“A Esmorga”, “Os Fenómenos” e os fans protagonizan a gala dos Mestre Mateo

12 / 04 / 2015

“Os Fenómenos”, cun total de 4 premios, e “A Esmorga” con 6, comparten o triunfo na XIII Edición dos Premios Mestre Mateo. “Os Fenómenos”, de Alfonso Zarauza, acadou os premios a Mellor Longametraxe, Mellor Guión, Mellor Dirección e Mellor Interpretación Feminina de Reparto. “A Esmorga”, de Ignacio Vilar, triunfou especialmente nas categorías técnicas, levándose os premios a Mellor Interpretación Masculina Protagonista, Mellor Dirección de Arte, Mellor Dirección de Fotografía, Mellor Música Orixinal, Mellor Vestiario, Mellor Maquillaxe e Perruquería. O outro filme favorito, “Schimbare”, finalmente acadou os galardóns de Mellor Dirección de Produción e Mellor Son.

Outro dos grandes gañadores da noite foi Antonio Durán “Morris”, que acadou os dous premios polos que competía: Mellor Interpretación Masculina Protagonista por “A Esmorga” e Mellor Interpretación Masculina de Reparto por “Códice”.

A XIII edición dos Premios Mestre Mateo arrancou agradecendo o apoio do público cunha franca intervención do presentador Roberto Vilar. Tras un monólogo breve e divertido, que deixou clara a rapidez que caracterizaría o evento, Vilar destacou o bo momento polo que pasa o audiovisual galego da man de producións como “Serramoura”, “Os Fenómenos” e “A Esmorga”.

A conta de premios de “A Esmorga”, que acadaría un total de 6 premios, arrincou puntual cos galardóns a Mellor Maquillaxe e Perruquería e a Mellor Música Orixinal, aos que rapidamente se sumaron os de Mellor Vestiario e Mellor Dirección de Arte.

Por outra banda, un dos puntos clave da gala foi o agradecemento ao público polo seu apoio á ficción galega, que se materializou nun vídeo-homenaxe aos fans, invitados de honra ao evento. Este pequeno recoñecemento continuou coa entrega do galardón á Mellor Serie de Televisión por parte dun fan escollido pola Academia.

O galardón á Mellor Serie de Televisión foi para “Serramoura”, acompañado dun interminable aplauso do público, aínda que esta foi a única vez que o equipo da serie subiu ao escenario para recoller un premio.

Notorio foi tamén o aplauso para o equipo de “El Método Sueco”, gañadores do Mestre Mateo á Mellor Serie Web, que reivindicaron o papel motor dos máis novos no audiovisual galego e salientaron a gran cantidade de webseries que se fan en Galicia “con moitas ganas e sen cobrar un peso”.

Continuando coas reivindicacións, Isabel Risco fixo a súa aparición no escenario con cadeas para “protestar”, ironicamente, sen ningunha reivindicación, arrincando as risas do público. Tras este pequeno sketch, chegou o momento do discurso do presidente da Academia Galega do Audiovisual, Antonio Mourelos. Tras catro anos ao fronte da Academia, Mourelos remata o seu mandato coa vista posta nun futuro cheo de “cambios por vivir” e “infinidade de retos”. O presidente lembrou o papel necesario do sector nun discurso marcado polos agradecementos, en especial ao público máis fiel, “un público sen complexos”, que acompañou ao audiovisual galego ao longo destes trinta anos.

Tras o discurso, Mabel Rivera entregou, cun longo e emotivo abrazo, o premio de honra Fernando Rey á actriz Fely Manzano, a súa compañeira de rodaxe na clásica serie da TVG “Pratos Combinados”. No seu discurso, Fely Manzano, do mesmo xeito que na cerimonia de nomeados da Academia, aproveitou o momento para pedir que non se esqueza á súa xeración, ademais de agradecer ao público o seu apoio ao sector. O público asistente ao evento acompañou á actriz cun clamoroso aplauso no seu grito de “Viva o audiovisual galego!”.

Outro dos momentos destacados da gala foi a dedicatoria do Colectivo Audiovisual Lentes Diverxentes, gañadores do premios ao Mellor Documental por “Angrois no esquecemento”. O reducido equipo do filme, formado unicamente por catro persoas, dedicou o premio ás vítimas do accidente e aproveitou o momento para reivindicar a petición dos familiares de que “se faga xustiza e se busque a verdade”.

Finalmente, os recentes gañadores dun Premio Goya, Nerea Barros e Javier Gutierrez, foron os encargados de entregar o premio á Mellor Longametraxe, que recaeu en “Os Fenómenos”, de Alfonso Zarauza.

Isto supuxo o punto final a uns premios que son a viva mostra de que na sociedade galega existe un audiovisual de calidade, que ademais atravesa un bo momento. En palabras do presidente da Academia: “un audiovisual creativo, rico e con futuro que segue loitando por mellorar e abrir as súas fronteiras e colocarnos no mundo”.

Etiquetas: Mestre Mateo