A segunda xornada do Foro Academia Aberta afondará na problemática da explotación e difusión das obras audiovisuais. O evento, que terá lugar hoxe mércores na sede da Fundación Caixa Galicia en Santiago de Compostela ás 18.00 horas, contará coa presenza de destacados profesionais neste sector como Jaume Ripoll, Jorge Carrasco e María Yáñez. Pepe Coira, vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual, será o encargado de moderar o coloquio.

O Foro Academia Aberta, que nesta edición cumpre oito anos, leva por título  “Creatividade na crise. Adaptarse ou desaparecer”. O evento, coordinado polo académico Manolo González, afondará no problema da crise económica estructural e en como potenciar as dificultades para convertelas en oportunidades de éxito apoiándose, sobre todo, na creatividade e na innovación.

Programa mércores
Unha das debilidades tradicionais de gran parte do cinema español e moi en especial do galego son os procesos intermedios que posibilitan o contacto do publico coa obra audiovisual. Asemade, as novas tecnoloxías están a provocar notábeis disfuncións no modelo de negocio audiovisual. Sen embargo agroman no horizontes novas posibilidades e nichos de mercado mediante sistemas alternativos de distribución, promoción e consumo, que poden permitir ademais retornos á produción,restaurando a cadea de valor do audiovisual.

Expoñen:
- Jaume Ripoll. Director de proxecto de Filmin.
Desenvolveu a súa carreira entre o periodismo e o sector audiovisual.Dende 2007 alterna o seu traballo coma director editorial en Cameo,co desenvolvemento de Filmin, un ambicioso portal cinematográfico creado sobre dous principios: axudar a difundir a obra dos talentos emerxentes e dispoñer en formato streaming dun selecto catálogo de títulos que representen os mellores filmes de cine independente e de autor dos últimos anos. Filmin ten a honra de ser o único proxecto español de distribución online de longametraxes que conta co apoio do programa Media da Unión Europea e o primeiro en apostar polo modelo de subscrición.

- Jorge Carrasco. Especialista en cine dixital.
Traballa no cine e a televisión dende 1989, cando comezou coma meritorio en ¡Ay Carmela!, de Carlos Saura. Ultimamente adícase a temas de distribución independente, proxeccións dixitais e estereoscopía 3D, mesturando os seus tempos libres coas matemáticas de Fermat. Os seus últimos proxectos son Cine Urgente, unha iniciativa de auto distribución en salas; “Papá Insecto”, unha curtametraxe 3D de ficción real recen rodado; “Cine y TV Digital. Manual Técnico”, libro editado pola universidade de Barcelona e a ESCAC.

- María Yáñez. Produtora de contidos de A Navalla Suíza.
É xornalista e produtora de contidos para a rede, e investigadora en narrativas dixitais e transmedia na Universidade de Santiago de Compostela. Socia fundadora de A Navalla Suíza, empresa de comunicación en internet, responsable de proxectos como Flocos. TV (Premio Mestre Mateo 08 á Mellor Obra Interactiva), os web documentais colectivos “ Eu falo” ou “Memoria de Muller”, ou a plataforma de teatro online RedeNasa.TV. En abril do 2010 foron gañadores do certame Content 360º no MIPTV na categoría “Next Generation Online Video Experience”, obtendo un contrato co National Film Board de Canadá para o desenvolvemento dun novo reprodutor de vídeo semántico con contidos xeo localizados.

Modera: Pepe Coira. Vicepresidente da
Academia Galega do Audiovisual