A ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL CONVOCA A NOVENA EDICIÓN DOS PREMIOS DO AUDIOVISUAL GALEGO “MESTRE MATEO”

13 / 11 / 2010

Dende este luns poderán presentarse os traballos audiovisuais para optar aos Premios Mestre Mateo 10 convocados pola Academia Galega do Audiovisual. O prazo de recepción de candidaturas pecha o día 17 de decembro e, unha vez rematado o proceso de votación por parte dos académicos, daranse a coñece-los gañadores desta novena edición na gala que terá lugar o 16 de abril en Ourense.

Poden aspirar a estes galardóns as longametraxes –animación, documental e ficción-, películas, series e programas para televisión, documentais, curtametraxes de ficción e animación, obras experimentais, obras publicitarias e obras interactivas así como os profesionais que participen nestas producións –agás nas curtametraxes, obras experimentais, publicitarias e interactivas- e que cumpran os requisitos das categorías específicas.

Segundo sinalan as condicións de admisión, as obras audiovisuais que se presenten deben ter sido estreadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano 2010, e cumprir unha serie de requisitos que contemplan as bases.

As candidaturas dos Premios Mestre Mateo poderán ser presentadas polas entidades ou persoas físicas con dereitos sobre a obra correspondente ou por calquera académico con dereito a voto. As  categorías son: Longametraxe, Película para TV, Programa de TV, Serie de TV, Documental, Obra Experimental, Obra Interactiva, Obra Publicitaria,  Curtametraxe de Ficción, Curtametraxe de Animación, Dirección de Produción, Dirección de Fotografía, Maquillaxe e Perruquería, Deseño de Vestiario, Dirección Artística, Montaxe, Son,  Guión, Música Orixinal, Dirección, Realización, Comunicador de TV, Interpretación Masculina Protagonista, Interpretación Feminina Protagonista, Interpretación Masculina de Reparto,  Interpretación Feminina de Reparto. Como en anteriores edicións, haberá un Premio Honorífico, a criterio da Xunta Directiva da Academia tanto na súa designación como denominación.

Calendario dos Premios Mestre Mateo 10
– 15 de novembro: ábrese o prazo de recepción de candidaturas.
– 17 de decembro: péchase o prazo de recepción de candidaturas (ás 14.00 horas).
– 12 de xaneiro: publicación de candidaturas aceptadas e ábrese o prazo de alegacións de socios.
– 18 de xaneiro: péchase o prazo de alegacións (ás 13:00 horas).
– 24 de xaneiro: publicación das candidaturas definitivas presentadas.
– 2 de febreiro: envío de papeletas para a primeira rolda de votacións.
– 2 de marzo: finaliza o prazo de recepción de papeletas de votación no notario.
– 15 de marzo: publicación dos finalistas.
– 17 de marzo: envío de papeletas para a segunda rolda de votacións.
– 7 de abril: fin do prazo de recepción de papeletas de votación no notario.
– 16 de abril: GALA PREMIOS MESTRE MATEO 10 

Podes descarga-las bases e as fichas de inscrición na páxina web www.academiagalegadoaudiovisual.gal 
 

Etiquetas: