• Tamén suman numerosas candidaturas os filmes A estación violenta, Juana de Vega, vizcondesa do arado, Os fillos do sol e Trinta lumes e máis as series O final do camiño e Serramoura
  • Iolanda Muíños conducirá, un ano máis, a Gala dos grandes premios do audiovisual galego, que se celebrará o sábado 3 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña e que transmitirá a TVG en directo

A primeira rolda de votacións das e dos académicos galegos sitúa o filme Dhogs como a produción máis votada entre as 158 que se presentaron aos XVI Premios Mestre Mateo, acaparando 17 candidaturas en 14 categorías. Entre elas, mellor longametraxe e mellor guión, dirección e montaxe para Andrés Goteira, que comparte a última con Juan Galiñanes. Tamén compiten Iván Marcos e Melania Cruz pola mellor interpretación protagonista e María Costas, Antonio Durán “Morris”, Carlos Blanco e Miguel de Lira polas de reparto. A unha certa distancia sitúanse A estación violenta, con 8 candidaturas; O final do camiño e Os fillos do sol, con 7 cada unha; Serramoura, con 6; e Juana de Vega, vizcondesa do arado e máis Trinta lumes, con 5 cada unha.

A Academia Galega do Audiovisual anunciou esta mañá, nun acto conducido por María Mera e Monti Castiñeiras na sede compostelana da SGAE, os nomes dos proxectos e profesionais finalistas en cada unha das 25 categorías da XVI edición dos Premios Mestre Mateo, que se entregarán o sábado 3 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña, nunha gala conducida, por segundo ano consecutivo, pola actriz Iolanda Muíños.

ADN galego, A Revista Fin de Semana, Land Rober Tunai Show e Que casas! compiten polo premio ao mellor programa de TV, mentres que María Solar, Nieves Rodríguez, Roberto Vilar e Rodrigo Vázquez fan o propio polo de mellor comunicador/a. Era visto! e Vidago Palace disputarán o de mellor serie coas xa mencionadas O final do camiño e Serramoura. E, entre os 20 documentais presentados, as e os académicos elixiron como finalistas A batalla descoñecida, Castelao. De chumbo a verba, O tempo futuro e Vigo 1972.

A muller invisible, Escarabana, La Madrina e Matria son as finalistas na categoría de mellor curtametraxe; Galesauros, The neverending wall, Paquita e Sinceramente, yo ya no razono na de mellor curtametraxe de animación; Conserveiras do noso, Imposible sen ti 2017, Machismo on the road de Galuresa e Vegalsa Navidad na de mellor anuncio; e Como Gala y Dalí (Jorge Casal), Días y días (Delafé), Salto al vacío (Nortones), Todos los gallegos (Fernando Tato y Los Animales) e Troubled times (Green Day) na de mellor videoclip.

Compiten coa mencionada Melania Cruz polo premio á mellor interpretación feminina protagonista en Dhogs, Nerea Barros (A estación violenta), Sabela Arán (Viradeira) e Sonia Castelo (Juana de Vega, vizcondesa do arado). Pola súa banda, o seu compañeiro de reparto Iván Marcos enfróntase a Alberto Rolán (A estación violenta), Federico Pérez (Era visto!) e Javier Rey (O final do camiño)

Optan ao premio á mellor interpretación feminina de reparto Bárbara Grandío (A historia dun satélite), Luisa Merelas (Juana de Vega, vizcondesa do arado), Susana Sampedro (Serramoura) e a mencionada María Costas (Dhogs), mentres que o único finalista na categoría de mellor interpretación masculina de reparto que non pertence ao equipo de Dhogs -comoé o caso de Antonio Durán “Morris”, Carlos Blanco e Miguel de Lira- é Monti Castiñeiras (Serramoura).

Podedes consultar aquí a Listaxe Completa de Finalistas dos Mestre Mateo 2018

20180207_LecturaFinalistasPMM18 (4)