AMAL ORGANIZA A III MOSTRA INTERNACIONAL DE CINE EUROÁRABE EN ARXENTINA

19 / 06 / 2012

O Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal, en colaboración coa Asociación Cine Fértil, organiza a III Mostra Internacional de Cine Euroárabe Amal en Arxentina. Celebrarase do 25 de xuño ao 3 de xullo na cidade de Córdoba.

 

É a terceira vez que se leva a cabo esta mostra de cine euroárabe en Arxentina. Nesta ocasión o programa está composto por 14 películas que formaron parte da selección oficial de Amal en edicións anteriores. Trátase dunha compilación de curtas e longas, tanto de ficción como documentais e cuxa temática vira arredor do mundo árabe.

Ademais das proxeccións, o Embaixador en misión da República Árabe Saharauí Democrática, Mohamed Salem Bachir, estará presente para charlar co público o mércores 27 de xuño. Farao tras o pase do documental Territorio Perdido, de Pierre Yves Vandeweerd.

A Asociación Cine Fértil, coa que o Festival Amal leva colaborando 3 anos, é unha entidade formada por un grupo multidisciplinar de mozos profesionais interesados na difusión e discusión crítica en América Latina do Cine Árabe, co obxectivo de aproximar a un público cada vez máis importante a realidade social e cultural do mundo árabe a través do cine. Trátase dunha filosofía que comparte Amal, feito polo que xa é a terceira ocasión na que se convoca esta mostra de cine en colaboración con esta asociación.

Programa completo da mostra en: www.festivalamal.es

Categoría: Novas
Etiquetas: