A Academia Galega do Audiovisual quere deixar patente o seu malestar ante o recorte nas concesións de achegas aos diferentes certames galegos, que deixan a nosa comunidade cun investimento por parte do ICAA (Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais) no 2,21% do total do Estado.

Sen mudar os criterios da edición anterior vemos como o Festival de Cans -que este ano contou coa presenza de máis de 11.000 persoas- o Curtocircuíto de Santiago que vai xa pola súa novena edición, ou os Premios Mestre Mateo -que van pola décima edición e son a maior reunión de profesionais do sector en Galicia amais dun dos eventos con maior repercusión nos medios de comunicación do sector- víronse este ano afastados destas achegas en favor de certames con menor antigüidade.

 

Non sendo o da antigüidade o único criterio de selección si que é o máis claro e no tocante aos tres restantes non se entende que os certames galegos dun ano para outro deixaran de cumprilos como para que a achega do ICAA quede en 5.000 euros para tódolos eventos deste tipo que se producen nun ano en Galicia. No caso dos Mestre Mateo, por exemplo, as condicións son as mesmas que as dos Goya –a unha escala menor, evidentemente- e os Goya acadan unha subvención de 85.000 euros. Sendo conscientes da situación que se está a vivir e os recortes e os sacrificios que xa están a facer tódolos cidadáns en xeral, e o mundo da cultura en particular, a Academia Galega do Audiovisual non entende que só se destine á nosa comunidade un 2,21% do total do orzamento, máxime cando falamos de festivais consolidados e cunha gran repercusión mediática e social.