Esta mañá José Manuel Sande, Concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento do Concello da Coruña, e Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual, reuníronse para anunciar a celebración por primeira vez en Galicia do Young Audience Award da Academia de Cine Europeo, presentar o obradoiro “Cineclube: novos programadores de cinema galego” e facer unha valoración dos resultados da Oficina de Cooperación Audiovisual (ACO). Neste 2019, a Academia continuará tamén coas súas actividades habituais como a celebración dos Premios Mestre Mateo o próximo 2 de marzo no Palacio de la Ópera da Coruña, a formación para profesionais, seguirá coa súa liña de colaboracións coas demais asociacións do sector, diversos encontros ou a Semana das Músicas do Audiovisual que, tras o éxito das formacións e os concertos didácticos do ano pasado, volverá celebrarse en outono.

APG_8465

OS RESULTADOS DA OFICINA DE COOPERACIÓN AUDIOVISUAL

Tal e como anotou Sande, a ACO é unha rede profesional que ten como principal obxectivo potenciar o sector audiovisual galego, promovendo a cooperación con creadores, produtoras e institucións que se puxo en funcionamento o pasado verán. Dende a oficina apoiáronse arredor de 40 proxectos, máis do 80% do equipo asesor considerou que a posta en marcha de ACO, como profesionais do sector audiovisual galego, resulta moi necesaria e tamén que a Academia debe asumir este tipo de iniciativas. No tocante aos usuarios e usuarias, un 100% das persoas que presentaron proxectos pensan tamén que a Academia debe asumir este tipo de iniciativas e case o 90% considera tamén que o informe de valoración recibido foi moi útil. Ademais, Oficina de Cooperación Audiovisual tamén alberga a Oficina de Rodaxes na Coruña, poñendo a disposición de profesionais e produtoras información sobre localizacións, trámites e permisos, e outra información útil para axilizar e facilitar realización de proxectos audiovisuais.

Para este 2019, a ACO abrirá o prazo de recepción de proxectos en desenvolvemento (sexan de cinema, televisión, narrativas interactivas, transmedia e videoxogos ou creación audiovisual contemporánea) e producción avanzada dende o 1 de febreiro ata o 31 de maio.

YOUNG AUDIENCE AWARD, OS PREMIOS EUROPEOS DE CINEMA ADICADOS AO PÚBLICO XUVENIL

Sande tamén anunciou que, no próximo mes de maio, A Coruña será unha das sedes en España, e por primeira vez en Galicia, do Young Audience Award, os premios que a Academia de Cine Europeo (EFA) impulsa dende 2012 para recoñecer as tres mellores películas europeas do ano para o público de entre 12 e 14 anos.

Como explicou Carlos Ares, o domingo 5 de maio, un xurado de rapazas e rapaces seleccionados entre o alumnado de colexios e institutos de toda Galicia, terán a oportunidade de elixir co seu voto cal é a mellor película europea xuvenil do ano. Isto sucederá simultaneamente en 50 cidades de 35 países para unha audiencia de xóvenes de entre 12 e 14 anos. Na cerimonia de entrega, organizada pola Academia de cine Europeo na cidade alemá de Erfurt, cada país participante retransmite o seu voto por videoconferencia, ao estilo de Eurovisión, para finalmente outorgar o premio á película máis votada polos xurados de todas as cidades participantes.

[Vídeo resumo dos Young Audience Award 2018 na súa sede de Madrid (Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España)].

OBRADOIRO “CINECLUBE: NOVOS PROGRAMADORES DE CINEMA GALEGO”

Dende hai uns meses o Centro Ágora é a sede da Academia e, grazas a isto, a AGA ten a posibilidade de estar en contacto con outros axentes culturais da cidade e levar a cabo iniciativas conxuntamente, como é o caso de Coruña Dixital. Ademais, isto tamén axuda á organización doutro tipo de actividades de xeito regular para diversos tipos de público utilizando este espazo. Como inicio, a Academia pon en marcha co apoio do Concello da Coruña o obradoiro “Cineclube: novos programadores de cinema galego”, co que se damos un paso máis na labor de difusión e divulgación do audiovisual galego.

Trátase dunha oportunidade para que público de distintas idades descubran e vexan o mellor cinema feito en Galicia, pero tamén aprendan a deseñar materiais para promocionar unha sesión de cine, a escribir textos breves, a presentar as películas ou a programalas. Durante os meses de febreiro e marzo poderán asistir rapazas e rapaces de entre 12 e 18 anos e en abril, maio e xuño persoas de máis de 55 anos.

Os docentes deste obradoiro, que ademais son tamén socios da Academia, serán os programadores dos únicos dous festivais de cinema infantís de Galicia: Marcos Nine (director artístico e programador do Festival Internacional de Cine Infantil, Cinema Crianza) e Jorge Rivero (director e programador do Festival Internacional de Curtas Infantís de Galicia, PequeFilmes).