A Academia Galega do Audiovisual dará a coñecer ós 4 finalistas de cada unha das 25 categorías establecidas nas bases dos Premios Mestre Mateo 04 a vindeira semana, botando man da máis rigurosa transparencia. Será en rolda de prensa onde o propio Notario vaia abrindo os sobres lacrados que conteñen os nomes dos traballos ou dos profesionais nominados de cada categoría, de tal xeito que ninguén, nin a Xunta Directiva da Academia nin ningún estamento implicado no proceso de votación, saberá os resultados antes que os propios medios de comunicación.
A ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL DARÁ A COÑECE-LOS FINALISTAS ÓS MM 04 A VINDEIRA SEMANA EN ROLDA DE PRENSA

O notario abrirá os sobres diante dos medios de comunicación

Mércores 16 de febreiro de 2005.- A Academia Galega do Audiovisual dará a coñecer ós 4 finalistas de cada unha das 25 categorías establecidas nas bases dos Premios Mestre Mateo 04 a vindeira semana, botando man da máis rigurosa transparencia. Será en rolda de prensa onde o propio Notario vaia abrindo os sobres lacrados que conteñen os nomes dos traballos ou dos profesionais nominados de cada categoría, de tal xeito que ninguén, nin a Xunta Directiva da Academia nin ningún estamento implicado no proceso de votación, saberá os resultados antes que os propios medios de comunicación.

Este acto de apertura de sobres farase en rolda de prensa a vindeira semana, data na que xa terá recibido o Notario a totalidade dos votos emitidos polos socios da Academia, que son os que elixirán, en definitiva, tanto ós finalistas como ós gañadores dos Premios, anque este derradeiro proceso de votación non comezará até que se abran, precisamente, os sobres cos 4 finalistas, é dicir, na vindeira semana. A partir de aí, a Academia enviará as papeletas cos nomes destes 4 finalistas por categoría, para que os membros da mesma reenvíen ó Notario as súas votacións, das que sairán os gañadores das 25 categorías, pero que só coñeceremos na propia Gala de Entrega dos MM 04 que se celebrará o vindeiro 20 de marzo en Vigo, no Teatro-Sala de Concertos (coñecido como o García Barbón).

Os aspirantes

Un total de 33 empresas productoras, incluíndo a TVG e TVE en Galicia, presentan un total de 89 produccións ás 25 categorías en que se distribúen os Premios Mestre Mateo 04. A Academia Galega do Audiovisual ten este ano como novidade a carencia de Xurado, é dicir, que son os propios socios da Academia quen elixen ós Nominados nas dúas fases en que se divide o proceso de eleccións.