A ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL PRESENTA O SEGUNDO NÚMERO DE “PAPEIS DA ACADEMIA”

28 / 11 / 2008

A Presidenta da Academia Galega do Audiovisual, María Bouzas, presentou esta mañá no marco do Festival Cineuropa un novo número da publicación Papeis da Academia, posta en marcha o ano pasado pola entidade como plataforma de opinión dos seus membros e testemuño do acontecer audiovisual galego ao longo dun ano.
Nesta ocasión, xunto con Papeis da Academia, a Comisión de Publicacións da AGA inicia As músicas da Academia, unha liña de recompilacións en formato CD adicada a difundir e homenaxear o patrimonio da música cinematográfica do noso país, comezando pola que o compositor Manuel Balboa (A Coruña, 1958) creou para os filmes “Martes de Carnaval” (1991), “El baile de las ánimas” (1993) e “Canción de cuna (1994). A banda sonora desta última película foi nominada pola Academia de Cine de España no apartado de Mellor Música Orixinal para os Premios Goya de 1994 e polo Círculo de Escritores Cinematográficos nos seus galardóns anuais. O CD, que se distribúe conxuntamente co libro, inclúe unha biografía profesional de Balboa e uns breves apuntes sobre o autor, escritos polo actor e poeta Lino Braxe, quen fai fincapé na singulariedade da linguaxe musical de Balboa, lonxe de catalogalo como un compositor neorromántico sen máis.

Na presentación de Papeis da Academia, que neste número recolle a actividade do audiovisual galego dende xullo de 2007 a xuño de 2008, acompañaron a María Bouzas o catedrático de cine e membro da Comisión de Publicacións da Academia Ángel Luis Hueso; o directivo da entidade, compositor e músico Nani García, como coordinador do CD; e o actor e escritor Lino Braxe. Así mesmo estiveron presentes o director de Cineuropa, José Luis Losa, e a subdirectora do Auditorio de Galicia, Silvia Modia, en representación da Concellaría de Cultura do Concello de Santiago.

Coma na anterior edición, a publicación reproduce os debates que tiveron lugar ao redor das actividades organizadas pola Academia: por unha banda, O Estado das Cousas celebrado en xuño, no que a través dos foros virtuais da entidade reflexionouse sobre a crise do modelo audiovisual clásico, as relacións coa literatura, a lingua e os Premios Mestre Mateo, e por outra, o Foro Academia Aberta, que en novembro do ano pasado tratou sobre o novo escenario televisivo que marca a chegada da TDT.

A publicación, aberta á participación de todos os académicos, recolle artigos sobre a medida das audiencias de televisión, por Jorge Mira e César Sánchez (Universidade de Santiago); sobre a revolución do audiovisual-multimedia que supón a chegada de novas fiestras de distribución e novos soportes para o consumo de contidos, por Cani Martínez, Katia Fraguela e Elena Couto (Filmanova); sobre o estilo de vida dixital que abren as novas tecnoloxías e que permiten a mobilidade e o acceso a fontes informativas antes pechadas, escrito por Manuel Cristóbal; e, finalmente, sobre a experiencia do audiovisual no mundo virtual Second Life, por Luis Hernández e Viviana Barneche (Videalab-Universidade da Coruña).

O apartado de Opinión conta coas aportacións de Manolo González, director da Axencia Audiovisual Galega, e de Marcos Nine, David Pardo, Piti Sanz, Sergio Moure e Jorge Coira, mentres que no capítulo adicado á Producción atópanse as experiencias e reflexións de Ángel de La Cruz, Ignacio Vilar e Alberto Pereira, Iván López Gimeno, Ángel Nimo e Ramón Campos, así como unha análise sobre o documental en Galicia, por María José Arrojo, e as fichas das obras estreadas entre o 1 de xullo de 2007 e o 31 de xuño de 2008.

A publicación complétase coa listaxe dos festivais celebrados en Galicia, as subvecións ao sector, unha cronoloxía dos principais fitos acontecidos nos doce meses, e un obituario no que se rende homenaxe aos compañeiros falecidos, Gonzalo Uriarte pai, Quino González, Agustín Díaz Blanco, Anxo Carballeira, Eduardo Díaz, Eugenio Pena, Humberto Mazoy, Emilio McGregor, John Balan e Juan Guisán.

Papeis da Academia 07-08 está patrocinada pola Consellería de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural; a Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual; o Concello da Coruña e o Consorcio Audiovisual de Galicia. Así mesmo, conta cunha subvención da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e coa colaboración da Axencia Audiovisual Galega.

Etiquetas: