipo de estereotipos sobre a muller. Represéntana en papeis secundarios e tradicionais, de modo acumulativo e repetitivo.

Os medios de comunicación impoñen modas, transforman actitudes e comportamentos, propagan mensaxes, perpetúan mitos e condutas consolidando determinados valores.

¿Por que Taxi Driver non o protagoniza unha muller? ¿Non sería críble? ¿Cantas películas hai sobre mulleres con traumas psicolóxicos xerados polo seu traballo en guerras e non polas súas cuítas amorosas, xa sexa de militares ou enfermeiras? ¿Non hai mulleres taxistas? ¿As mulleres non beben solas en bares anoxadas do mundo? ¿As mulleres non poden empuñar un arma para limpar as rúas de escoura humana? Non. Porque a muller no cine sempre vai ligada a un home para ben ou para mal.

A violencia feminina sempre vai unida á vinganza persoal polo dano emocional dun home, non por motivación propia, por exemplo por esquizofrenia ou como consecuencia da trama na súa aventura persoal na consecución dun obxectivo vital.

Unha muller con mando e forza sempre será temida polo home e espertará nel instintos primitivos e sexuais. Como a descoñece, anúlaa. Pero esa muller non é un macho alfa para enfrontarse e loitar, así que intenta ensombrecela, porque a considera inferior. Ela acepta a súa sexualidade e a súa forza. Ao facelo xa transgrede o que se espera do xénero e o fai pasar, pola súa actividade, de obxecto a suxeito da trama. Xa non queda relegada ao faiado dos soños ou á vida de desfeitos, aprende a filtrarse en tódolos xéneros.

Lilith existe en mulleres de carne e oso que se enfrontan ao dilema social do que son e do que a sociedade machista agarda delas. Prodúcese unha confrontación entre a figura da muller tradicional e a moderna, no mundo do traballo, da educación, da esfera política, etc. O descoñecemento deste tipo de muller xera desconfianza no xénero masculino limitando a súa presenza a encontros sexuais ou a asasinas en serie, e ante o perigo inminente da súa sedución, só cabe a desvalorización e móstrase con desdén como unha muller arrastrada polas súas paixóns. O arquetipo de Lilith trastoca a visión binaria de Eva, para propór algo diferente, aínda que sempre vai acabar en desgraza.

Isto reflíctese no cine, que non deixa de ser unha fantasía falocrática.

Se isto se amosa na dicotomía home-muller, o concepto cinematográfico muller-muller como parella xa é a máxima rebelión contra o sistema. Películas rodadas e guionizadas por homes sobre as relacións lesbianas non deixan de ser unha visión totalmente sexual e estereotipada dende un punto de vista masculino.

En xeral, o cine considera dunha maneira moi pálida os papeis das mulleres en comparación co trato que dan aos homes, incluídas as películas homosexuais. As mulleres seguen sen ser protagonistas, en xeral son copartícipes no desenvolvemento da trama e iso é moi relevante socialmente, porque o protagonista é quen centraliza toda a acción. Atopámonos cunha contradición e é que, por un lado, os mozos reciben un discurso explícito que lles fala de igualdade e, por outro, reciben unha educación emocional, a través das imaxes e do cine, que lles fala doutra cousa; por exemplo, que eles son os que resolven, os que toman a iniciativa, os máis listos e sempre van acompañados por mulleres espectaculares, torpes e perversas. Inocente versus malvada.

A figura feminina varía da nena-muller terna e poética, torpe e inocente que agarda ser rescatada de algo inconscientemente e aí están numerosos personaxes interpretados por varias actrices: Winona Ryder, Julie Delpy, Audrey Tautou, Juliette Binoche, Julia Roberts, Andie MacDowell, Meg Ryan…a mulleres de rompe e rasga limitadas aos máis escuros desexos: Gena Rowlands, Anne Bancroft, Melína Merkoúri, Sharon Stone, Marlene Dietrich, Simone Signoret, Bette Davis, Charlize Theron.Mulleres que fan o que queren e deciden, elas son as xeradoras de conflitos e protagonistas das tramas nas peripecias das súas vidas.

Figuras como Anna Magnani ou Sofía Loren son un híbrido destes dous conceptos, mulleres poderosas pero cunha forte carga social e relixiosa con imperativos machistas. Son liliths atrapadas en evas.

Hoxe en día, revestidos de intelectualidade,wikpedia e spotify, con corpos deslumbrantes admirados dende distintos ángulos e filtros, temos a “mulleres-nenas obxectos” que pretenden ser suxeitos sen loitar, deixándose acariciar polo bálsamo machista imperante nesta sociedade onde a estética imperante, a idade e a beleza é o cárcere de toda fémina. Mulleres malfaladas, irascibles, mamporreras que se drogan ou afogan en alcohol, que follan a dous bandos e a berros enarbolan a bandeira libertaria. Non deixan de ser máis que evas xogando a autoenganarse, querendo chamar a atención do seu Adán. Mulleres que intentan demostrar o libres e o independentes que son, non son máis que unha versión máis depurada de evas. As evas posmodernas.

Os conceptos no cine están difusos porque son epidérmicos. Hai que rachar as vestiduras e revolverse nas entrañas para darse conta de verdade do que supón amosar a unha muller na pantalla en profundidade, cos seus conflitos máis alá da emoción, coas súas metas, coa súa valentía sen depender do ámbito familiar. Amosar a mulleres de honra, con principios, que sempre as houbo e aínda existen. Mulleres traballadoras en tódolos sectores que son conscientes de tódalas realidades. Mulleres que ofrecen desafíos mentais e son capaces de defenderse ante os innumerables perigos e aventuras, capaces de transgredir e sublimar actos nos cales as súas metas non están ligadas, ou si, a conceptos familiares ou amorosos. Mulleres feitas de boa madeira, que teñen ás, garras de paxaro e serpes o seu lado. Mulleres con raíces celtas que están apegadas á terra e ao espírito.

Ese deberá ser o noso cine. Non un cine feminino ou realizado por mulleres. Non. Cine. Historias. Un cine cun sabor peculiar, cun calidoscopio profano, escatolóxico, sexual, espiritual, envexoso e ruín, vingativo, antropolóxico, ritual, supersticioso, tradicional e mortuorio ao redor dunha lareira e con olor a chourizo e a herba acabada de cortar. Palabra de muller.