A segunda cadena da Televisión Pública Española volve apostar pola emisión da coprodución internacional Linatakalam, producida por IBISAtv baixo a dirección de Valentín Carrera e patrocinada pola Alianza de Civilizacións. Linatakalam, que foi reemitida este verán pola segunda cadena,  está dispoñible en sete linguas: castelán, galego, valenciano, francés, inglés, italiano e árabe, representando un estandarte de diversidade cultural.

Esta noite, a partir das 23:35 horas, emitirase o cuarto capítulo : ‘os fillos do libro’, que aborda a presencia das tres relixións do Libro, e no que participan representantes do pensamento laico e laicista.

Este capítulo  trata de analizar as posicións, aportacións e dificultades que ofrecen as tres relixións e o pensamento laico para a convivencia social e política, para o tipo de relacións que hai entre os distintos credos, culturas e civilizacións, e para o desenvolvemento do pensamento, a ciencia e a investigación.

Conversarase sobre as reformas e os cambios nas prácticas e crenzas relixiosas e no pensamento laico e laicista nas sociedades actuais. Analizarase a posibilidade dunha alianza da moderación nos tres credos, comprometidos nunha estratexia común para promover a tolerancia, a convivencia, a cultura da non violencia e combater toda sorte de fundamentalismo e fanatismo dende as relixións. Segundo as palabras de Amos Oz, imaxinar ao outro é un importante antídoto contra o odio.

Linatakalam, falemos en árabe, foi realizada en 2006 por IBISAtv, con participación de TVG, TVE e produtoras de Marrocos e Italia, e foi rodada en alta definición en Exipto, España, Marrocos, Túnez, Turquía e Italia. A serie consta de seis capítulos adicados ao encontro de civilizacións, á revolución silenciosa da muller e á globalización da inmigración, entre outras cuestións.